iPad para tradutores (I)

ipad para tradutores

ipad para tradutores

TRADUCIR IMPRIME CARÁCTER. Ou é un vicio. Pero o certo é que cando un comeza a traducir xa non o pode deixar de facer. Un tradutor éo de por vida, as 24 horas do día. Un tradutor mira a vida pensando sempre en como traducila, en como descifrala;  e traduce e interrógase sobre os valores e usos das palabras, e analiza as relacións entre as culturas mesmo cando durme; mesmo durante o sono reflexionamos sobre o que dicimos ou escribimos e como o facemos. Dígollelo ós meus alumnos tódolos anos, cando fago a presentación da materia de primeiro Antropoloxía das prácticas de tradución e interpretación: “a partir de hoxe veredes os textos con outros ollos, tódolos textos. Xa nunca máis leredes para pasar o tempo. Xa nunca máis pasará nada por diante dos vosos ollos que non analicedes, que non esmiucedes. Hoxe comezades a ser tradutores e lectores profesionais, e iso é permanente e de por vida”. Os tradutores saben ben que non deixan de traballar nunca. Unhas veces pola necesidade inexcusable de rematar encargas para os clientes (a ocupación da que viven) e outras moitas pola necesidade case atávica de debullar a realidade que nos rodea (a ocupación para a que viven), pero o certo é que os bos tradutores non teñen horario de oficina porque a curiosidade non ten cancelas.

ipad + PC

ipad + PC

As novas tecnoloxías supoñen para o tradutor a posibilidade de levar consigo a oficina a todas partes, de traballar en calquera lugar, pero tamén de ler, aprender, curiosear, indagar, tomar notas, fotografar, comunicar e debater en todas partes; literalmente en todas partes. O ordenador portátil foi a primeira grande revolución para o tradutor (entre outros profesionais) porque lle permitía mellorar a súa produtividade levando o traballo consigo e traducindo no tren, nunha sala de espera, na biblioteca á que se tiña que desprazar para consultar algún manual…  Pero o portátil non conseguiu desbancar o compañeiro máis fiel e constante dos tradutores: a libretiña (ou papeis soltos,  todo hai que dicilo) que sempre levabamos con nós para tomar nota de solucións que se nos ocorrían no autobús, ou conducindo, paseando, no cine, xantando; para apuntar os cazapos e as grazas que nos suxerían carteis, anuncios e todo tipo de mensaxes que nos atopabamos na rúa. Quen non ten apuntado (ou fotografado, ou roubado) as ocorrencias tradutivas das cartas dos restaurantes, da cartelería dun hotel, dun envase…? E de certo que todos temos maldicido algunha vez o tempo que perdemos na sala de espera dun médico, ou agardando por un cliente, ou nos desprazamentos… sen podermos traballar. O ordenador portátil non estaba feito para estas necesidades.

A libretiña de papel comezou a perder terreo cando apareceron en escena as axendas electrónicas ou PDAs, os ordenadores de peto, os notebooks, os teléfonos intelixentes, reprodutores MP3 (nomeadamente o iPod). Con eles podiamos xa tomar notas (mesmo de voz), consultar o correo, ler arquivos (cunha incomodidade salientable polo tamaño das pantallas, iso si), organizar a axenda, fotografar,  grabar e reproducir video, etc. Pero traballar en serio nestes trebellos non era viable: traducir, corrixir, editar, xestionar a correspondencia, estudar, son tarefas que tiveron que agardar a chegada das tabletas.

Ler, editar, tomar notas

ler, editar, tomar notas

Falar de tabletas hoxe en día supón referirnos a varios aparellos distintos; a grande revolución foi certamente o iPad, pero existen xa outros competidores que tentan poñerse á altura de Apple, algúns con moitas posibilidades de conseguilo: Motorola Xoom, BlackBerry PlayBook, HP TouchPad e Samsung Galaxy. Pero non pretendo facer unha comparativa das opcións dispoñibles, senón só comentar as posibilidades que o iPad nos ofrece ós tradutores e, en xeral, a calquera profesional que traballe con textos en distintos formatos.

O iPad de momento non vai substituír ningún dos nosos ordenadores, nin o de sobremesa nin o portátil, cando teñamos que enfrontarnos a longas xornadas de traballo, pero, como apuntaba antes, é o compañeiro ideal para levar con nós a todas partes e ir adiantando traballo, ler, facer anotacións, documentarnos, etc. Para facernos estas tarefas máis doadas, temos unha serie de aplicacións gratuítas (eu non emprego outras) e moi doadas de empregar.  Hai unha serie de utilidades que veñen preinstaladas no aparato e que nos farán a vida máis cómoda pero que non comentarei por seren semellantes ás que podemos ter nun ordenador de sobremesa:  calendario sincronizable con Google calendar, xestión de contactos, mapas, facetime, cámara de fotos/vídeo, etc. Será máis proveitoso dedicarnos ás aplicacións e características que non son tan obvias ou non veñen de serie.

Escribir no teclado virtual

escribir no teclado virtual

O feito de que o iPad sexa un trebello que sempre está en espera e pase do repouso a estar listo para traballar con só premer un botón —literalmente— permítenos aproveitar mellor o tempo: alguén prendeu algunha vez o portátil (sácao da mochila, ábreo, se cadra busca onde enchufalo, espera a que se cargue) só para apuntar unha pequena nota de 3 ou 4 palabras? E despois de novo pecha o programa, apaga o portátil, gárdao na mochila… Co iPad farédelo: dende unha referencia bibliográfica, o teléfono ou enderezo de correo dun cliente… ata a lista da compra. E se estamos vagos ou temos moita présa, mesmo lle podemos tirar unha foto ó texto que sexa no canto de escribilo.

A vista de paxaro

a vista de paxaro

Comezamos aquí unha pequena serie de artigos dedicados ás utilidades do iPad para os tradutores e outros profesionais que traballen fundamentalmente con arquivos de texto. No próximo, veremos distintas formas de editar os nosos textos para traducir, corrixir, converter a outros formatos, tomar notas, etc.

Deixa unha resposta


− dous = 4


7 − = seis

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.