Erros en Google? A tipografía

Confeso que o título, un pouco alarmista de máis, é para chamar a atención… Pero non sobre este blog nin sobre o seu autor (que non precisa crear rebumbios nin polémicas porque non vive das visitas) senón sobre un detalle, pequeno pero moi relevante, do que por casualidade me decatei empregando o omnipresente e omnipotente, case monopolístico, buscador Google. A cuestión é que na páxina de resultados que nos ofrece o buscador, as dúas liñas de texto que se nos dan para indicarnos o contido de cada refrerencia, carecen do formato da páxina web ou documento do que están tiradas. A priori pódese pensar que isto non ten maior importancia porque o que nos interesa é o contido textual; de feito, moitas veces nin entramos nos resultados que nos dá Google porque podemos resolver a dúbida ou obter a información que buscamos con só esas dúas liñas. Pero que sucede cando o formato do texto tamén contén información imprescindible?

Ó buscar terabyte para confirmar o seu valor, Google ofreceume, entre outros, os seguintes resultados:

Busca_terabyte

 

Se, como adoitamos facer nunha busca rápida, quedamos só co dato sen pensalo, sen analizalo, non nos decataremos do enorme erro desta información e reproducirémolo noutros textos, se cadra nunha tradución, etc. Dinos Google que, segundo a Wikipedia, 1 TB = 1012 bytes. Velaí como en moitas ocasións nacen accidentalmente e espállanse informacións erróneas.

Pero cal é o problema? Pode a Wikipedia conter semellante erro? Se pinchamos na ligazón, veremos que non é así:

Terabyte_wiki

O dato correcto é que un TB son 1012 bytes, é dicir, un billón de bytes e non 1012 bytes1, como nos induce a pensar Google. Pequena diferenza.

Eliminar, como fai Google, a información tipográfica do texto orixinal significa amputar unha parte importante da información que este nos ofrece.

A información non se transmite só a través das palabras; o texto, o verdadeiro soporte do contido informativo, é un conxunto formado pola linguaxe verbal e distintas linguaxes non verbais en mútua dependencia; entre estas últimas está, como vemos, a tipografía, que non é só un adorno superficial e prescindible do texto senón unha verdadeira iluminación no sentido orixinal do termo. No grupo de investigación Tradución & Paratradución, conscientes da multidimensionalidade do texto, da súa natureza poliédrica, temos liñas de investigación dedicadas a investigar a relación entre as distintas linguaxes que participan no proceso comunicativo e integran o texto. Nas materias de de grao de Ortotipografía e de Revisión e corrección de textos, por exemplo , aprendemos non só a mellorar a corrección formal dos textos, senón a ler e interpretar correctamente a linguaxe tipográfica. Do mesmo xeito que un texto non é só a suma das palabras que o compoñen, tampouco está codificado empregando só a linguaxe verbal. Como nos di José Yuste Frías nos seus artigos sobre tipografía creativa e máis sobre a paratradución de literatura infantil, os textos, ademais de lerse, vense, co que entran en xogo distintas formas de recepción e interpretación. Non se trata só da indivisible unidade texto-imaxe (cf. tamén aquí) que existe por exemplo na banda deseñada, na publicidade ou no cinema, senón que a disposición das palabras na páxina e mesmo a familia tipografía empregada contribúen tamén á construción da mensaxe dun texto.

Hoxe en día podemos dicir que a tipografía é unha linguaxe simbólica que se superpón e se suma á linguaxe escrita que representa, como un nivel de codificación  (e polo tanto tamén de lectura e interpretación) máis. Ademais de encargarse do deseño das familias de letras coas súas respectivas variantes ou estilos e da disposición dos tipos (modernamente denominados caracteres na composición con ordenador) para formar un texto, a tipografía, e mais concretamente a súa especialización denominada tipografía creativa, ocúpase tanto da distribución do texto na páxina buscando unha finalidade estética como do deseño e fabricación de familias tipográficas artísticas; é dicir familias nas que o glifo (a representación gráfica da letra) e os valores e connotacións que vehicula son tan importantes como a letra representada.

Pero mesmo sen cinguírmonos a esta variedade artística ou creativa da tipografía, as distintas variantes ou estilos tipográficos que un tipo pode tomar son portadores en si mesmos dun simbolismo que complementa os significados denotativo e connotativo das palabras e dos textos nos que se aplican. A diferenza da tipografía creativa (que, como tódalas artes, vai estar determinada en grande medida polas mitoloxías e universos simbólicos de cada cultura, de cada creador), o simbolismo destas variantes ou estilos ten un valor universal e definido por convenio. Deste xeito, o estilo ou variante denominado letra voada ou superior, cando se emprega con tipos que representan cifras ten o valor universalmente compartido e aceptado de identificar o expoñente na notación dunha potencia.  A letra voada ou superior defínese como a letra de menor tamaño de ollo (ó redor dun 40% menor, segundo as familias) que se atopa desprazada cara arriba (ó redor dun 40%) con respecto á liña base.

letra_voada

Google é unha ferramenta moi versátil e case insuperable para calquera profesional da comunicación e das linguas, pero convén termos en conta estes pequenos desaxustes ou defectos para tirármoslle todo o partido posible sen perigo de deixarnos inducir a erros.

 

Nota

1. O prefixo de orixe grega tera- significa literalmente «monstruoso» e continúa a terna que comezan mega- (grande) e xiga- (xigante) dentro dos prefixos de múltiplos de unidades do Sistema Internacional. Non imos entrar nesta ocasión na polémica sobre o uso das unidades do SI (de base 10) ou do binario (de base 2) na medición da capacidade de memoria dos aparellos informáticos.

3 Responses to “Erros en Google? A tipografía”

Deixa unha resposta


− dous = 2


× 8 = oito

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.