Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI)

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo iniciou a súa andaina no curso 2013-2014. Esta formación especializada de posgrao, de modalidade semipresencial, ten por obxectivo ofrecerlle ao alumnado unhas destrezas holísticas para encarar os limiares do seu porvir profesional con solvencia: http://paratraduccion.com/limiares/ 

O programa do MTCI divídese en tres bloques:

  • O primeiro ou Módulo A, é obrigatorio porque ofrece as metodoloxías básicas para o desenvolvemento das materias que conteñen os módulos seguintes,
  • O segundo e o terceiro son optativos e o alumnado terá que escoller o itinerario que máis lle conveña para a súa formación:
    • Módulo B1 «Tradución para a comunicación internacional»
    • e Módulo B2 «Tradución para o comercio internacional».

No que respecta ás saídas profesionais, os egresados do MTCI atopan traballo en empresas moi variadas, tanto fóra coma dentro da comunidade galega. Os perfís máis habituais son: a) tradutor/a-intérprete no eido do comercio exterior: responsable de importación-exportación de empresas nacionais ou internacionais, técnico de comercio exterior, responsable de análise de desenvolvemento, e b) tradutor/a-intérprete na área da comunicación audiovisual e multimedia e nas áreas sanitaria, educativa e xudicial da mediación intercultural, multicultural e transcultural. Cómpre sinalar que tamén hai alumnado interesado na investigación, deste xeito continúa a súa formación cos estudos de doutoramento.

No que atinxe aos indicadores de calidade, o último informe emitido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), valorou moi positivamente «a demanda do título, sempre por riba do mínimo esixido e en progreso ascenso» e destacou a taxa de 0% de abandono nos estudos. Alén desta valoración, os rankings da propia Universidade de Vigo, sitúa o MTCI no 1º posto do eido científico de Humanidades e no 6º posto dos mestrados mellor valorados, dun total de 63.