Todo o estudantado do Mestrado en Tradución for a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo terá a oportunidade de participar de balde nun programa de actividades extraacadémicas durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026–2027.
Esta oferta é posible grazas á mención de excelencia da Xunta de Galicia, concedida ao MTCI por segundo quinquenio consecutivo. O recoñecemento permite ampliar as oportunidades de formación do estudantado con propostas que complementan as materias do mestrado e achegan ferramentas para a práctica profesional.
O programa inclúe as seguintes actividades:
Curso de fundamentos da práctica tradutiva e corrección lingüística
Pensado especialmente para persoas que non cursaron o grao en Tradución e Interpretación, ofrecerá unha base para iniciarse na práctica da tradución e na revisión e corrección de textos.
Curso de memorias de tradución
Dirixido especialmente a quen non cursou o grao en Tradución e Interpretación, permitirá familiarizarse con estas ferramentas de apoio ao traballo tradutivo.
III edición do curso de transcreación
Unha oportunidade para achegarse á tradución creativa e á adaptación de mensaxes publicitarias a diferentes contextos lingüísticos e culturais. Pódese consultar a información das edicións anteriores na web do MTCI.
I edición do curso de introdución á técnica de axuste para a dobraxe
Unha nova proposta formativa para coñecer unha das técnicas específicas da tradución audiovisual.
II Seminario Permanente de Tradución Plácido Castro
Terá lugar na cidade de Vilagarcía de Arousa e completará a oferta de actividades deste primeiro cuadrimestre.
Con este programa, o MTCI atende á diversidade de perfís de acceso ao mestrado e ofrece ao conxunto do seu estudantado ocasións para ampliar coñecementos e explorar distintos eidos da tradución.




