Ciberracismo

Ciberracismo

Cando hai anos a vaga da linguaxe politicamente correcta chegou a estas latitudes, moitos diciamos (e seguimos a dicir) que o que importa non son as palabras, senón a forma ou o ton cos que estas se din. De pouco vale pretender eliminar a palabra “negro” e chamarlle a alguén “afroamericano” se non se mudan as actitudes cara ás persoas negras: chamarlle a alguén “afroamericano de merda” é dende logo máis insultante que dicirlle “negro”; impedir que acceda a un posto de traballo, sometelo a violencia ou a escarño son circunstancias que non se van ver compensadas nin atenuadas polo cambio dunha palabra. En realidade, a linguaxe politicamente correcta o único que fai é ocultar un feito que se vive como problemático: oculta a diferenza porque non se entende e óptase por agachala, por ignorala, o cal non é máis ca outra forma de violencia.

A violencia contra o Outro, contra o diferente, pode tomar moitas faces e ás veces maniféstase de forma moi surrepticia, case imperceptible. Esta é a súa peor forma porque é a máis efectiva: pasa desapercibida pero non deixa de transmitir a súa mensaxe.

Acabo de recibir un correo electrónico que é un bo exemplo de todo isto. Un colega da universidade de Yaoundé, no Camerún, escríbeme por asuntos profesionais e Gmail (Google) advírteme de forma moi evidente, cunha banda vermella que ocupa a cabeceira do correo, de que esta mensaxe é “sospeitosa”, de que o seu contido non é de fiar: The content of this message is suspicious. O seu contido! Pero é que Gmail esquece as súas políticas de privacidade e le as miñas mensaxes? Dime ademais que a conta de correo do meu colega pode estar sendo empregada fraudulentamente: The sender’s account may be compromised.

Porque considera Gmail que este correo pode ser perigoso? O enderezo do remitente é unha conta de yahoo.fr, pero a IP dende a que se envía é de Camerún, e polo que se ve Gmail dá por suposto que se trata dalgún intendo de calote ou spam. É certo que de Nixeria (estafa nixeriana) e Camerún (calote do can) proveñen un bo número de correos electrónicos fraudulentos con propostas de negocios tralas cales só hai estafas, pero por que non recibo o mesmo tipo de aviso cando me chegan mensaxes semellantes dende a República Checa, Italia, Suíza ou mesmo España?

 

Dar por suposto que algo é fraudulento polo simple feito de proceder dun país africano é unha forma de violencia subliminal, de racismo latente, de desprezo (ou temor?) ó Outro. E é un dos elementos que contribúen á creación dunha imaxe falsa do Outro e que fomenta a creación de fronteiras mentais, sociais e políticas.

5 Responses to “Ciberracismo”

  1. Moi interesante estas reflexións… Xunto co artigo da imaxe dixital … este é o segundo preferido… Ainda que técnicamente pode ter unha explicación..

Deixa una resposta a Iago Dosil Outes


× 5 = dez


× catro = 8

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.