Os Simpson e o capitalismo

De certo que nin o desapiadado negreiro Sr. Burns podería imaxinar unha empresa semellante, na que os traballadores peor pagados do negocio cobran nada máis e nada menos que 8 millóns de dólares anuais: 913 dólares (682 €) cada hora de cada día do ano. Pero semella que a crise, a cobiza e a intransixencia duns e doutros vai acabar por matar esta galiña amarela dos ovos de ouro. Mentres News Corp. e a Fox gañan miles de millóns coa venda de dereitos da serie e produtos derivados, ós actores de dobraxe que lles dan voz a Bart, Lisa, Homer e Marge néganlles unha parte maior da torta e mesmo lles queren reducir o salario, o que pon en perigo a continuidade da serie.

A Fox quere recortar os salarios dos actores de dobraxe ata nun 45% para compensar a caída de beneficios das últimas tempadas. Os actores non só aceptarían ese recorte, senón que mesmo ofrecen unha rebaixa maior a condición de que se lles conceda unha porcentaxe nos beneficios da serie, que acaba de comezar a súa vixésimo terceira tempada. Harry Shearer, o actor que lle pon voz a Monty Burns, mesmo ofrece rebaixarse o seu salario nun 70% a cambio da participación, pero a empresa non accede; sinal de que probablemente o negocio non vai tan mal.

Actualización do 9 de outubro. Con secretismo digno de directivos de caixas de aforro, a Fox comunica que chegou a un acordo (sen especificar en que termos) cos dobradores da serie, o que asegura, de momento, dúas tempadas máis desta serie que xa é a comedia que máis tempo leva en antena nos Estados Unidos.

Deixa unha resposta


sete − = 5


oito × = 48

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.