Eleccións e dereitos das minorías lingüísticas

 

A Oficina do Censo dos Estados Unidos acaba de facer pública unha orde na que sinala aquelas xurisdicións electorais nas que determinadas minorías lingüísticas dos Estados Unidos teñen dereito a recibir, na súa propia lingua, a documentación electoral das vindeiras eleccións presidenciais de 2012, papeletas de voto incluídas.

Tras recoñecer que as barreiras lingüísticas están detrás de boa parte dos casos de abstención nas distintas convocatorias electorais por parte da poboación india americana e da poboación inmigrante ou de orixe estranxeira, o Congreso dos Estados Unidos aprobou no 1975 a sección 203 da Lei de Dereitos Electorais. Esta norma establece que aquelas xurisdiccións nas que algunha minoría non angloparlante chegue ó 5% do censo ou ás 10.000 persoas, deberáselles proporcionar a estes grupos axuda lingüística en todo o relativo ós procesos electorais.

Dende 1975 a Oficina do Censo realiza informes decenais para coñece-la evolución da poboación non angloparlante. No informe do ano 2010 indícase que nun total de 248 condados e circunscricións de 25 estados teñen dereito a estes servizos lingüísticos os falantes de nada menos que 68 linguas distintas do inglés, entre elas o español, indio (supoñemos que se refire ó hindi), vietnamita, chino, bangladeshi (supoñemos que se refire ó bengalí), tagalo, xaponés, coreano e diversas linguas amerindias dos navajo, pueblo, kickapoo, choctaw, hopi, inupiat, yup’ik, yuma, ou tohono o’odham.

Os servizos lingüísticos ós que obriga esta orde non se limitan á edición bilingüe das papeletas de votación, senón que inclúen tamén toda a restante documentación electoral así como a axuda de intérpretes e persoal bilingüe no mesmo colexio electoral e no momento de exercer o dereito ó voto.

Esta medida ten demostrado xa a súa eficacia en anteriores convocatorias electorais. En California, por exemplo, o número de candidatos electos de orixe asiática aumentou dende que se ofrecen estes servizos lingüísticos.

Algúns gobernantes destoutra beira do Atlántico ós que se lles enche a boca falando da importancia de saber inglés (cando eles mesmo son incapaces nin de chapurrealo), poderían tomar nota da consideración que nos Estados Unidos teñen linguas que nin sequera son oficiais. Non deixa de ser paradoxal que no país que nos impón o inglés nas relacións internacionais se lle teña máis aprezo á linguodiversidade e ás minorías lingüísticas que en Galicia, onde os nosos gobernantes non deixan pasar a oportunidade de ver esmorecer medios de comunicación en galego, eliminar axudas á edición de libros de texto na nosa lingua ou prohibir a docencia e a discencia das ciencias no idioma de noso.

Deixa unha resposta


sete + = 14


× dous = 8

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.