Limiares
Cargando
Ferramentas de tradución profesional 4
Outubro 10, 2017

Ferramentas de tradución profesional

Este curso complementario de formación ten como obxectivo introducir o alumnado participante ás ferramentas de tradución máis habituais e demandadas que a persoa que traduce debe coñecer e manexar. A formación é eminentemente práctico, con situacións e tarefas que simulan proxectos reais de tradución. Outra das finalidades é que o alumnado poida familiarizase con MemoQ, unha das ferramentas de tradución máis populares na actualidade e que ten moitas similitudes con SDL Trados e con outros programas de tradución. Deste xeito, co coñecemento desta ferramenta, o futuro tradutor será quen de decidir cal será o programa que escollerá para desenvolver a súa actividade profesional.

Presentación da IV.ª Edición do curso complementario de formación Ferramentas de tradución profesional

Tras o éxito das I.ª, II.ª e III.ª Edicións do curso complementario Ferramentas de tradución profesional, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) quere atender unha vez máis a esta eiva recorrente no mercado laboral actual e pon á disposición do alumnado do grao en Tradución e Interpretación, do mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), do doutoramento Tradución & Paratradución (T&P) e de tradutores/as profesionais, esta IV.ª Edición do curso complementario de formación Ferramentas de traducción profesional.

O MTCI xa conta no seu programa coa materia de Xestión de memorias de tradución, a cargo da tradutora profesional Ana Hermida Ruibal, mais pensamos que asinarmos un acordo académico coa empresa Kilgray, creadora do programa MemoQ, sería positivo para o noso alumnado. Deste xeito, complementariamos a nosa formación no que atinxe ás ferramentas de tradución e memorias de tradución.

Este curso de 12 horas de formación conta con 40 prazas e terá lugar na aula Newton 9 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo entre os días 20, 21 e 22 de novembro de 2017. 

O alumnado interesado terá que facer a preinscrición entre os días 10 de outubro e 06 de novembro de 2017 na aplicación Bubela da Universidade de Vigo.

As taxas do curso son de 49 euros. Alumnado do MTCI y do Doutoramento T&P 40 euros. A coordinación pon a disposición 3 bolsas por importe de 20 euros cada una.

Cómpre indicar que o alumnado matriculado no curso poderá acollerse a un desconto de aproximadamente o 80% para mercar unha licenza do programa MemoQ.  O Bono-desconto (de aproximadamente 80%) para adquirir a licenza de memoQ estará dispoñible para:

  • a) alumnado de grao en T&I
  • b) alumnado de mestrado MTCI e doutoramento T&P que se graduou hai menos de 9 meses.

A formación correrá a cargo da tradutora e formadora Rocío Abelleira Zataraín, licenciada en Química pola Universidade da Coruña e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Desde hai máis de dez anos, traballa como Senior Linguistic Lead para Foreign Exchange Translations, unha empresa internacional líder no campo da tradución médica e farmacéutica. Entre as súas funcións están a creación e mantemento de terminoloxía, memorias de tradución e guías de estilo, así como a aplicación de novas tecnoloxías aos proxectos multilingües nos que participa.

O programa do curso complementario conta cun módulo teórico (1 hora) e outro práctico (11 horas). No primeiro atenderase á relevancia que teñen as ferramentas de tradución para a persoa que traduce profesionalmente. No segundo, haberá unha introdución a licenza MemoQ (programa de memoria de tradución):

  • a) Memoria de tradución
  • b) Terminoloxía
  • c) Formato de arquivos
  • d) Principais funcións da ferramenta.

Traballarase con outras licenzas: Xbench (programa para o control da calidade da tradución) e Olifant (programa para o mantemento das memorias de tradución).

Cómpre subliñar que todos os ordenadores da sala terán instalados os programas mencionados para que o curso sexa eminentemente práctico e así levar a cabo situación e tarefas que simulan proxectos reais de tradución.

O Curso Ferramentas de traducción profesional ten concedido por parte da Extensión Universitaria o recoñecemento de créditos para o alumnado.

Coordinación do curso:

Óscar Ferreiro Vázquez 

Patrocinadores:

Kilgray Translation Technologies

Doutoramento T&P

Mestrado en Tradución para a comunicación internacional (MTCI)

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

GL
X