A docente do MTCI Patricia Buxán traduce por primeira vez ao galego a Byung-Chul Han: un fito para a filosofía contemporánea e a tradución
É unha honra para o Master's Degree in Translation for International Communication (MTCI) —Awarded with the recognition of excellence by the Xunta de Galicia and Máster Europeo en Tradución (EMT) da Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea— anunciar que a docente do Mestrado Patricia Buxán foi a encargada de traducir, por primeira vez en lingua galega, unha obra de Byung-Chul Han, pensador recentemente galardoado co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades 2025. Este galardón confirma o seu lugar destacado como unha das voces máis influentes do pensamento crítico actual.
Alén da proxección internacional do autor, o proxecto resulta especialmente significativo polo seu carácter pioneiro no ámbito da tradución filosófica en galego, eido no que a docente achega a súa experiencia tamén como editora. Ademais, esta iniciativa constitúe un dobre fito: por unha banda, abre as portas da filosofía contemporánea ao público lector galegofalante; por outra, pon en valor o traballo intelectual que supón traducir un pensamento tan denso e preciso como o de Han sen traizoar a súa complexidade conceptual.
Sobre este proceso reflexiona a propia Patricia Buxán nunha entrevista publicada onte, 18 de maio de 2025, no Diario de Pontevedra, na que aborda os desafíos da tradución filosófica ao galego e a importancia de consolidar unha tradición de pensamento nesta lingua. Ela mesma sinala que «aínda custa coller tradución ao galego», unha frase que resume tanto o esforzo coma o compromiso que sustentan este traballo.
Se cabe, o proxecto adquire aínda máis relevancia polo feito de desenvolverse nun contexto periférico —tanto pola lingua como polos medios implicados—, amosando que a filosofía pode e debe circular tamén dende as marxes lingüísticas e culturais.
Celebramos, así, non só o recoñecemento a un autor esencial para interpretar o noso tempo, senón tamén o labor discreto pero fundamental de quen fai posible que as súas ideas se espallen nas diferentes linguas.
Parabéns, Patricia!

Patricia Buxán Otero
é doutora en Tradución pola Universidade de Vigo, onde tamén exerce como profesora asociada. Compaxina a súa actividade docente coa tradución e a edición, destacando como tradutora ao galego de autores como Byung-Chul Han, Rachel Carson, Hans Fallada e Albert Einstein. Licenciada en Tradución e Interpretación en 1998, especializouse na tradución de fraseoloxía en manuais de instrucións alemán-español. A súa traxectoria profesional abrangue os ámbitos da tecnoloxía, arte, publicidade e edición. É membro activo de asociacións profesionais como a AGPTI, da que foi presidenta entre 2012 e 2016, e da AGX (Asociación Galega de Xermanistas). A súa investigación actual céntrase nas políticas editoriais, especialmente na tradución e edición crítica, desenvolvendo este traballo no grupo de investigación BiFeGa da Universidade de Vigo dentro da liña BITRAGA (Biblioteca de Tradución Galega).