Edición e paratradución en To The Winds Our Sails

To The Winds Our Sails é un libro que recolle en versión trilingüe (galego, inglés e irlandés) unha escolma de composicións das principais poetas das tres últimas xeracións da nosa literatura. Tiven ocasión de participar na presentación do libro na Facultade de Filoloxía e tradución da Uvigo o 16 de novembro de 2010 e de facerlle unha recensión no Boletín galego de literatura do primeiro semestre de 2011. Tanto na presentación e na recensión como no Seminario «As antoloxías poéticas Contemporary Galician Poets e To the Winds Our Sails» que unha das editoras, Manoli Palacios, ofreceu os días 3 e 4 de maio de 2011 no marco do curso sobre «Xénero e identidade» do Máster en Tradución e Paratradución, sinaláronse as peculiaridades da relación Galicia-Irlanda: sólida e indiscutible dende a beira galega pero practicamente descoñecida dende a beira irlandesa. Esta identificación entre os dous países data, cando menos, do século XVII, pero foron os intelectuais da Xeración Nós os que lle deron o pulo definitivo imaxinándoa como a forma de vehicular o sentemento e a ideoloxía galeguista e nacionalista. Ler Máis