Aprender a coidar a imaxe dixital

Seguro que todos temos a experiencia de lembrar unha cara e non sermos capaces de poñerlle un nome. Sucédenos de cote na rúa, no centro de traballo… A nosa memoria visual adoita ser moito máis potente que a memoria verbal, polo que tendemos a lembrar mellor calquera tipo de imaxe que as palabras que lemos ou escoitamos. A nosa imaxe é por iso o primeiro e principal trazo da nosa identidade pública. Na sociedade da comunicación e dos media na que xa vivimos as distintas facetas da nosa imaxe dixital cobran maior importancia e esta faise máis complexa, múltiple. Todas e cada unha das nosas accións no ciberespacio contribúen á construción da nosa imaxe pública, da imaxe que de nós reciben amigos, colegas, (potenciais) clientes… e en realidade calquera que indague sobre nós no Gran Irmán que xa é Google en tódalas súas dimensións: o propio buscador, pero tamén os seus servizos de cartografía, correo, blogs, redes sociais, almacenamento e xestión de datos e imaxes… Mesmo as cada vez menos persoas que nunca se teñen achegado a internet están rexistradas en Google. Quen non fixo a proba de googlearse para acabar atopando máis datos dos que podía imaxinar?
É difícil escapar da rede. Abonda con solicitar unha bolsa, presentarse a unhas oposicións ou ser multado para que os nosos datos figuren xa para sempre nese inmenso arquivo que é internet; e se somos internautas activos e participamos nalgunha das múltiples redes sociais ou servizos que nos ofrece internet, entón o conxunto de datos e rexistros que nos describen medra de xeito exponencial. De feito, para facer referencia á imaxe creada por este crecente repertorio de datos, xa no ano 1994 Roger Clarke propuxo o termo persoa dixital ou personalidade dixital (digital persona).
Se cadra non podemos evitar que haxa información referente a nós circulando pola rede, pero podemos intervir nela e modificala; é dicir, igual que na vida real, no mundo virtual podemos construír a imaxe que desexamos que os demais teñan de nós mesmos actuando, cando menos, sobre algúns dos elementos que a determinan.
Actualmente Google e algunhas redes sociais son as principais fontes de información de calquera persoa que teña acceso a internet, polo que coidar a personalidade dixital é imprescindible para tódalas persoas que dalgún ou doutro xeito traballan cara ó público. Profesionais liberais, proveedores de servizos e en realidade case calquera profesional vense na obriga hoxe en día de crear e manter activa esta nova dimensión da súa imaxe pública. Xa non importa só que o noso aspecto físico (indumentaria, oficina, mobiliario, produtos) sexa profesional, porque a meirande parte das interaccións cos nosos clientes se producirán a través da rede, e a moitos deles é moi posible que nunca os vexamos en persoa; é a nosa imaxe dixital a que lles vai causar boa ou mala impresión, non a nosa presencia física.
Tradutores e intérpretes son unha parte dos profesionais que deben cultivar a súa persoa dixital e moitos docentes cremos que sabelo facer forma parte das competencias que deben adquirir durante a súa formación. Ser capaz de crear unha imaxe persoal profesional forma parte do denominado autoconcepto de tradutor e tamén das competencias interpersoais. O certo é que son habilidades que non adoitan recibir atención na formación de tradutores e intérpretes, pero dende hai algúns anos téñoas incorporadas ás materias que imparto nos estudos de grao (Antropoloxía das prácticas de tradución e interpretación, de primeiro curso, e Tradución idioma I inglés-galego, de segundo curso) e anteriormente na licenciatura porque son elementos que contribúen a que se estableza unha relación profesional-cliente fluída e produtiva para as dúas partes.
Un dos obxectivos formativos destas materias é comunicarlles ós alumnos a importancia de manter unha boa imaxe pública; o feito de que cada vez sexa menos frecuente tratarmos cos clientes en persoa non significa que non se fagan unha idea de como somos: os nosos clientes constrúen unha imaxe profesional nosa (a súa imaxe, a imaxe que teñen de nós) a partir dos datos e interaccións virtuais que lles ofrecemos, e é vital que esa imaxe sexa positiva, a imaxe dun profesional serio, responsable e fiable. Para os alumnos adoita ser o primeiro contacto co concepto de identidade dixital ou persoa dixital e van descubrindo a súa propia imaxe, e decatándose de que eles mesmos contribúen a creala por medio das súas pegadas dixitais, se se me permite o xogo de palabras: por medio dos rastros que van deixando na rede.
O rastro máis evidente e máis obvio é o noso enderezo de correo electrónico. Hoxe en día tódolos alumnos teñen un enderezo propio xa antes de comezar os estudos de grao, pero como o adoitan empregar para o lecer ou comunicacións exclusivamente persoais, non reparan na relevancia de que o seu enderezo (sobre todo o nome de usuario) os identifique a eles univoca e inequivocamente. Os nomes de usuario xenéricos (pepe, tradutor, futbolista, amigho), que fan referencia a persoas célebres reais (shakira2010, willisbruce, chuachineger) ou ficticios (roky, harrypotter2008, lecter), nomes humorísticos coloquiais, vulgares ou groseiros (pichurrinha, marchacan, rabocop, raboblaster) e en xeral calquera nome de usuario que non faga referencia directa á persoa real que denomina son pouco produtivos profesionalmente, ou mesmo contraproducentes. Se cadra son nomes que lles resultan graciosos ós amigos, pero non relficten a profesionalidade que un cliente busca nun tradutor. Un enderezo electrónico é en moitos casos o responsable da primeira impresión que lles causamos ós nosos clientes.
Despois están as pegadas que deixamos (moitas veces para sempre) nas redes sociais, blogs, páxinas interactivas nas que podemos facer comentarios, etc. Se empregamos os distintos servizos da rede para cuestións relacionadas co traballo profesional deberiamos rexistrarnos en todas elas cun único nome de usuario e elixir un avatar serio. Pero iso supón que calquera intervención que fagamos na rede pasará a formar parte da nosa persona dixital. Supón tamén que moitas das nosas actividades serán visibles para todo o mundo, entre eles os nosos clientes… ou empregadores. Se non somos discretos poderán saber cando estamos diante do ordenador, se traballamos ou non… . E temos que ter en conta que cada vez hais máis clientes e axencias que comproban os antecedentes dixitais das persoas ás que contratan [Fonte da cita].

 

5 Responses to “Aprender a coidar a imaxe dixital”

  1. Encantoume esta entrada, a verdad é que teño que aplicarme o conto, pois a miña imagen non é moi profesional que digamos.

    A miña máis sincera noraboa, Alberto!

  2. Pingback: Información e coñecemento | Blog de Alberto A. Lugris

  3. Pingback: Consellos para a comunicación dixital (I) | Blog de Alberto A. Lugris

Deixa unha resposta


− 3 = catro


tres + = 11

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.