Edición e paratradución en To The Winds Our Sails

 

To The Winds Our Sails é un libro que recolle en versión trilingüe (galego, inglés e irlandés) unha escolma de composicións das principais poetas das tres últimas xeracións da nosa literatura. Tiven ocasión de participar na presentación do libro na Facultade de Filoloxía e tradución da Uvigo o 16 de novembro de 2010 e de facerlle unha recensión no Boletín galego de literatura do primeiro semestre de 2011. Tanto na presentación e na recensión como no Seminario «As antoloxías poéticas Contemporary Galician Poets e To the Winds Our Sails» que unha das editoras, Manoli Palacios, ofreceu os días 3 e 4 de maio de 2011 no marco do curso sobre «Xénero e identidade» do Máster en Tradución e Paratradución, sinaláronse as peculiaridades da relación Galicia-Irlanda: sólida e indiscutible dende a beira galega pero practicamente descoñecida dende a beira irlandesa. Esta identificación entre os dous países data, cando menos, do século XVII, pero foron os intelectuais da Xeración Nós os que lle deron o pulo definitivo imaxinándoa como a forma de vehicular o sentemento e a ideoloxía galeguista e nacionalista.

Malia o interese por todo o irlandés ser unha constante na historia moderna da nosa cultura, chama a atención que Galicia sexa relativamente descoñecida en Irlanda. O afán internacionalista da Xeración Nós, principal artífice do mito celta, e de activos intelectuais como Plácido Castro, non conseguiu revivir, nesoutra beira do Atlántico, a lenda que xungue as orixes de Eirín e de Galicia e que comezou a tecerse no Leabhar Gabhala Erénn, do que Vicente Risco traduciría tres capítulos na revista Nós no ano 1931. As editoras do volume sinalan no prólogo que con esta antoloxía pretenden compensar na medida do posible este descoñecemento presentándolles ós lectores irlandeses unha mostra da poesia feminina galega contemporánea.

O volume está, pois, pensado para servir de introdución da cultura galega para os lectores irlandeses e é por iso un magnífico exemplo de como as dinámicas da paratradución gobernan tamén a edición dun libro: hai unha serie de decisións que afectan á presentación e recepción destas traducións por parte dos lectores que non están tomadas polas tradutoras, senón polas editoras e mesmo pola casa editorial.

Declara Mary O’Donnell na súa introdución (p. 19) que

…this anthology hopes to contribute to the further shaping of such discourse [around identity, language and cultural survival in the past and in the present], given the commonality of socio-cultural and to some degree, political histories, shared by Ireland and Galicia. It is hoped that in Galicia the work of the Irish poets will be seen as a reciprocication, an unequivocal answering-call to the sometimes visionary work of our sister-poets further down the Atlantic seabord as they too wrestle with diverse challenges —each to her own time— and that finally it can be said that in literary terms a two-way channel between our cultures has been forged.

Este obxectivo inicial vai determinar a concepción xeral do libro. En primeiro lugar, e aínda que poida semellar pouco acertado dende un país no que se le pouco e no que a poesía é o menos demandado dos xéneros literarios, o feito mesmo de facer unha antoloxía de poetas como presentación de Galicia non é casual. Certo é que que neste aspecto inflúen tamén os gustos e as dedicación profesionais das editoras, pero é que Irlanda é un país moi amante da lectura e en concreto da poesía, que goza dunha grande aceptación entre o público xeral. A calidade e cantidade de poetas irlandeses contemporáneos é envexable, e o respecto e admiración que teñen na sociedade sono igualmente. Por se isto fose pouco, as tradutoras seleccionadas para verter ó inglés e ó irlandés os poemas galegos son algunhas das máis valoradas poetas irlandesas de diferentes xeracións, dende Nuala Ní Dhomhnaill, Celia de Fréine ou Anne Le Marquand Hartigan ata Máighréad Medbh ou Caitríona O’Reilly. Entrar en Irlanda da man das súas mellores poetas é entrar con bo pé.

 O primeiro contacto que o público lector irlandés ten co libro é a través do título e da cuberta. Nesta dominan as cores azuis dun motivo mariño que fai referencia ó mar e á navegación implícitos no título To The Winds Our Sails (alusión ás ensinanzas de Pitágoras sobre o eterno fluír, Metamorfoses de Ovidio, libro xv, versos 176-177) e que teñen como referente último a conexión celto-galega da que falabamos mais arriba: a expedición marítima dos homes de Ith dende Brigantia a Irlanda narrada no Leabhar Gabhala Erénn. Da denominación do libro, de tódolos xeitos, o que máis nos interesa nesta análise paratradutiva é o subtítulo: «Irish Writers Translate Galician Poetry». A diferenza do tradicional «traducido por», nesta ocasión o que temos é unhas escritoras que viran protagonistas activas e suxeitos do proceso de tradución. Isto deixa entrever unha visión moi concreta da tradución como recreación dos orixinais e, sobre todo, como ferramenta de introdución e presentación duns textos e dunha cultura ante os ollos doutra cultura. A tradución deixa de ser, xa que logo, un texto subordinado e secundario para tomar un papel protagonista, mesmo por diante dos orixinais. Este subtítulo actúa sobre todo como unha especie de captatio benevolentiae ante o receptor irlandés: non se trata dun libro de traducións ó uso, senón dun libro no que algunhas das mellores poetas irlandesas traducen e introducen a poesía galega. Este subtítulo e outras decisións editoriais o que fan en realidade é indicalle ó lector que o que ten entre máns é unha obra (orixinal) das poetas irlandesas máis cá tradución dunha selección de poesía galega.

No interior do libro este protagonismo mantense e mesmo acentúase, xa que como presentación dos poemas de cada autora lemos, por exemplo, «Xohana Torres and Celia de Fréine», «Ana Romaní and Maurice Harmon», etc., co cal autora orixinal e tradutora están definitivamente situadas á mesma altura como creadoras ou co-creadoras.

Dúas das portadas interiores

 

Por outra parte, o índice, bilingüe e en páxinas enfrontadas, como os poemas que compoñen o libro, incide na mesma presentación e dinos na súa versión inglesa que imos ler, por exemplo, «Chus Pato by Lorna Shaughnessy». Esta forma pouco habitual de visibilizar unha tradutora vénnos dicindo que se trata da Chus Pato de (traducida por; na lectura de) Lorna Shaughnessy, que ademais aparece destacada en negriña, como están as autoras das versións orixinais na páxina de enfronte (véxase o vídeo, máis abaixo), co que o protagonismo recae claramente unha vez máis nas tradutoras irlandesas.

A identificación máis gráfica entre autoras e tradutoras, a representación máis tanxible dun concepto de tradución no que texto orixinal e texto traducido se mesturan, fúndense e confúndense, atopámola, sen embargo, no que poderiamos denominar xogo de espellos do índice da obra. A disposición gráfica dos elementos do índice, tanto na microtipografía como na macrotipografía, fai coincidir fisicamente os nomes de autoras e tradutoras. É dicir, cando o lector abre ou pecha unha páxina das seis que ten o índice, fai que os nomes das autoras (situadso na marxe esquerda das páxinas pares) se superpoña ós nomes das tradutoras (situados na marxe dereita das páxinas impares). Se cadra sería mellor dicir que ámbolos dous nomes se atopan ou se funden cada vez que se pecha o libro; ou que se unen e se separan alternativamente, do mesmo xeito que a tradución busca o orixinal e afástase del para converterse nun texto novo; un texto volve cara ó outro constantemente para actualizarse e renacer, nun xogo de reflexos e refraccións que veñen a desdebuxar a fronteira entre tradución e orixinal. Reparemos ademais que os nomes das tradutoras irlandesas e os seus traballos están sempre en páxina impar ou anverso (a páxina marcada e polo tanto máis importante do conxunto da dobre páxina), fronte ó nome das autoras e poesías galegas, que van sempre en páxina par ou xenérica.

Non é posible maior recoñecemento para unha tradutora que o expresado por todas estas estratexias destinadas a visibilizar o seu traballo, e é mágoa que poucas casas editoriais se atrevan a facer algo semellante.

Dúas accións editoriais máis en liña coas xa comentadas rematan a identificación peritextual de autoras e tradutoras. Por unha banda, no apéndice titulado «About the Poets» preséntase unha nota biobibliográfica de todas elas, irlandesas e galegas, organizada por orde alfabética. Por outra banda, a cuberta posterior presenta unha listaxe das poetas galegas e irlandesas situadas unha vez máis en pé de igualdade, pero nesta ocasión seguindo a orde da antoloxía.

Coincidimos coa lectura que  Anxo Fernández Ocampo fai das edicións bilingües no seu artigo “Traducción intertemporal: ruptura y apropiación” como a presentación ó orixinal dunha ofrenda en forma de tradución na que o texto traducido non se somete ó orixinal senón que dialoga con el. No caso concreto de To The Winds Our Sails poderiamos dicir que acontece á inversa: o protagonismo que se lles dá ás poetas-tradutoras e ós seus textos fai que o orixinal semelle ser máis ben unha glosa da tradución. Este efecto está reforzado pola disposición das traducións sempre na páxina impar, a da dereita, a páxina sobre a cal recae a ollada do lector en primeiro lugar cando abre o libro. O lector irlandés atópase así en primeiro lugar co poema traducido e despois co orixinal que, dende a páxina impar comeza un diálogo cando o lector o albisca.

A estética das edicións bilingües suxírenos ademais unha lectura evolutiva das traducións, que se habitualmente vai dende o orixinal á tradución, nestas paratraducións irlandesas percorre o camiño inverso; dende o poema traducido cara ó poema orixinal, propónselles ós lectores irlandeses a reconstrución dun camiño, cara ás orixes, cara ás poetas galegas e cara a Galicia, que as tradutoras percorreron antes e lles deixaron marcado.

As estratexias de paratradución destinadas a resaltar a relación entre Galicia e Irlanda están presentes tamén na decisión de abrir a antoloxía con poemas do libro As arpas de Iwerddon de Luz Pozo Garza, que emprega temas e motivos da tradición irlandesa, traducidos, ademais, por Nuala Ní Dhomhnaill:

 

E lin na nosa lingua os salmos que regulan a alianza
dunha liñaxe celta en dúas ribeiras
na igrexa
naquela primavera de auganeve en Dublín

E lin versículo a versículo:
Entra con todo o honor dunha princesa
nos palacios de inverno

Non esquezas a patria

 

And I read in our own language the psalms
that regulate the alliance of a Celtic lineage
on two shores
in church
in that spring of sleet in Ireland.

And there I read verse by verse:
‘Enter with all the honour of a princess
into the winter palaces.

Do not forget your native land.’

 

Iwerddon e Nuala Ní Dhomhnaill, en Irlanda non podería haber mellor presentación para Galicia.

 

One Response to “Edición e paratradución en To The Winds Our Sails”

  1. Pingback: Paratradución editorial | Blog de Alberto A. Lugris

Deixa unha resposta


6 + sete =


× oito = 32

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.