Activismo feminista e tradución nun mundo transnacional

Xa está publicada na web da UvigoTV a gravación da conferencia que a profesora Olga Castro nos ofreceu o pasado 12 de abril.

Resumo da conferencia

No actual contexto da globalización transnacional, dáse un grande consenso académico á hora de recoñecer a tradución como unha poderosa ferramenta de mediación cultural. Por extensión, nesta nosa era do feminismo transnacional, no que os diálogos e encontros trasnacionais poden contribuír a evitar as prácticas excluíntes e universalizadoras do feminismo occidental mediante a creación de enfoques interseccionais que contemplen as capas identitarias de raza, xénero, sexualidade, etnicidade ou nación (e tamén mediante novas lecturas sobre a opresión de xénero en diferentes contextos), a tradución desempeña un papel vital en facilitar ou entorpecer estes encontros. Os intercambios interculturais promovidos polas prácticas de tradución terían, xa que logo, un grande potencial para desenmascarar a natureza universal e universalizadora da discriminación de xénero, ao tempo que deixarían en evidencia os xeitos diversos nos que estas prácticas discriminatorias se materializan en diferentes situacións. Tomando isto como punto de partida, o meu relatorio sobre o activismo feminista en tradución nun mundo transnacional ten un dobre obxectivo: dunha banda, reflexionarei sobre o concepto de ‘estudos feministas de tradución’ e o que implica a súa teorización nun mundo transnacional; sen dúbida, nun momento histórico no que están a experimentar un crecemento sen precedentes en termos xeopolíticos e inter/disciplinarios. Da outra, logo de facer un repaso sucinto polos diferentes enfoques feministas ‘tradicionais’ aos estudos de tradución (tradutoras na historia, autoras traducidas, teoría feminista a través da tradución ou linguaxe inclusiva e tradución, entre outros), tratarei de revelar algúns dos baleiros de investigación máis significativos na encrucillada entre os estudos de tradución e os estudos feministas. Pretendo con isto apuntar ás oportunidades e aos desafíos de pór a tradución no punto de mira do activismo feminista transnacional.

Máis información: entrada neste blog na que se anuncia a conferencia, cunha bionota e bibliografía descatada da profesora Olga Castro.

Video da conferencia.

Comments are closed.