A docente do MTCI Patricia Buxán traduce por primeira vez ao galego a Byung-Chul Han: un fito para a filosofía contemporánea e a tradución
É unha honra para o Mestrado em Tradução para a Comunicação Internacional —Mestrado Universitário com Excelência da Xunta de Galicia e Máster Europeo en Tradución (EMT) da Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea— anunciar que a docente do Mestrado Patricia Buxán foi a encargada de traducir, por primeira vez en lingua galega, unha obra de Byung-Chul Han, pensador recentemente galardoado co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades 2025. Este galardón confirma o seu lugar destacado como unha das voces máis influentes do pensamento crítico actual.
Alén da proxección internacional do autor, o proxecto resulta especialmente significativo polo seu carácter pioneiro no ámbito da tradución filosófica en galego, eido no que a docente achega a súa experiencia tamén como editora. Ademais, esta iniciativa constitúe un dobre fito: por unha banda, abre as portas da filosofía contemporánea ao público lector galegofalante; por outra, pon en valor o traballo intelectual que supón traducir un pensamento tan denso e preciso como o de Han sen traizoar a súa complexidade conceptual.
Sobre este proceso reflexiona a propia Patricia Buxán nunha entrevista publicada onte, 18 de maio de 2025, no Diario de Pontevedra, na que aborda os desafíos da tradución filosófica ao galego e a importancia de consolidar unha tradición de pensamento nesta lingua. Ela mesma sinala que «aínda custa coller tradución ao galego», unha frase que resume tanto o esforzo coma o compromiso que sustentan este traballo.
Se cabe, o proxecto adquire aínda máis relevancia polo feito de desenvolverse nun contexto periférico —tanto pola lingua como polos medios implicados—, amosando que a filosofía pode e debe circular tamén dende as marxes lingüísticas e culturais.
Celebramos, así, non só o recoñecemento a un autor esencial para interpretar o noso tempo, senón tamén o labor discreto pero fundamental de quen fai posible que as súas ideas se espallen nas diferentes linguas.
Parabéns, Patricia!

Patricia Buxán Otero
é doutora en Tradución pola Universidade de Vigo, onde tamén exerce como profesora asociada. Compaxina a súa actividade docente coa tradución e a edición, destacando como tradutora ao galego de autores como Byung-Chul Han, Rachel Carson, Hans Fallada e Albert Einstein. Licenciada en Tradución e Interpretación en 1998, especializouse na tradución de fraseoloxía en manuais de instrucións alemán-español. A súa traxectoria profesional abrangue os ámbitos da tecnoloxía, arte, publicidade e edición. É membro activo de asociacións profesionais como a AGPTI, da que foi presidenta entre 2012 e 2016, e da AGX (Asociación Galega de Xermanistas). A súa investigación actual céntrase nas políticas editoriais, especialmente na tradución e edición crítica, desenvolvendo este traballo no grupo de investigación BiFeGa da Universidade de Vigo dentro da liña BITRAGA (Biblioteca de Tradución Galega).