Revisión e corrección ata nas bólas

Fotografía: EFE

… ata nas bólas da lotaría de Nadal 😉 Deben ser as erratas máis vistas da historia, pois cada 22 de decembro ocupan moitos minutos deste prime time do azar. O anuncio da lotaría deste 2013 non é o peor erro desta empresa redundante que é a SELAE (Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado). Os rictus desencaixados de Raphael e de Montserrat Caballé que nos acosaban nas TVs estas semanas pasadas esquecerémolos axiña, pero o próximo 22 de decembro volveremos ver, con toda seguridade, que unhas bólas pouco afortunadas repartirán unha fortuna que a Facenda do estado se encargará de facer minguar nun 20%.

O caso é que as bólas coas que o azar lles asigna premios a determinados números amosan unhas abreviaturas de numerais que non existen nin en castelán nin nas outras linguas cooficiais do estado.

«MIL.» ou «mil.» é, en todo caso, a abreviatura de militar ou milicia. Un premio de 200 militares, como nos amosa esta captura da emisión do sorteo da Lotaría de Nadal na TVG, non é o que agardan os afortunados con este cuarto premio.

Do mesmo xeito, a bóliña que este ano outorgaba o gordo de 4 millóns de euros está marcada tamén cunha abreviatura inexistente: «MILLS». Así escrita, sen punto de abreviación, «mills» só se pode entender como a unidade monetaria estadounidense ou inglesa mill, hoxe en desuso e equivalente á milésima fracción do dólar ou da libra. Nos Estados Unidos empregouse ata a década de 1960 e servía, por exemplo, para indicar os prezos da gasolina: $2.017 dicíase two dollars and seventeen mills. Debido ó seu escasísimo valor estaban feitas de aluminio, folla de lata, plástico ou papel.

 Cativo premio tamén este de «4 mills» se o estado quixese aplicar o pé da letra o que di a bóliña de marras. Ó cambio serían uns 0,07 cents de euro. Pero mellor cambio de tema que non teño gañas de darlle ideas ó ministro Montoro, que xa bastante leva Facenda dos premios…

Por suposto, entendémonos ben, sabemos o que queren dicir as bóliñas, que máis ten… Pero as cousas están para facerse ben e a lingua para usarse con propiedade e corrección. Á SELAE non lle custaría moito facer unhas novas bólas coa indicación «MIL» ou «Mil» ou «mil» sen punto de abreviación, porque non o é. Pero en realidade debería escribir correctamente os números, xa que estes non se abrevian e deberían aparecer nas bólas como «500.000», «200.000» ou «60.000». Esta forma de escribilos, a única correcta, nin ocupa máis espazo que «500 MIL.» nin é máis difícil de ler. Do mesmo xeito, a bóla do premio gordo debería estar marcada «4 millones» ou «4 MILLONES», con todas as letras.

En todo caso, espero que o ano que vén me toque un premio, aínda que estea mal escrito.

3 Responses to “Revisión e corrección ata nas bólas”

Deixa unha resposta


× oito = 40


sete − = 6

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.