Dicionario moderno inglés-galego

[18 de xuño: coa ocasión de superarmos as 1.000 visitas a este artigo, fago unha pequena actualización para recoller as referencias ó dicionario en medios de comunicación e nas redes sociais]
Unha versión previa deste artigo publicouse orixinalmente na revista Longalingua, nº 20, setembro de 2008. O texto e as imaxes actualizáronse para este blog de investigación T&P.

 

O dicionario moderno inglés-galego

A editorial 2.0Editora vén de publicar o Dicionario moderno inglés-galego, un proxecto que no Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo comezamos a desenvolver hai máis de nove anos e que agora sae do prelo despois de actualizar, corrixir e aumentar a edición dixital de 2005. Nesta primeira tiraxe faise tamén unha edición non venal patrocinada pola Área de normalización lingüística da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia. Esta primeira edición en papel contén 1.236 páxinas con 20.000 entradas, 30.000 acepcións e 60.000 exemplos. Trátase do primeiro grande dicionario bilingüe inglés-galego e vén encher un baleiro histórico na lexicografía galega, que carecía aínda dunha ferramenta destas características.

O trazo máis definitorio do DMIG é que se trata dun dicionario feito a partir do Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI, de acceso libre en http://sli.uvigo.es/CLUVI), un corpus de máis de 20 millóns de palabras no que se recollen textos paralelos, é dicir, textos orixinais e as súas correspondentes traducións. No caso do corpus CLUVI, temos orixinais e traducións en seis linguas: alemán, castelán, euskara, francés, galego, inglés e portugués; o dicionario elaborouse a partir das seccións que conteñen a combinación inglés-galego: TECTRA (subcorpus de textos literarios), LOGALIZA (de localización de software), VEIGA (de subtitulación de películas) e UNESCO (texto íntegro de 32 números d’O Correo da Unesco en inglés, francés, galego e castelán). Na sección de publicacións da web do SLI pódese atopar abondosa bibliografía sobre o proceso de elaboración e explotación do corpus CLUVI así como sobre a elaboración do dicionario.

Partiuse do corpus etiquetado para establecer as equivalencias entre as palabras dos textos ingleses e as dos textos galegos, seleccionándoas despois en función da súa frecuencia de uso. Deste xeito, os lemas do dicionario DMIG son todos aqueles que aparecen un mínimo de tres veces nas combinacións inglés-galego do corpus CLUVI. Despois de obter a lista de lemas, redactáronse as entradas ou artigos lexicográficos correspondentes, que conteñen as posibles traducións galegas do lema inglés máis un exemplo de cada tradución. As entradas poden incluír tamén unidades fraseolóxicas (combinacións lexicalizadas do lema con outras palabras), americanismos, observacións gramaticais e de uso e notas de tradución. Cómpre destacar que outra característica novidosa do DMIG é que tódolos seus exemplos son reais, completos, contextualizados e identificados. É dicir, a diferenza doutras obras nas que se crean exemplos ad hoc para amosar determinados usos, o noso dicionario exemplifica sempre as distintas acepcións con citas tiradas do corpus CLUVI; son polo tanto usos reais da lingua, empregados por tradutores e tradutoras profesionais en textos pertencentes a distintos xéneros. Cada exemplo, ademais, vai seguido sempre da súa referencia, para podérmolo identificar no corpus.

No seguinte gráfico presentamos os elementos dunha entrada tipo:

good-uso

Como se pode ver, a microestrutura do DMIG é semellante á doutros dicionarios bilingües, pero dáselle máis relevancia ás traducións dos lemas e ós exemplos de contextualización. Se analizamos detalladamente a estrutura interna dos artigos, podemos reparar en que os seus elementos constituíntes amosan certa variabilidade, reflexo da heteroxeneidade e das irregularidades da lingua inglesa. Así por exemplo, destácanse no dicionario os casos de lemas con flexión irregular, como no caso de louse:

louse

ou as diferenzas entre as formas tipicamente británicas e estadounidenses:

pleadjumperfilmlorry

Poden acompañar ós lemas, ademais, diversas notas sobre os seus usos en inglés, que serven para delimitar máis correctamente o sentido que se lle dá á palabra en cada caso:

must

O DMIG ofrece tamén información ortográfica, morfolóxica e de uso sobre as traducións galegas dos lemas. Malia moitos dos textos do corpus CLUVI dos que se tiran exemplos seren anteriores á reforma normativa de 2003, o DMIG unificou e regularizou a ortografía de todolos exemplos para facelos concordar coas novas directrices da lingua:

hasslethank

De grande axuda cremos que poden ser as advertencias sobre erros de lingua habituais, como algúns castelanismos moi estendidos:

syndrome

Canto ó caudal léxico recollido neste dicionario, procurouse incluír, ademais do que poderiamos chamar léxico estándar ou común da lingua inglesa (e galega), outros grupos de palabras como

a) palabras de creación recente ou con novos significados, procedentes sobre todo dos campos das tecnoloxías da información e algunhas disciplinas científicas:

hacker

b) nomes propios de persoa, país, cidade, ríos, mares, etc.; é dicir, termos enciclopédicos máis que lexicográficos:

mauritius

hagueganges

c) termos especializados que chegan á lingua común a través dos textos de divulgación científica:

biofertilizer

haemorrhagic

Polo que respecta ó contido das entradas, cabe destacar, por último, a sección de fraseoloxía, que nalgúns casos, como os dos phrasal verbs, chega a ser moi amplo. Consúltese por exemplo a entrada do verbo come, que contén 14 unidades deste tipo, ou go ou break con 12.

come

Dende o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo agardamos que o DMIG sexa unha ferramenta útil tanto para estudantes e usuarios de inglés de tódolos niveis como para os profesionais da tradución e da interpretación, que ata agora tiñan que recorrer a “dicionarios ponte” inglés-portugués ou inglés-castelán. Agardamos tamén tódalas críticas e suxestións que os usuarios nos fagan chegar e que sen dúbida contribuirán a mellorar a súa calidade en futuras edicións.

Para rematar, os autores do dicionario queremos deixar constancia do noso agradecemento a tódalas bolseiras e bolseiros que traballaron no SLI durante estes últimos anos na construción do corpus e en versións previas deste dicionario, contribuíndo así a que este proxecto saia agora do prelo.

Actualización, 18 de xuño. Como se recolleu a noticia da publicación do DMIG nos medios de comunicación e nas redes sociais. 

Entrevistas e noticias na prensa:

 

Noticias en blogs, etc:

 

5 Responses to “Dicionario moderno inglés-galego”

  1. Pingback: Dicionario moderno inglés-galego | Vigo al minuto

  2. Pingback: Cara á normalización da lingua galega | El lector de Argos

  3. Pingback: Hacia la normalización de la lengua gallega | El lector de Argos

Deixa unha resposta


1 + = catro


seis × 9 =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.