O Translating Europe Forum 2026, organizado pola Comisión Europea, reúne profesionais, estudantes e especialistas da tradución para reflexionar sobre os principais retos e oportunidades do sector.
Dende o Mestrado en Tradución for a Comunicación Internacional (MTCI) —Awarded with the recognition of excellence by the Xunta de Galicia e membro da rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea— apostamos por unha formación conectada coa realidade profesional. A participación en encontros internacionais coma este permite ao noso estudantado ampliar horizontes, establecer contactos e coñecer de primeira man o funcionamento do sector no ámbito europeo.
Nesta ocasión, entrevistamos a Lucía Trillo, alumna do MTCI e asistente ao foro, que comparte con nós as súas impresións, aprendizaxes e reflexións sobre esta experiencia.
No marco das actividades organizadas pola Comisión Europea, en cal delas participaches? Como xurdiu a oportunidade?
Tiven a oportunidade de asistir ao Translating Europe Forum en Bruxelas, unha conferencia de tres días, do 11 ao 13 de novembro, organizada pola Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea. Entre os asistentes, había traballadores da Comisión, tradutores e traballadores doutros ámbitos; traballadores en prácticas a través do programa Blue Book; e tamén moitos estudantes da rede EMT convidados a vivir a experiencia en primeira persoa. Entre estes últimos atopábame eu, que me enterara disto grazas aos correos de Óscar, onde sempre nos anima a participar en todas as actividades que nos ofertan dende que o MCTI é membro da rede EMT (único mestrado galego e un dos oito españois).
Que expectativas tiñas antes de asistir?
A verdade non sabía que ía atopar, non me creara moitas expectativas porque era a primeira vez que acudía a unha conferencia como asistente: todo era unha novidade. Sabía que tiña que aproveitar ao máximo a experiencia e tratar de falar co maior número de persoas en tan pouco tempo e cunhas xornadas tan intensivas. Penso que superou as miñas expectativas tanto pola acollida como polas conversacións tan interesantes que tiven con xente que xa levaba traballando moitos anos.
Que foi o primeiro que che chamou a atención do ambiente do encontro?
O primeiro que me chamou a atención cando cheguei ao edificio foi sen dúbida algunha o bo ambiente que había: xente de diferentes países, estudantes ou traballadores, estaban todos cun sorriso falando como se se coñeceran de anos atrás. Quedaba máis que claro que a tradución era verdadeiramente a paixón de todos.
Que intervención (conferencia, charla, mesa redonda) destacarías e por que?
Destaco sen dúbida algunha, a presentación do Dr. John Bosco Conama, do Centro de Estudos Xordos do Trinity College en Irlanda. En primeiro lugar, porque a súa intervención non só foi realizada en lingua de signos, senón que a levou a cabo utilizando a lingua de signos irlandesa; algo que me pareceu moi interesante e reivindicativo. En segundo lugar, porque denunciou o pouco que se ten en conta a lingua de signos no mundo da tradución e no mundo académico: comentou que trataba de buscar documentación ao respecto e non era quen de atopar artigos significativos, moito menos sobre a lingua de signos irlandesa. A través da súa propia experiencia como persoa signante, visibilizou os sentimentos e experiencias que tiñan outras de outras nacionalidades: a recomendación por doutores ás familias de rexeitar a lingua de signos, a falta de persoal especializado nas escolas e na universidade, e como todo isto repercute na traxectoria persoal e profesional de cada un. Foi a charla máis diferente e auténtica nunhas xornadas cargadas de reflexións sobre a intelixencia artificial e a evolución do papel que exercen os tradutores co desenvolvemento das tecnoloxías.
Puideches conversar con persoas que xa exercen como profesionais da tradución ou das linguas nesta institución?
Ao longo dos tres días puiden falar con diferentes perfís de persoas. Para comezar, estiven acompañada por outras estudantes da rede EMT, de Lituania e Polonia, unha delas estaba comezando no mundo da tradución e a outra era profesora nunha escola. O primeiro día estiven falando un anaco cun rapaz español que estaba realizando as prácticas Blue Book, contoume o moito que as estaba disfrutando e animaba a todo o mundo a pedilas; o mesmo aconteceunos ao atopar una amiga da rapaza lituana, Karolina, mais ela non estaba en outro edificio e explicaba que estaba a aprender moitas cousas e tendo experiencias que non se imaxinaba, desde ver a presidentes das nacións da Unión Europea como visitar instalacións en Luxemburgo ou Estrasburgo.
Por último, unha tradutora da República Checa que estaba agora a traballar na Comisión Europea en Luxemburgo contou un pouco a súa traxectoria. Partipara nun programa de prácticas en tradución en Luxemburgo e comentaba que pensa que iso foi o que lle permitiu despois comezar a súa carreira na República Checa, onde estivo anos como freelancer; porén, agora estaba de volta en Luxemburgo e unha vez máis recomendaba moitísimo aproveitar as oportunidades de prácticas que se ofertan.
Que nos podes contar sobre o seu traballo?
Os estudantes de prácticas están como persoal de apoio, entendín que rotan por diferentes departamentos porque hay diferentes comités lingüísticos, cada un especializado nuns temas máis que outros. Polo tanto, os estudantes son o paso anterior ao tradutor, revisan documentos pero sempre supervisados polo traductor.
En eventos como este, o TEF, o personal de prácticas asistían aos invitados para entregar acreditacións, resolver dúbidas, e explicar diferentes facetas da Comisión Europea e a tradución que se podía consultar nos stands.
Como viviches a diversidade de linguas e culturas durante o encontro?
Penso que aínda que había moita diversidade de culturas, non había diversidade de linguas. O que se escoitaba era principalmente inglés, francés e español, porque había moitos españois de prácticas e asistindo ao congreso. Porén, as compañeiras de outras nacionalidades si que se extrañaban de non atopar a ninguén dos seus países, tamén é verdade que eramos moitas persoas e está claro que en conversas onde hai tres ou catros persoas de diferente nacionalidade o máis habitual é que se faga uso do inglés.
Hai algún momento que lembres con especial agarimo?
Cando os estudantes da rede EMT tivemos a reunión con Christos Ellinides, o director da Dirección Xeral de Tradución. Deu un discurso moi bonito cheo de ánimo, humor e esperanza, tomou o tempo de coñecernos a cada un e facernos entrega dos certificados de asistencia ao congreso.
Houbo alguna formación previa recibida no MTCI que resultara de especial utilidade para comprender o que se tratou na actividade?
Talvez os contidos da asignatura de Emprendemento asomellábanse moito a algunhas charlas, como a de Robert Martin “How to stand out in the industry”, que daban consellos sobre como presentarte ante un cliente a ti e aos teus servizos como tradutor ou profesional das linguas, concepto moi soado ao longo dos tres días xa que define mellor a labor que desenvolven. Entre estes consellos rexeitábase cobrar por palabra, por considerarse unha forma obsoleta de valorar o traballo, reforzábase o interese por que sexa o cliente quen vai á busca do servizo e non ao revés; ou o uso da intelixencia artificial coma ferramenta e non coma substituto.
Tamén puiden apreciar certa similitude co curso de transcreación de Leticia Robles xa que algúns dos sectores que se comentaba que tiñan necesidade de tradutores eran o do marketing e moda, pero tamén o ámbito dos contratos legais, ou o dos produtos ou dispositivos médicos, sobre todo en Italia.
Que consello lle darías ao estudantado do mestrado que queira participar en vindeiras edicións?
Se algún estudante ten a oportunidade de participar neste congreso, ou en calquera outra actividade da Comisión Europea, non llo podo recomendar máis. Foron tres días intensos, pero cheos de conversación interesantes, actividades, e a posibilidade de atopar aquelo que che gusta. Todo estaba organizado de marabilla, desde antes de montar ao avión até que volvín; os traballadores da Comisión como os da axencia do viaxe estiveron pendentes de todo. É unha gran oportunidade para adentrarte no mundo da tradución nun contexto que non pode ser máis internacional e no que todo o mundo está aberto a novas oportunidades e reinventarse.
Aproveito tamén para animar aos estudantes a participar no concurso de contar o teu TFM en tres minutos, tiven a oportunidade de charlar cas ganadoras deste ano e estaban moi contentas por poder participar e visibilizar o seu obxecto de estudo ante todo o mundo.
Como valoras este tipo de actividade que pon en marcha o MTCI?
Estou moi contenta por que o MTCI teña tan presente ao seu alumnado e busque abrirlle as portas ao mundo da tradución dunha maneira tan bonita, e desde o meu punto de vista, tamén dunha maneira tan eficaz. É a segunda volta que participo nun programa no estranxeiro co MTCI, previamente cursei a Dobre Titulación na Universidade de Palermo, e penso que este tipo de oportunidades son as que diferencian á Universidade de Vigo das demais. Non esquecerei nunca esta oportunidade e teño claro que todas estas experiencias serán útiles e celebradas na miña vida profesional e persoal.



