Alberto Álvarez Lugrís é licenciado en Filoloxía anglo-xermánica pola Universidade de Santiago de Compostela (1992), onde tamén defendeu a súa Tese de Licenciatura sobre Os falsos amigos da tradución do inglés ao galego (1994); é ademais Doutor en Tradución e interpretación pola Universidade de Vigo (1999), na que desempeña labores docentes como profesor de tradución do inglés para o galego dende 1994.
Como investigador ten publicados máis de 60 artigos e libros sobre teoría e a práctica da tradución, lingüística de corpus, docencia e didáctica da tradución, lexicoloxía e lexicografía ou o papel da tradución na creación de identidades;
Os seus intereses de investigación céntranse principalmente en dous campos: o uso de corpus nos Estudos sobre tradución e a construción da identidade nacional a través das traducións.
No ano 2003 publicou xunto con Anxo Fernández Ocampo a versión galega e multilingüe da Terminoloxía da tradución. (Terminologie de la Traduction – Translation Terminology – Terminologie des Übersetzungs – Terminología de la tradución), de Jean Delisle, Hannelore Lee-Jahnke e Monique C. Cormier. Pódese descargar de balde aquí.
É director de Viceversa. Revista galega de tradución, publicada conxuntamente pola Universidade de Vigo e a Asociación de tradutores galegos, e membro do consello de redacción de Hermeneus, así como censor en temas relacionados coa tradución, a lingüística de corpus e a lingüística computacional para distintas revistas e editoriais internacionais (DEA, Transitions-Journal of Franco-Iberian Studies, Linguamática, MONTI, John Benjamins, etc.).
É membro fundacional do Seminario de lingüística Informática da Universidade de Vigo (SLI) e colabora co Grupo de investigación en Tradución & Paratradución dende a súa creación sendo o actual Secretario do Programa de Doutoramento que leva o mesmo nome. No seu blog de investigación T&P analiza a tradución dende distintas perspectivas e emprega a paratradución como lente para observar criticamente a realidade.
Tamén é coautor do Dicionario Moderno Inglés-Galego publicado por 2.0 Editora en 2012. Trátase da edición en formato papel do primeiro dicionario galego baseado exclusivamente en corpora. A autoría é de Xavier Gómez Guinovart (coordinador), Alberto Álvarez Lugrís e Eva Díaz Rodríguez. Os tres autores son membros do Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo, que desenvolveu nos últimos anos importantes ferramentas lingüísticas relacionadas co emprego, difusión e coñecemento do galego. Dende a web do SLI pódese acceder, entre outros, aos recursos electrónicos descritos polo miúdo na reseña que do Dicionario María Álvarez de la Granja publicou na revista Estudos de Lingüística Galega.
Como tradutor literario destacan as súas traducións de Asasinato no Orient Express de Agatha Christie, Horario de clase de Christine Nöstlinger ou Mélani Miráculi de Renate Welsh.