Un tradutor aprende en todas partes

 

Un tradutor éo as 24 horas do día, en todo momento; non descansa, non deixa de observar, de ler todo con ollos curiosos… non deixa de aprender. E iso quere dicir que un tradutor aprende en todas partes, en tódolos lugares e en calquera cousa que cae nas súas mans, mesmo nas etiquetas das prendas de roupa… [Das etiquetas multilingües de produtos alimenticios, unha das miñas lecturas preferidas, falaremos outro día].

Hai uns meses un alumno comentou na clase que a palabra inglesa yoke, que aparecía nun texto co significado metafórico de opresión, subxugación, tiña tamén o significado de canesú, segundo os seus dicionarios. Era para min a primeira noticia e agradecinlle a información xa que, aínda que non lle acaese ó texto co que estabamos a traballar, era un dato que descoñecía.

Hai un par de días din cos ollos na etiqueta de talle dun pantalón de deportes que me sorprendeu coa seguinte información:

Main fabric: 100% polyester
Yoke: 100% polyester

etiqueta talle

Como cría saber os significados de yoke e ningún deles cadraba cun pantalón de deportes, fun comprobar o que dicía a etiqueta de composición e lavado. Non só me daba a mesma información no seu anverso, senón que ademais a traducía a 15 idiomas, entre eles o castelán (canesú), o portugués (encaixe) e o francés (empiècement). Entón… teñen canesú/yoke os pantalóns e non só as camisas?

etiqueta composición

Fun comprobar a definición de canesú nos dicionarios de galego (Xerais e Galaxia en papel, Dicionario de Dicionarios [figura canisú, con «i»], Dicionario da vestimenta tradicional galega; no Dicionairo da RAG e no Estraviz electrónico non figura) e castelán (María Moliner, DRAE en liña, WordReference.com) e todos eles coinciden na mesma definición: unha peza da parte superior de camisas, blusas ou vestidos que serve para unir o colo e as mangas ó corpo da prenda:

canesú camisa

A busca de yoke nos dicionarios de inglés, non embargante, ofreceunos unha información distinta: segundo varios destes dicionarios (Dictionary.com, Thefreedictionary.com, Collins) yoke denomina tamén certa parte dunha peza de roupa que serve para unir partes soltas ou frouxas á cintura de saias ou pantalóns.

yoke-skirt

yoke-trousers

Cumpría entón averiguar se este tipo de yoke tiña unha denominación distinta a «canesú» en galego ou castelán, xa que non estaba recollido como tal nos dicionarios destas linguas. Para estes casos, Google imaxes sempre é unha boa ferramenta, xa que nos ofrece non só (e nin sequera en primeiro lugar) información tirada de dicionarios ou outras fontes lexicográficas ou terminolóxicas, senón imaxes extraídas de textos que reflicten o uso real: manuais, esquemas técnicos, catálogos profesionais, etc. Por outra parte, filtrar os datos procedentes de páxinas especializadas e separalas da palla, non é complicado. Os resultados desta busca, por exemplo as imaxes que ofrecemos a continuación, confirmaron que os usos de canesú en galego e castelán son máis que os que recollen os dicionarios monolingües e que, como en inglés, se refire tamén á peza dunha prenda que serve para unir as partes máis soltas ou frouxás á cintura do pantalón pola parte traseira ou da saia todo ó redor.

saia con canesu

todas prendas canesu

Cómpre apuntar finalmente que a tradución portuguesa de yoke que nos achegaba a etiqueta, encaixe, semella un erro, xa que a forma que atopamos nos dicionarios e en Google imaxes é pala e nalgúns dicionarios, como o Priberám, cós.

Cómpre apuntar ademais que no proceso de busca desta información atopei que o termo «cós» tamén se pode empregar en galego cos mesmos usos que «canesú», e así aparece recollido no Dicionario de dicionarios, no Dicionario da RAG, no Estraviz electrónico, no Dicionario da vestimenta tradicional galega e no Ir Indo en papel.

 

Pesquisas como esta, moitas veces orixinadas tamén en anécdotas, repítense no día a día dos tradutores e sérvennos para chamar a atención sobre varias cuestións:

  • un tradutor debe ser un lector atento de todo o que cae nas súas máns
  • todo o que lemos, aprendemos e investigamos vainos ser útil nalgún momento na nosa vida profesional
  • os dicionarios non conteñen toda a informción que precisamos para traballar, senón só unha parte dela
  • con tódalas súas servidumes e defectos, Google é unha ferramenta potente e imprescindible para os tradutores, polo menos tanto como calquera dicionario.

 

 

One Response to “Un tradutor aprende en todas partes”

Deixa una resposta a Francisco Vázquez Vázquez


× 4 = trinta dous


− dous = 7

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.