Puntual: nunca te deitarás sen aprender moitas cousas máis

 

É de xustiza recoñecer os erros, sobre todo cando deles se tira algunha aprendizaxe, o que a algúns nos acontece con moita frecuencia. Despois de rechouchiar no meu twitter unha mensaxe de @patiOrtografico na que se afeaba e corrixía o uso da palabra castelá «puntual» por parte do xornalista @jlcudeiro por ser un anglicismo no seu uso co sentido de «concreto, único, individual, illado», dous colegas tradutores corrixíanme no facebook: tanto o María Moliner como o Diccionario panhispánico de dudas da Real Academia Española recollen e sancionan o devandito significado. O DPD da RAE mesmo indica que «No hay por qué censurar su empleo, muy extendido hoy, con el sentido de ‘aislado o concreto, limitado a un caso individual’».

Pídolle desculpas dende aquí, como xa fixen no Twitter, ó señor Juan L. R. Cudeiro pola parte que me toca. Dado que o obxecto dese e doutros chíos e rechouchíos, ó igual que o deste blog, é didáctico, fomentando entre outras actividades a aprendizaxe a partir dos erros, nada mellor que deixar aquí constancia da miña equivocación e da iluminación posterior. Como xa dixen noutras ocasións, un tradutor aprende en todas partes.

Por certo, no caso da lingua galega, tanto o Dicionario da Real Academia como o Xerais e o Galaxia dan tamén por bo este uso que eu coidaba erróneo por crelo anglicismo.

 

Deixa unha resposta


− 3 = seis


7 × oito =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.