Nakusa quere ser Ashmita

Din as lendas e as tradicións, que no fondo sempre son paratradución dunha parte da realidade, que os pobos asiáticos elixen sempre os nomes dos seus fillos pensando no futuro que os agarda, nas características que intúen nos bebés e que se desenvolverán no futuro nos trazos definitorios dunha personalidade, dunha identidade individual. As culturas orientais non adoitan tomar os nomes dos descendentes tan á lixeira como en occidente, onde estamos rodeados de cativos que se chaman como os personaxes de telenovelas. Para ben ou para mal, os nomes en Asia adoitan designar as circunstancias presentes dos cativos e máis as súas perspectivas de futuro, polo menos as que os seus pais albiscan.

Duascentas oitenta e cinco cativas do distrito de Satara, no estado de Maharashtra, no centro da India, decidiron por iso cambiar os nomes que lles deron uns proxenitores que non as desexaban e que as condenaban a un futuro máis incerto aínda que o do resto das mulleres do país. Nakusa ou Nakushi, que significa “a non desexada”, é o nome que se lle adoita dar na India ás nenas froito de embarazos non desexados ou cando se agardaba ter un bebe varón.

Estas cativas, adolescentes e preadolescentes, son a imaxe viva dun prexuízo ancestral contra as mulleres que se extende por toda Asia. A muller, unha criatura que apenas é persoa, é un gasto para calquera familia, xa que cando case haberá que darlle unha dote que minguará os recursos da súa familia para pasar a engrosar os da familia do noivo, na que ademais será tratada como unha escrava. Ata o sábado 22 de outubro, algunhas delas levaban, ademais, a etiqueta “non desexada” como carta de presentación ante a sociedade.

Na época da adolescencia, o ser humano desenvolve a súa personalidade. É entón cando decidimos que imaxe queremos dar de nós mesmos, como queremos paratraducirnos ante os demais. Petiscamos aquí e acolá trazos e riscos que aplicamos á nosa forma de vestir, de andar, de falar, de comportarnos, de relacionarnos cos demais, coa finalidade de construír unha identidade desexada. Nese proceso de construción dun mesmo, moitos adolescentes queren incluso mudar o seu nome por sentir que non os (re)presenta ante os demais.

Como depositarias dunha cultura milenaria, estas cativas saben que o noso nome é parte da nosa personalidade; que define, queirámolo ou non, unha parte da nosa identidade. Cambiar o nome é traducirse nunha persoa nova, paratraducir as súas novas expectativas dun futuro mellor. Por iso Nakusa quere ser Ashmita (forte, rexa).

2 respostas a “Nakusa quere ser Ashmita”

  1. Dende que as Vanessas e os Jonathans chegaron á Universidade os nomes deixaron de se buscar nas telenovelas para atopalos no libro de nomes raros de mercadillo ou na xenealoxía máis oculta e imposible do país. Nesta nosa parte do mundo o nome non nos presenta nin nos representa, mais ben é un xeroglífico que pode ser un oráculo do mundo que imos vivir ou que estamos vivindo. Nakusa quere ser Ashmita como Xob querería ser Antonio. Precioso artigo.

    • Grazas, Mª Angeles!
      A verdade é que a cuestión dos nomes en occidente (polo menos entre nós) daría para moito. Deixando de lado a broma evidente, creo que fillos e pais son en realidade vítimas dun proceso no que como sociedade imos deixando que se dilúan distintos aspectos da nosa identidade, como se desexasemos fundirnos no blandiblú homoxéneo e moldeable da cultura ianqui. Esforzámonos por conservar ecosistemas vexetais e animais, pero aceptamos con indiferenza que se perda unha parte do noso patrimonio que serve, nada máis e nada menos, que para nomearnos a nós mesmos, para designarnos como individuos únicos e conscientes. De aí á autodestrución hai un só pequeno paso que cada vez máis xente está tentada a dar: chamámonos Joshua, celebramos o Halloween, xantamos unha Big Mac… quen somos?

Deixa unha resposta


tres + = 9


+ 9 = trece

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (24)

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (25)

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (25)