Do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional ao Parlamento Europeo: entrevista con Alba Rubio Alonso

  1. Por que decidiches solicitar a bolsa Schuman do Parlamento Europeo e como te enteraches da convocatoria? Que esperabas aprender ou experimentar durante o teu período de prácticas?

Dende a adolescencia, sempre sentín un especial interese polas culturas. Cando estudei o Grao en Linguas Estranxeiras e, posteriormente, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, sabía que quería ter a experiencia de traballar nunha institución internacional na que, de forma intrínseca, estás en contacto constante con numerosas linguas, persoas de todos os lugares e experiencias diversas, e non se me ocorre mellor sitio para isto que as institucións da Unión Europea.

A primeira vez que escoitei falar destas bolsas foi, precisamente, no mestrado. Ao coñecelas, informeime en internet para ver cal é o procedemento para solicitalas e vin que facían dúas quendas de bolseiros ao ano. Ao rematar o mestrado, traballei un par de anos nunha empresa de tradución en Vigo e, a continuación, formalicei a solicitude e tiven a sorte de que me colleron.

Durante as prácticas, o meu principal obxectivo era coñecer como se traballa no Parlamento Europeo e, concretamente, no departamento de Tradución. Quería gañar experiencia práctica como tradutora, así como aprender sobre a terminoloxía dos textos institucionais e as dificultades específicas dos documentos das institucións europeas.

  1. As bolsas Schuman ofrécense en diferentes eidos, como políticas da UE, administración, comunicación, etc. En que área traballaches e como se relaciona coa túa formación ou intereses?

Eu traballei como tradutora na Dirección Xeral de Tradución en Luxemburgo, así que o posto encaixaba á perfección coa miña formación académica. No posto que ocupo, encargámonos de traducir toda unha serie de documentos lexislativos, polo que a precisión é fundamental. Traballar con este tipo de texto permite estar en contacto directo coa realidade de distintas persoas en toda a Unión Europea, e como tradutor, es unha peza clave para facer posible que a xente teña acceso aos distintos documentos no seu propio idioma.

O Parlamento Europeo ofrece moitas posibilidades distintas de traballo vencelladas aos idiomas: tradutores, editores, correctores, xestores de proxectos de tradución, intérpretes, etc. Con estas prácticas, tes a oportunidade de explorar unha ampla variedade de traballos relacionados coas linguas e ver cal che gusta máis.

  1. Que habilidades e competencias consideras que desenvolviches durante as túas prácticas no Parlamento Europeo e como cres que esto pode influír na túa carreira profesional?

A experiencia no parlamento é unha experiencial global, polo que as habilidades que gañas van máis alá do propio traballo que desenvolves no teu posto.

No tocante á tradución, puiden aprender en profundidade sobre as ferramentas que se utilizan no Parlamento para traducir e procesar os distintos textos. A través das numerosas formacións, aprendemos a empregar Trados Studio de maneira profesional e eficiente, así como outras plataformas de tradución específicas do Parlamento. Ademais, tamén aprendín a utilizar glosarios temáticos (por exemplo, xurídicos) e bases terminolóxicas, como o IATE. Por outra banda, grazas á formación e as conferencias que se organizan para os bolseiros, puiden entender moito mellor a estrutura da Unión Europea, as súas institucións e o seu funcionamento.

Tamén cómpre sinalar que cando te incorporas ao parlamento, pasas a formar parte dunha unidade de profesionais cos que terás que traballar en equipo, xa que o traballo do tradutor sempre vai da man do dos correctores e dos propios xestores de proxectos. A comunicación vólvese esencial, así que as prácticas tamén che permiten aprender a moverte no mundo laboral e a integrarte nun gran equipo.

  1. O proceso de selección para as bolsas Schuman é competitivo. Que consellos darías a futuros aspirantes?

Á hora de cumplimentar a solicitude é moi importante prestar atención aos requisitos e cumprilos ao pé da letra. Para cada posto que queiras solicitar, deberás redactar unha carta de presentación. Eu penso que é xusto aí onde tes que destacar o que sabes, os logros que conseguiches no mundo académico ou profesional, e tamén o teu interese polas actividades do Parlamento.

Academicamente, convén destacar aquilo no que sobresaíras e que pode ter relación co traballo na institución: se obtiveches unha matrícula de honra na materia de Tradución xurídica, se o teu TFM tratou sobre documentos legais, ou se tiveches a oportunidade de facer algunha formación sobre o funcionamiento la Unión Europea. Para isto último, na páxina web de EU Academy podes atopar unha morea de cursos gratuitos sobre a UE que che poden dar un pulo cando prepares o teu currículo para a bolsa.

En canto ao profesional, se tes unha primeira experiencia traballando como tradutor ou algún traballo relacionado, destaca as tarefas que realizaches. Se non tes experiencia profesional, podes facer algún voluntariado de tradución para poder así falar dos teus proxectos. Podes conseguir experiencia como traductor voluntario en páxinas como TedTalks, Translation Without Borders, Amara ou BabelCube.

Por último, amosa ilusión e ganas de aprender. Cando chegues ao Parlamento, serás recibido por un equipo que che ofrecerá toda a información e explicacións para que entendas o teu traballo e o funcionamento do Parlamento, e eles agardan recibir a alguén ilusionado pola oportunidade. Na carta, podes reservar un parágrafo para explicar por que queres facer as prácticas, así como todo o que che interesa do traballo do Parlamento.

Tamén convén saber que non só o Parlamento ofrece prácticas para tradutores. Outras institucións, como a Comisión, o Consello da Unión Europea ou o Tribunal de Xustiza tamén teñen programas de prácticas, así que o meu consello é que tamén lle botedes unha ollada ás súas ofertas, son moi interesantes e aumentaredes as vosas probabilidades de conseguir unha bolsa!

  1. Como describirías o ambiente de traballo dentro dunha institución europea como o Parlamento, e que aspecto desta experiencia che resultou máis enriquecedor ou sorprendente?

O traballo dos tradutores para o Parlamento ten lugar, fundamentalmente, en Luxemburgo. A diferenza de Bruselas ou Estrasburgo, que son as outras dúas cidades europeas e onde transcorre a actividade política, en Luxemburgo hai un ambiente máis tranquilo, xa que se trata dunha sede administrativa. Porén, toda a actividade lexislativa e política que ocorre nas outras cidades ten unha repercusión no noso traballo en Luxemburgo.

As bolsas Schuman están deseñadas para que cando remates teñas un coñecemento completo de todo o que se fai realmente nas institucións europeas. Unha das actividades do programa consiste, precisamente, en ir ás sedes de Estrasburgo e Bruselas, onde podes presenciar en directo as sesións plenarias nas que se votan as normativas, así como as sesións das comisións parlamentarias, onde se tratan asuntos máis específicos, como a saúde, o medioambiente ou as tecnoloxías. Creo que estas viaxes foron o máis enriquecedor da experiencia, xa que me permitiron entender de forma máis exhaustiva como se deciden as normas que logo rexen o noso día a día.

O máis interesante de traballar no Parlamento é que sempre estás en contacto directo e en tempo real coa actualidade mundial e cos sucesos que afectan a xente coma nós.

  1. Cursaches o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional. En que medida consideras que este máster te preparou para afrontar un entorno profesional multilingüe como o Parlamento Europeo?

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional ofrece unha ampla oferta de materias, pero se o teu obxectivo é traballar en organizacións internacionais, penso que a tradución xurídica e económica van resultar especialmente útiles. No meu caso, elixir esas materias supuxo ter un primeiro contacto con textos que tratan de temas deses eidos que, a fin de contas, están moi relacionados cos documentos que se traducen no Parlamento.

Considero que o mestrado xogou un papel especialmente importante á hora de presentarnos as distintas posibilidades de traballo que tiñamos unha vez rematados os estudos e facernos ver que non existe unha única saída á nosa formación. Como dicía antes, eu coñecín as bolsas no mestrado, así que para min foi moi valioso poder recibir toda esa información durante os estudos.

  1. Que competencias adquiridas no Máster en Tradución para a Comunicación Internacional foron máis útiles durante as túas prácticas na institución europea?

Antes de cursar o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional estudara unha filoloxía, polo que os meus coñecementos do mundo da tradución eran moi limitados. De feito, nin sabía o que era una memoria de traducción. Así que todas as bases sobre o sector da tradución e as prácticas adquirinas no mestrado, e as puiden aplicar posteriormente no mundo profesional e no traballo no Parlamento Europeo.

Durante o mestrado, aprendemos a empregar o software de tradución MemoQ mediante proxectos prácticos, e tamén nos falaron de Trados Studio, o outro grande da tradución (e o que se emprega no Parlamento). Para min, ter esta base foi fundamental, xa que me permitiu comezar a traballar cun pé dentro do “mundillo” e cos coñecementos básicos necesarios para poder desenvolverme.

Por otra banda, como xa mencionei anteriormente, as materias de traducción económica e xurídica me resultaron especialmente útiles, xa que agora me topo no meu día a día con terminoloxía e conceptos que puiden aprender no mestrado. En traducción xurídica, aprendín a importancia de ser preciso coa terminoloxía e de non utilizar termos á lixeira, xa que cómpre ter en conta que a elección dunha palabra pode carrexar consecuencias reais. Ademais, enináronnos a utilizar recusos como o IATE e o Eur-Lex, que son os nosos compañeiros diarios no Parlamento. En tradución económica, traducir informes financeiros e sobre orzamentos terminou resultando moi útil para a tradución para a Unión, xa que se traballa cunha morea de documentos sobre cifras e proxectos financiados pola organización.

  1. Que consello lle darías a estudantes do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional que aspiran a traballar en institucións europeas?

Se o teu obxectivo é traballar como tradutor na Unión Europea, a formación universitaria en tradución é moi importante, así como ter uns coñecementos básicos sobre terminoloxía xurídica e económica, aínda que, cómpre sinalar, moito disto o aprenderedes directamente traballando sobre o terreo. Aparte da formación, como explicaba antes, é fundamental que demostredes que vos interesa e estades implicados nas actividades da Unión Europea, participando en programas europeos (como o ERASMUS+), facendo algún curso da EUAcademy ou algún voluntariado europeo. Son pequenos extras que demostran que tes un interese real polo traballo que vas facer no Parlamento.

As bolsas de prácticas son ideais para descubrir se o que che gusta é o traballo nas institucións, porén, non son a única opción que existe para traballar na Unión Europea. Ademáis das prácticas, existen postos temporais para cubrir vacantes que tamén se poden solicitar sen necesidade de facer exames de oposición. Estes postos pódense consultar na páxina web do Ministerio de Asuntos exteriores, Unión Europea e Cooperación (https://profesionalesue.maec.es/).

A Unión Europea ofrece moitas posibilidades, así que non dubidedes en exploralas e probar sorte nas distintas convocatorias e bolsas. Esta experiencia permite adquirir coñecementos moi valiosos para arrincar a vosa carreira profesional!

Contact us

Se alguén ten algunha dúbida específica ou precisa algún consello concreto, pode contactarme no meu LinkedIn (www.linkedin.com/in/alba-rubio-alonso) ou por correo (alba.rubio.traducciones@gmail.com).

Related post

Do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional ao Parlamento Europeo: entrevista con Alba Rubio Alonso

Por que decidiches solicitar a bolsa Schuman do Parlamento Europeo e como te enteraches da convocatoria? Que esperabas aprender ou experimentar durante o teu período de prácticas? Dende a adolescencia, sempre sentín un especial interese polas culturas. Cando estudei o Grao en Linguas Estranxeiras e, posteriormente, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, sabía…

Read more
Aberta a inscrición na microcredencial «Tradución e dobraxe»

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo informa que puxo en marcha, a través do docente Xoán Montero, a microcredencial «Tradución e dobraxe», unha formación semipresencial de 3 ECTS pensada para iniciar o alumnado nas profesións de tradutor/a audiovisual e actor/actriz de dobraxe. Trátase dunha excelente oportunidade para achegarse ao…

Read more
O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional consolídase como referente internacional cunha avalancha de solicitudes e lidera a demanda en Humanidades

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) volve acadar un fito sen precedentes ao recibir, un ano máis, unha auténtica avalancha de solicitudes de preinscrición, consolidándose como o máster máis demandado dentro da área de Humanidades da UVigo na convocatoria actual. Con aproximadamente cen solicitudes rexistradas, este máster universitario —distinguido pola Xunta de…

Read more
Materias English Friendly, Français Amical, Português Amigável e Italiano Amichevole no MTCI

O Máster universitario en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo —máster universitario excelente da Xunta de Galicia e membro da prestixiosa rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea— súmase á iniciativa da Vicerreitoría de Internacionalización que promove a oferta multilingüe de materias nos graos e mestrados oficiais da UVigo.…

Read more