Limiares
Cargando
Entrevista con Patricia Buján, profesora do MTCI
Xaneiro 10, 2022

A estradense que puxo a falar en galego a Heidi

 

ROCÍO GARCÍA A ESTRADA
LA VOZ DE GALICIA 09/01/2022

Patricia Buxán traduciu ao galego a obra suiza, a novela «O perfume» e a Teoría da relatividade de Einstein

Xeracións enteiras de galegos medraron vendo a Heidi na tele, pero poucos tiveron a oportunidade de ler a novela firmada pola autora suiza Johanna Spyri en 1880. E moito menos en galego. A maioría dos libros de Heidi que circulan por aí son versións acortadas. Aira Editorial acaba de lanzar ao mercado en Nadal a primeira tradución ao galego da obra orixinal ao completo. A autora é a tradutora estradense Patricia Buján Otero. Orixinaria de Santeles e afincada actualmente en Barrantes, asina os seus traballos como Patricia Buxán.

«A maioría das versións que había son acortadas e infantilizadas. Para min foi un reto traducir ao galego unha obra escrita nun alemán con moitos trazos dialectais, porque a autora é suiza, e plasmar as detalladas descricións dos Alpes que contén o orixinal. Heidi adora a natureza e describe desde como se pon o sol ata as plantas e as flores que se atopa cando sube con Pedro e as cabras. Tiven que facer moito traballo de investigación sobre a flora para buscar os nomes de todas esas plantas. Tamén foi complexo traducir a forma de falar de Heidi, moi riquiña, con moitas repeticións», explica Patricia Buxán.

Moita documentación

Este clásico da literatura infantil non é nin moito menos a primeira obra mítica que traduciu a estradense. Por encargo da editorial Kalandraka, a autora puxo tamén en galego O perfume, do alemán Patrick Süskind, que veu a luz o verán pasado. Neste caso xa existiu unha tradución anterior en Sotelo Blanco, pero xa non estaba no mercado e considerouse interesante facer unha nova. «Nesta obra enfronteime a dous retos. Por unha parte a documentación sobre o mundo dos perfumes e as esencias. O personaxe principal está obsesionado cos perfumes e fíxome falta moita investigación sobre cómo funciona a creación dun perfume. O autor documentouse moito e eu tamén tiven que facelo para poder detallar como ve o protagonista o mundo a través do olfacto. O outro reto foi manter o estilo. A obra está escrita nun estilo moi barroco. En alemán ten frases que se len ben pero que son longas. Eu tiña que conseguir esa fluidez e ese barroquismo á vez en galego», conta a tradutora.

Sempre aprendendo

A Patricia Buxán, o punto creativo de xogar coa lingua e a oportunidade de sumerxirse en moitos mundos diferentes é o que máis lle gusta do seu traballo. «Ás veces tes que investigar sobre perfumes e outras sobre extrusionadoras, pero estás sempre aprendendo», explica. O que menos gratificante lle resulta é a parte administrativa do oficio, que tamén a tén.

A Teoría da relatividade e as interfaces de Samsung en galego

As traducións literarias non son o único ámbito de traballo de Patricia Buxán. A estradense desembarcou nese mundo coa tradución do libro do austríaco Stefan Zweig Novela de xadrez, a dúo con Saleta Fernández. Traduciu tamén para a editorial Irmás Cartoné E agora que, homiño? do alemán Hans Fallada, que non existía en galego e que é un dos traballos que máis lle gusta.

Antes de debutar na tradución literaria, Patricia Buxán estivo centrada durante anos no mundo das traducións técnicas. Neste ámbito traduciu para o Consello da Cultura Galega a Teoría da relatividade de Einstein, por citar só un texto dos centos que leva traducindo do inglés ou do alemán ao galego ou ao español. Desde hai varios anos traballa tamén para a firma Samsung, traducindo do inglés ao galego as interfaces das diferentes aplicacións e dispositivos do xigante coreano.

Patricia Buxán estudou Tradución e Interpretación en Vigo e leva dúas décadas traballando na tradución e na revisión de todo tipo de textos para correxir erros ou cuestións de estilo, de xénero ou linguaxe inclusiva. Ademáis, desde o 2016 forma parte da cooperativa Catroventos Editora, que edita libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable, crianza alternativa e dereitos humanos. Tamén ofrece servizos editoriais, de tradución e deseño.

A estradense é doutora en Tradución e profesora de alemán a tempo parcial na Universiade de Vigo. Tamén foi presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, da que é membro. Todos os seus proxectos pódense consultar na súa web, traducion.gal.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

GL
X