Presentación da tradución Diary of Crosses Green, de Martín Veiga

O vindeiro martes 16 de outubro ás 10.00  presentarase no Salón de actos da facultade o libro Diary of Crosses Green de Martín Veiga, en tradución ao inglés de Keith Payne, que se acaba de publicar na editorial Francis Boutle Publishers. Contaremos coa presenza do autor, Martín Veiga, do tradutor Keith Payne, do editor Clive Boutle e da escritora Eva Moreda. Presentaranse tamén outras publicacións recentes da mesma editorial: Forever in Galicia (tradución de Sempre en Galiza de Castelao), Breogán’s Lighthouse (escolma de poesía galega editada por Antonio Raúl de Toro Santos) e National Identities at the Crossroads, unha colección de ensaios sobre literatura e cultura ibéricas e galegas editados por Xabier Payá e Laura Sáez.

O mesmo día ás 20.00 terá lugar unha presentación semellante na libraría Librouro.

CLIVE BOUTLE dirixe Francis Boutle Publishers, unha editorial independente con domicilio en Londres e especializada en historia social, arte e linguas rexionais e minoritarias europeas. Publica poesía e prosa, textos predominantemente bilingües, en galego, catalán, saami, romaní, manx, occitano, galés, bretón, frisón e córnico. O seu gran logro é a serie de antoloxías bilingües de Lesser Used Languages of Europe (Linguas europeas minorizadas), que combinan textos históricos e contemporáneos nun volume único. A súa antoloxía galega, Breogán´s Lighthouse (O Faro de Breogán), publicouse en 2012. Os próximos títulos no prelo da editorial inclúen obras do gaélico escocés, lingua livonia, latgaliá e feroesa. Clive é un bardo do Gorseth córnico e Premio Ostana polo seu traballo con linguas minoritarias e en perigo de extinción.

MARTíN VEIGA é poeta e profesor titular de Estudos Hispánicos na University College Cork, onde dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos. Como investigador, publicou numerosos libros sobre a vida e obra de Antón Avilés de Taramancos, entre os que destaca a monografía Escribir na multitude: A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos (2014). Como poeta, é autor de varias obras polas que obtivo prestixiosos premios: Tempo van de porcelana (1990), As últimas ruínas (1994, Premio Espiral Maior), Ollos de ámbar (2005, Premio Esquío), Fundaxes (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño) e Diario de Crosses Green (2016). En 2017 recibiu o Premio Pedrón de Honra pola súa traxectoria na promoción e difusión da cultura galega no exterior.

EVA MOREDA. Narradora. A súa última novela é A Veiga é como un tempo distinto (Xerais). Foi gañadora ou finalista de numerosos certames, como o Terra de Melide, Narrativas Quentes, Manuel Murguía de Relato, San Clemente, etc. Publicou narrativa, non ficción e obras híbridas en inglés co pseudónimo Eva Ferry. Reside desde o 2006 en Reino Unido, onde actualmente é profesora titular de Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

KEITH PAYNE é o gañador do premio Ireland Chair of Poetry Bursary Award 2015-2016. Autor do poemario Broken Hill (Lapwing Press, Belfast, 2015) e traductor dos libros Six Galician Poets, (Arc, UK, 2016) e Museums, rooms and trees de Marta Fernández Calvo, (Gobierno de La Rioja, 2017) entre outros libros. Co-director de PoemaRia, Festival Internacional de Poesía de Vigo e director de Lecturas a Malinche, intercambios de poetas entre Irlanda e Galicia.

Comments are closed.