Título Propio Universitario de
Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) da Universidade de Vigo

O Título Propio de ETIV  creouse e estreouse grazas a un grupo de tres profesores do Grupo de Investigación Tradución & Paratradución (T&P) durante o curso 2018-2019 (Óscar Ferreiro Vázquez, Ramón Méndez González e José Yuste Frías) ao que se uniu un cuarto no curso 2019-2020 (Emmanuel Bourgoin Vergondy). O obxectivo é ampliar a formación que se imparte na materia Tradución de videoxogos do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) desde o curso 2013-2014 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. 

Dende o Grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P) (Doctorado T&P) e coa longa experiencia docente acumulada no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), puxemos en andamento o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) na Universidade de Vigo porque consideramos necesario ofertar un título que ofreza unha formación completa en todos os eidos da industria do videoxogo con vistas a formar especialistas no exercicio profesional da tradución e interpretación neste sector estratéxico do mercado. Un dos maiores obxectivos da formación que ofrecemos é que as 200 horas de docencia son impartidas por profesorado universitario e profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional para que o alumnado remate a súa formación presencial cunha visión real, completa e próxima da práctica profesional. Para conseguir os nosos obxectivos formativos contamos coa colaboración proactiva de empresas colaboradoras.

En cada edición do Título Propio de ETIV o alumnado acaba a súa formación cun elevado grao de satisfacción e, sobre todo, coas competencias necesarias para, en máis da metade dos casos, atopar traballo na industria do videoxogo. E é que o Título Propio de ETIV da UVigo foi deseñado para ofrecer unha formación eminentemente práctica na que todo o corpo docente achega ao alumnado a textos, paratextos, casos e situacións reais como o que se podería atopar no mercado profesional da tradución e localización de videoxogos. A colaboración de importantes empresas nacionais e internacionais permite ao alumnado do ETIV contar con textos e paratextos reais así como, nalgunhas ocasións, mesmo se desenvolveron xogos e ferramentas especificamente para o seu uso nas aulas da Facultade de Filoloxía e Tradución onde se imparte o Tïtulo Propio do ETIV da UVigo. A formación que ofrecemos tenta non pasar por alto ningún dos aspectos importantes que as empresas esixen ás persoas traballadoras deste sector estratéxico, polo que, aínda que o foco central sexa a localización de videoxogos en si mesma (con ingame, subtitulado e dobraxe), tamén se traballa con mercadotecnia e publicidade nas estratexias comunicación internacional, tradución de software, interpretación especializada no eido dos videoxogos, tradución para a prensa ou tradución literaria da narrativa aumentada e transmedia baseada en videoxogos.