Programa de Doutoramento Internacional en
Tradución
& Paratradución (T&P)

Creado durante o curso académico 2004-2005, o Doutoramento T&P foi o primeiro Programa de Doutoramento Internacional en rede dentro da Universidade de Vigo. Hoxe en día está acorde coa normativa do Real Decreto 99/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan os ensinos oficiais de doutoramento. Nel investígase como ao longo da historia, a tradución e a interpretación foron prácticas fundamentais na construción de calquera cultura e na súa capacidade de cambio.

O Doutoramento en Tradución e Paratradución (T&P) é o único Programa de Doutoramento en tradución e interpretación de toda a eurorexión Galicia-Portugal e o seu título aparece acreditado oficialmente e cumpre con todos os requisitos de calidade e esixencia regulados por lexislación vixente. Trátase dun posgrao de investigación que responde á demanda de formación por parte do alumnado da titulación do grao en Tradución e Interpretación. Ofrecemos un conxunto equilibrado de contidos teóricos e prácticos con vistas tanto á investigación como á preparación dos e das profesionais da tradución e da interpretación. O conxunto das teses defendidas polo noso alumnado constitúe unha proba científica de todo o traballo de investigación levado adiante ata hoxe.

O modelo semipresencial, permite cursar completamente a distancia ou ben asistir ás sesións presenciais realizando auténticas prácticas de campo en Ciencias Humanas e Sociais. O programa de Doutoramento T&P responde á transformación teórica e metodolóxica que viviu a área científica de Tradución e Interpretación na última década, ofrecendo contidos teóricos procedentes das distintas fases de descrición, estudo e análise das actuais realidades socio profesionais da era dixital. O cal garante, desde o principio, a continuidade entre teoría e práctica.

As liñas de investigación T&P conforman o acrónimo F_I_L_L_M_M_M_A_P_S cuxas letras corresponden ás iniciais da primeira palabra dos seguintes 10 grandes eixos temáticos: Filosofía e traducción; Imaxe e tradución; Literatura e tradución; Lingüística e tradución; Memoria e tradución; Migración e tradución; Mestizaxe, identidade e tradución; Antropoloxía e tradución; Pantalla e tradución; Sectores estratéxicos da tradución.

O Doutoramento T&P ofrece modelos e protocolos de punteiras prácticas profesionais a través de convenios cos sectores profesional, empresarial e institucional que colaboran nos proxectos I+D+i do Grupo de Investigación T&P. Procúrase responder ás necesidades existentes nos ámbitos das tecnoloxías da información, do turismo, da publicidade, das industrias da cultura, e, por suposto, da divulgación científica do coñecemento. Como exemplo sirvan os tres programas Web-TV de divulgación científica dedicados ao mundo da tradución e interpretación: Zig-Zag, Exit e Pílulas T&P. Programas TV en liña do Grupo de Investigación T&P que pretenden apoiar a formación e valorizar a investigación básica, o desenvolvemento e a innovación, así como a propia transferencia produtiva do coñecemento. Non deixe de visitar a nosa web : http://paratraduccion.com/doctorado/