Descargar libros completos en Google Books

 

Calquera persoa que busque información en internet acaba chegando, antes ou despois, a Google Books, a inmensa librería-biblioteca na que o xigante Google nos ofrece varios millóns de títulos nunha chea de linguas. Grazas ós convenios asinados con máis de 10.000 editoriais de máis de 100 países de todo o mundo, Google posúe os dereitos de edición dixital en inernet da maioría dos libros e revistas editados ó longo da historia e ademais tamén os dereitos de venda da versión e-book de moitos deles a través de Google Play. E para os libros dos que non hai versión electrónica, Google Books remitenos a algúns dos principais distribuidores de libros, como Amazon, La casa del libro, AbeBooks, imosver, Laie, etc. Moitos dos resultados das buscas que facemos en Google remítennos a pasaxes concretas dos libros deste repositorio e mesmo podemos facer buscas directamente nos libros, que se nos ofrecen en versión pdf a través dunha interface que, sen embargo, non permite seleccionar e copiar nin descargar o libro. Ademais, a previsualización do libro que nos ofrece Google Books non é completa: dependendo da situación legal do título concreto (e imaxinamos que dependendo tamén da demanda que teña o libro no buscador e en Google Play), de certas obras ofrécensenos só unha ducias de páxinas xunto á cuberta, páxina de créditos, portada, índice e contracuberta, pero noutros casos podemos acceder a practicamente todo o libro.

O lector ou lectora curiosos, e moi especialmente quen se dediquen á tradución, profesionais por natureza insaciables na busca de información, van quedar sempre con gañas de máis. E aí está o negocio dos libros de Google Play: déixannos co mel nos beizos pero temos os libros ó alcance do furabolos e a prezos de cote razoables. Hai un certo número de libros que podemos descargar directamente en pdf dende a interface do repositorio, pero son só títulos que xa non teñen dereitos de autor.

Moitos usuarios descoñecerán que o buscador de Google Books ten tamén unha interface de busca avanzada, na que podemos limitar as nosas pesquisas segundo diversos criterios, algúns deles coincidentes cos criterios de busca avanzada de Google (palabras, frases exactas, exclusións, etc.) pero outros exclusivos da redacción bibliográfica, como autor, editorial, ano de publicación, ISBN ou ISSN, etc. Un dos criterios que nos pode ser útil é o da dispoñibilidade do texto completo, para localizar títulos que poidamos descargar en formato ebook completos e de forma gratuíta.

Unha ferramente moi útil para descargar calquera tipo de libro ou revista de Google Books é o programa Google Books Downloader, que nos permite baixar en diferentes formatos (pdf, jpg, png) o contido de Google Books. É un programa freeware, está libre de virus, spyware e adware e funciona en diversos sistemas operativos (Windows, Android e Mac OS X). O seu uso é moi sinxelo: abonda con introducir a URL do libro que desexamos descargar e máis o formato; o máis aconsellable é pdf, xa que nos permite buscas no texto, editalo, etc.

Sen embargo, este programa descarga os libros tal e como os vemos en Google Books, é dicir, incompletos, con algunhas ou moitas páxinas de menos. Gañamos en comodidade no uso do libro, posto que o podemos manipular e navegar por el co noso editor de pdfs, pero non deixa de ser un libro amputado.

A paciencia, esa cualidade ou virtude que a era dixital está facendo desaparecer a pasos de xigante, se é que aínda queda algo dela nos internautas afeitos a saltar de páxina en páxina sen parar a ler ningún documento máis de 3 ou 4 minutos, ofrécenos unha solución.

Cada vez que entramos nun libro de Google Books as páxinas que se eliminan da previsualización van cambiando, non son sempre as mesmas. E o mesmo sucede cando descargamos o libro con Google Books Downloader. Deste xeito, e a non ser que se trate dun libro ó que lle falten varios centos de páxinas (e entón só sería cuestión de termos un pouco máis de paciencia 😉 ), en tres ou catro descargas podemos conseguir un libro completo; ou o capítulo en cuestión que nos interese máis.

 

 

É só un parche, unha circunvalación máis ca un atallo, e un pouco incómodo e lento, pero pódenos sacar dalgún apuro nalgunha ocasión. E non debemos esquecer o goce intelectual de ler un libro que conseguimos activamente con algo máis ca un clic; ou o non menor goce de buscarlle as cóxegas a un xigante monopolístico da edición electrónica. E que raio! sen caer na pirataría, é o máis parecido que podemos atopar no mundo dixital ó desaparecido deporte de roubar nas librerías.

 

3 Responses to “Descargar libros completos en Google Books”

Deixa unha resposta


cinco × = 30


oito + 8 =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.