Un dos elementos que de entrada me interesan máis do ensino asíncrono (segue sen gustarme o termo e-actividade e estoutra denominación creo que pode ser axeitada) é o portafolio. Teño aínda a día de hoxe unha vaga noción do que son os portafolios pero aínda así, parécenme unha boa ferramenta de traballo.
Non sei se será mellor ferramenta para o alumno ou para o profesor; quero dicir, non sei se será doado empregar a información do portafolio para avaliar o rendemento dun alumno, mesmo que o empreguemos só como complemento a outros tipos de avaliación, pero dende logo teño moi claro que é unha moi boa ferramenta para que o alumno reflexione sobre a súa aprendizaxe e as súas capacidades, cales son os seus puntos fortes e débiles. E tamén para que faga unha crítica do sistema de ensino. Como profesor, as críticas dos alumnos á miña forma de traballar parécenme fundamentais.