Información e coñecemento

Di a sabedoría popular que calidade e cantidade non sempre van unidas e que moitas veces mesmo poden chegar a ser incompatibles. E isto semella ser moi certo, polo menos de momento, no referente á capacidade de almacenamento e xestión das diferentes producións dixitais da humanidade. A rede medra exponencialmente, os novos internautas cóntanse por millóns, a cantidade de páxinas e sitios web sobrepasa o imaxinable… e o abranguible. Un dos males que afecta á sociedade dixital na que vivimos é a sobreabundancia de datos, non só porque somos incapaces de acceder a toda a información que producimos, senón sobre todo porque somos incapaces de clasificala, de organizala; practicamente non somos nin capaces de almacenala.

Se miramos nos nosos discos duros particulares, seguramente sentiremos vertixe ante o enorme amoreamento de arquivos de todo tipo: texto, fotos, vídeos… E trátase só dunha ínfima parte da información coa que estamos en contacto de contino. Prendemos os trebellos informáticos cos que nos comunicamos e a vaga de datos que recibimos sobrepásanos: correo electrónico, feeds e subscricións a blogs e medios de comunicación, redes sociais… A xestión da nosa vida virtual, da nosa persoa dixital, require cada día máis tempo. E cada vez é máis frecuente o sentemento de que o mundo virtual nos asulaga. Os case 500 millóns de usuarios de twitter xeran uns 300 millóns de mensaxes diarias, e twitter ten 11 usuarios novos cada segundo; ó redor de 500 dos 1000 millóns de usuarios de facebook producen diariamente uns 20.000 millóns de accións; cada día edítanse unhas 80.000 páxinas web novas; sóbense 4.500.000 fotos a Flickr1152 horas de vídeos a Youtube60 millóns de publicacións a Tumblr; e ata 11.000 artigos novos se engaden cada día ás distintas versións da Wikipedia, por poñer só uns exemplos.

Tales son as dimensións que xa adquiriu a rede que non somos as persoas as únicas que non conseguimos abranguer a súa magnitude. Os mesmos servidores e sistemas dos principais servizos de internet vense incapaces de xestionar os seus propios contidos (véxanse aquí, e aquí, por exemplo, os esforzos de Facebook para manter os seus servidores á altura da demanda diaria dos seus usuarios). No buscador interno de Twittter, por outra parte, é case imposible atopar tuits de máis de 15 días de antigüidade, salvo os propios; as ferramentas de busca da web e das súas distintas apps móbiles non dan información sobre tuits de máis de sete días e a que ofrecen está incompleta, como se pode ver nestas capturas feitas ó mesmo tempo na web e na app do iPadGoogle non ofrece máis aló de 1000 resultados de ningunha consulta, por moitos millóns que nos diga que ten rexistrados. Podería parecer que estes datos son abondos, e se cadra para moitas consultas sono, pero se queremos facer un estudo obxectivo e fundamentado (é dicir, científico) de calquera tendencia social que se reflicta na rede (é dicir, todas), precisamos un universo de datos maior. Son os científicos os que deben de facer a selección, non unha empresa privada que empregue non sabemos que criterios (antigüidade, relevancia, SEO?) para seleccionar e ordenar a información. É certo que son empresas privadas e que poden xestionar o seu negocio do xeito que crean máis conveniente, pero os usuarios non debemos perder de vista que esa é a súa forma de funcionar, nin, sobre todo, que o seu negocio é a nosa vida na rede; é dicir, que se están a lucrar co traballo, o lecer e mesmo os cotilleos de todos. A actividade social dos usuarios da rede é cada vez máis cooperativa, máis 2.0, poderiamos dicir, máis libre e transparente e igual debería ser calquera uso ou explotación, mesmo gratuíto, que se faga desa actividade por parte de terceiros.

Se a esta sobrecarga informativa (information overload) incorrectamente xestionada lle sumamos unha xa patolóxica confianza cega en Google e noutros servizos, o que obtemos é o que poderiamos denominar superávit informativo dirixido. Non se trata só dunha infoxicacion, como a denominara Alfons Cornella no 2009, senón que hai unha(s) entidade(s) que voluntaria e activamente determina(n) cal é esa información que nos asulaga e nos supera. E aceptámolo. Como sociedade, maioritariamente aceptamos que isto sexa así. Google e Youtube, por exemplo, gozan dunha hexemonía democraticamente gañada, concedida e aceptada por todos nós, que unha vez tras outra, día a día, acudimos a beber ás súas fontes.

Non vou discutir as bondades e vantaxes destes servizos, que de certo as teñen, nin vou propoñer teoría da conspiración ningunha: Google, Youtube, Flickr son o que nós quixemos (ou permitimos) que fosen. Pero o certo é que esta situación afecta de xeito cada vez máis negativo á creación e difusión do saber, é dicir, ó coñecemento. O crecemento exponencial da capacidade de almacenamento da información non vai acompañado, como sería desexable, dun crecemento semellante dos coñecementos ou do saber por parte dos usuarios. Nunha sociedade como a actual, que premia e fomenta o éxito rápido, aínda que sexa inmerecido e mesmo ilegal ou pouco ético, prímase a acumulación incontrolada de calquera tipo de pertenza (sexa tanxible como os alimentos e outros bens materiais, ou intanxible como os datos) antes ca o seu uso racional, eficiente e produtivo. A furia consumista na que nos desenvolvemos identifica incansablemente cantidade con calidade. Proba disto é que se adoita dicir que as actuais son as xeracións mellor formadas e mellor informadas da historia, cando en realidade son só as xeracións que teñen máis datos ó seu alcance (as porcentaxes de alumnos mediocres, bos e brillantes seguen a ser máis ou menos as mesmas de sempre, digan o que digan os auto/onano-informes de calidade de distintas institucións). Pero acumular datos non é sinónimo de posuír coñecemento.

Podemos definir o coñecemento como a asimilación de datos de forma que se integren nunha estrutura conceptual que permita explica-la realidade, prever novos acontecementos, actuar sobre o entorno e recoller novos datos relevantes. Se ben os datos existen independentemente de quen os poida procesar e cada vez é máis doado obtelos, o certo é que o proceso mental preciso para que xurda o coñecemento é a cada paso máis infrecuente. É dicir, na sociedade dixital prolifera a información pero escasea o coñecemento. A sociedade da información, como apunta Antoni Brey, non se está a converter nasociedade do coñecemento, senón máis ben na sociedade da ignorancia ou da incultura. Por unha banda, prímase o valor económico e comercial do coñecemento, introducido xa, de forma irreversible na cadea produtiva da sociedade capitalista. Esta mercantilización fomenta á súa vez a acumulación desordenada de datos (cantos máis datos, máis valor económico) pero ó mesmo tempo tamén implica unha especialización e profesionalización da recollida e da xestión dos mesmos, o que, paradoxalmente, fai que se deixe de lado a sistematización e a divulgación da información, o que si podería contribuír á difusión do saber e faría posible a aparición da sociedade do coñecemento.

Antoni Brey apunta dous factores que dan orixe a esta situación. Por unha banda, a acumulación de datos e, pola outra, as características das novas formas de comunicación. Brey denomina os tempos que vivimos exponenciais ehiperbólicos: perséguese a maior acumulación de datos á maior velocidade posible, o que acaba creando no usuario das redes a sensación de que o saber medra a tal velocidade que é imposible estar ó día en campo ningún. Nace entóno sentemento da “inabranguibilidade” do coñecemento, que acaba por provocar unha renuncia ó saber por desmotivación, por rendición ante unha realidade que supera ó individuo. Faise entón máis cómodo aceptar acriticamente as visións e versións que da realidade nos ofrece a rede. Por outra banda, na opinión de Brey, os novos medios e formas de comunicación na rede provocan dispersión e falta de reflexión. A posibilidade de estarmos constantemente conectados á rede e en contacto con outras persoas (algo que a propia rede nos vende como unha necesidade: tarifas máis baratas, terminais máis eficientes, aplicacions máis rápidas e con máis funcións) provoca que nos movamos no medio dun ruído informativo permanente que impide ou dificulta a concentración. A nova persoa hiperconectada produto da omnipresencia da rede e das redes vai perdendo espazos e tempos de privacidade, de soidade e intimidade que son imprescindibles para a introspección, a meditación e a reflexión, que son actividades imprescindibles para construír coñecemento a partir de masas de datos.

… están proliferando a nuestro alrededor individuos incapaces de concentrarse en un texto de más de cuatro páginas, personas que sólo pueden asimilar conceptos predigeridos en formatos multimedia, estudiantes que confunden aprender con recopilar, cortar y pegar fragmentos de información hallados en Internet, o un número creciente de analfabetos funcionales. Si bien es cierto que el nuevo medio pone a nuestro alcance todo el saber disponible, eso no implica necesariamente que seamos capaces de sacar provecho de él. (Antoni Brey, La sociedad de la ignorancia).

Inmersa na rede, enguedellada nun número crecente de distintas e complementarias redes sociais, a persoa dixital deixa de reflexionar porque ten a necesidade (creada) de actuar de inmediato. Decote estas interaccións son viscerais e impulsivas, como se pode comprobar nos comentarios ás novas dos xornais, blogs e mesmo nas intervencións nas redes sociais, que con frecuencia non son diálogos, senón máis ben agresións verbais. Estas discusións adoitan ser ben máis violentas do que acontece nunha conversa presencial, o que en certa forma semella indicar que a vida virtual na rede, coa súa pantalla de anonimato en forma de avatares e alcumes, esperta nas persoas uns instintos que na vida real están acalmados e ocultos. Malia que se nos educa activamente para vivir na sociedade real conforme a certas normas e protocolos, dase por sentado que calquera sabe vivir na sociedade virtual como se esta fose unha simple réplica daquela, ignorando que as dinámicas da sociedade da rede son moi diferentes.

A rendición xeral ante a enormidade da rede e a renuncia á reflexión dan lugar ó que Brey denomina sociedade da ignorancia e outros autores sociedade da incultura, na que a mediocridade non só se converte en norma senón que mesmo se ve prestixiada nos medios de comunicación. A economía de mercado, os espectáculos televisivos e a corrupción amósanlle ós cidadáns que a ignorancia non é un pedimento para a fama e o enriquecemento rápidos; o mediocre e o ignorante presumen da súa condición e mesmo rexurde con forza a idea, introducida por Ortega y Gasset en “La rebelión de las masas”, dun suposto dereito á vulgaridade e á ignoracia disfrazado de liberalismo e dereitos do individuo (o exemplo máis próximo témolo na idea preconizada por organizacións como Galicia Bilingüe e defendida mesmo por persoas con estudos superiores —profesores, médicos…—, de que existe un dereito do individuo a ignorar a lingua e a cultura do país no que vive). Instáurase e enxálzase así a lei do mínimo esforzo en tódolos ámbitos, tamén na educación que en tódolos seus niveis se baleira de contidos nas sucesivas reformas e deixa de ensinar o valor do esforzo: dende a moda de non poñer deberes nin exames en primaria ata a simplificación dos estudos superiores reducindo a súa duración, a carga lectiva presencial, os créditos das materias, etc.

A redución das esixencias produce unha redución acorde dos resultados e do interese na formación ou no traballo. Cando o mínimo esforzo esixido para preparar unha materia universitaria supoñía percorrer os andeis dunha biblioteca, os índices e capítulos de libros e revistas para atopa-la información buscada, o proceso mesmo de busca de datos producía coñecemento; e o pracer intelectual causado por esa obtención de coñecemento incitaba a continuar o proceso, a repetilo. Modernamente ténselle chamado a esta experiencia, que tódolos que pateamos bibliotecas experimentamos nalgunha ocasión,  lei do orgasmo informativo (Jorge Juan Fernández García, Mas allá de Google). A simplificación absoluta da busca e do acceso á información rematou con este proceso e coa satisfacción asociada, o cal contribúe tamén ó desánimo e á desidia propios desta época dixital á que, como sociedade, aínda non conseguimos afacernos.

A sociedade dixital, a sociedade da información (non do coñecemento) é cada vez máis ignorante e menos libre. O benestar físico e material que acadaron as sociedades occidentais, a sensación de folgura económica que produce a acumulación de bens materiais e o convencemento de que posuír tecnoloxía supón posuír a clave do coñecemento anestesia as mentes das persoas, que teñen menos capacidade (e, o máis grave, menos da que pensan) para decidir libremente.

 

Deixa unha resposta


+ 2 = dez


cinco + 9 =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.