Cando hai anos a vaga da linguaxe politicamente correcta chegou a estas latitudes, moitos diciamos (e seguimos a dicir) que o que importa non son as palabras, senón a forma ou o ton cos que estas se din. De pouco vale pretender eliminar a palabra “negro” e chamarlle a alguén “afroamericano” se non se mudan as actitudes cara ás persoas negras: chamarlle a alguén “afroamericano de merda” é dende logo máis insultante que dicirlle “negro”; impedir que acceda a un posto de traballo, sometelo a violencia ou a escarño son circunstancias que non se van ver compensadas nin atenuadas polo cambio dunha palabra. En realidade, a linguaxe politicamente correcta o único que fai é ocultar un feito que se vive como problemático: oculta a diferenza porque non se entende e óptase por agachala, por ignorala, o cal non é máis ca outra forma de violencia.
A violencia contra o Outro, contra o diferente, pode tomar moitas faces e ás veces maniféstase de forma moi surrepticia, case imperceptible. Esta é a súa peor forma porque é a máis efectiva: pasa desapercibida pero non deixa de transmitir a súa mensaxe.
Acabo de recibir un correo electrónico que é un bo exemplo de todo isto. Un colega da universidade de Yaoundé, no Camerún, escríbeme por asuntos profesionais e Gmail (Google) advírteme de forma moi evidente, cunha banda vermella que ocupa a cabeceira do correo, de que esta mensaxe é “sospeitosa”, de que o seu contido non é de fiar: The content of this message is suspicious. O seu contido! Pero é que Gmail esquece as súas políticas de privacidade e le as miñas mensaxes? Dime ademais que a conta de correo do meu colega pode estar sendo empregada fraudulentamente: The sender’s account may be compromised.
Porque considera Gmail que este correo pode ser perigoso? O enderezo do remitente é unha conta de yahoo.fr, pero a IP dende a que se envía é de Camerún, e polo que se ve Gmail dá por suposto que se trata dalgún intendo de calote ou spam. É certo que de Nixeria (estafa nixeriana) e Camerún (calote do can) proveñen un bo número de correos electrónicos fraudulentos con propostas de negocios tralas cales só hai estafas, pero por que non recibo o mesmo tipo de aviso cando me chegan mensaxes semellantes dende a República Checa, Italia, Suíza ou mesmo España?
Dar por suposto que algo é fraudulento polo simple feito de proceder dun país africano é unha forma de violencia subliminal, de racismo latente, de desprezo (ou temor?) ó Outro. E é un dos elementos que contribúen á creación dunha imaxe falsa do Outro e que fomenta a creación de fronteiras mentais, sociais e políticas.



Esta bitácora é un blog de investigación científica directamente vinculado ó Grupo de Investigación Tradución & Paratradución (T&P). Na nova web do grupo de investigación de referencia da Universidade de Vigo, cada membro doutor e doutorando do Grupo T&P ten á súa disposición a oportunidade de editar e compartir na pantalla as súas reflexións e inquedanzas investigadoras creando o seu propio blog científico T&P. Buscando unha aplicación práctica da Web 2.0 á docencia e á investigación universitarias, os blogs científicos T&P constitúen toda unha innovación docente e investigadora que ten como fin primordial achegar novas perspectivas teóricas, didácticas e profesionais nos estudos sobre tradución.





















13/01/2012 ás 17:20
Moi interesante estas reflexións… Xunto co artigo da imaxe dixital … este é o segundo preferido… Ainda que técnicamente pode ter unha explicación..
14/01/2012 ás 23:40
Si, de seguro que ten unha explicación técnica, Iago. O problema é precisamente ese: que este racismo subliminal está inserido mesmo nas rutinas dos programas.
Grazas polo comentario!
14/01/2012 ás 14:16
Unha vez máis quedo absolutamente sorprendida coa forma en que chegas ao núcleo das cousas, sen rodeos, sen perifollos e absolutamente directo. Grande verdade cada palabra do artigo. Eu recibo correos deses todos os días, e como os recibo no meu correo de traballo non hai ninguén que me avise en grandes letras de cor rechamante, a de cartos que puiden ter gañado se respondese a eses correos….
Para as grandes institucións da comunicación todo o que ven do sur (África) e sospeitoso porque de todos é sabido que alá non hai máis que terreo para facer documentais. Profesores, intelectuais e xente preparada negra? caaaaa!!!! O «Outro» en África non existe.
Por certo, hai moitos anos, cando aínda non nacera a corrección política eu tiña un profesor negro e el sempre dicía que non lle gustaba que dixeran que era «de color», el sempre dicía «soy negro».
14/01/2012 ás 23:45
Grazas, Mª Ángeles!
Si, non creo que ninguén sen complexos queira ocultar a súa identidade, o que é. Eu son/estou gordo, non teño un «perímetro corporal alternativo», non son unha «persoa con problemas de alimentación»…
08/12/2012 ás 16:34
Grazas por escribires un artigo coma este reivindicando un uso natural da lingua, lonxe da xíria artificiosa do politicamente correcto que é algo que me pon fóra de cacho. Como ti dis son os feitos os que contan, non as formas. Será que son un «persoo» con espírito pouco «deportisto» que ten mal perder en certas cuestións.