Censuras

Acababa de saír da miña clase de tradución dos venres, na que estivera a falarlles ós alumnos do papel da tradución e doutras accións culturais no desenvolvemento da lingua e da cultura galegas, e en consecuencia na recuperación da identidade nacional, cando atopei no histórico do meu twitter dúas entradas ben preocupantes: primeiro a triste nova do peche definitivo do xornal A Nosa Terra (da súa edición dixital, porque o derradeiro xornal impreso desta segunda etapa vira a luz uns meses atrás); a continuación, o xornal The Guardian informaba da celebración nos Estados Unidos da primeira Semana dos libros prohibidos, na que se ten previsto absolver e desagraviar oficialmente o Diario de Eva de Mark Twain, prohibido na biblioteca Charlton Library de Massachusetts dende 1906.

Non deixa de ser paradoxal que no país que se ten como parangón da democracia e das liberdades, o país das oportunidades, calquera fanático poida conseguir que se censure un libro e que se lle prohiba a súa lectura a unha comunidade, sexa esta unha escola ou unha cidade. Algunha relación haberá, probablemente, co feito de que unha maioría da poboación deste país, apoie a despreocupada  aplicación da pena de morte que fan as súas autoridades xudiciais.

A censura ten moitas formas de actuar e distintas manifestacións. Nos Estados Unidos, unha comisión de bibliteca dun colexio, a petición dun pai, decide prohibirlles ós cativos a lectura dun perigoso libro no que dous pingüíns adoptan un poliño e viven felices. Durante a ditadura franquista, un gris funcionario decidía, por exemplo, se era prudente ou non a tradución ó galego da obra de tal ou tal outro autor. Na actualidade, un empresario decide que as empresas xornalísticas nas que participa non son rendibles; un goberno decide acabar coas políticas de promoción dos libros, das traducións, da cultura, da lingua do país. Non son amigo das teorías da conspiración, pero non pode ser casual que todas nos veñan tan mal dadas e todas no mesmo sitio. E a crise económica xa non vale como explicación porque o mesmo goberno que esgana lentamente a identidade do país segue a subvencionar medios afíns, escolas privadas, asociacións lingüicidas.

Pero nada de esbaleigarse. A nosa participación activa nos medios de comunicación e nas redes sociais é agora máis precisa ca nunca. Non conseguirán calarnos, non deixaremos que nos calen. Dende a palabra, insurrección. Dende a palabra, revolución.

Deixa unha resposta


× nove = 36


3 − un =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.