O profesor Karl Schurster Sousa Leão impartiu este un relatorio na FFT. Repasou grandes títulos da historia e analizou como foron usados para reconstruír a memoria
Artigo de M. Del Río | Vigo publicado no DUVI o 4 de febreiro de 2016
A Segunda Guerra Mundial é, posiblemente, o conflito bélico máis representado no cine e, para algunhas persoas, as películas son a principal fonte de información sobre este momento histórico. Nese contexto é no que o entretemento debe buscar un complexo equilibrio coa realidade histórica e, ás veces, ese encontro non é de todo pacífico. As narrativas fílmicas e a historia académica deben conxugarse para facer posible unha historia verosímil e respectuosa co pasado, principalmente cando o tema central do filme ou o seu contexto histórico é un enfrontamento bélico. Sobre este tema falou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución o profesor da Universidade do Estado de Pernambuco, Karl Schurster Sousa Leão, coautor do libro O cinema vai à guerra. Guerras, Conflitos e Revoluções Através das Lentes de Grandes Filmes.
No seu relatorio, organizado polo grupo de investigación Tradución e Paratradución e o Mestrado en Tradución para a comunicación internacional, o experto repasou as obras de grandes do cine como W. Griffith, Fritz Lang, F. Murnau, Charles Chaplin, Francis Ford Coppola ou Robert Altman. Schurster centrouse principalmente na Segunda Guerra Mundial, no uso que as principais potencias fixeron do cinema e tamén no reflexo que desta época se fixo posteriormente nas películas. Titulado en Historia pola Universidade de Pernambuco, Karl Schurster ten ampla experiencia en investigación na área de teoría da historia, tanto contemporánea como política e da Alemaña no século XX e XXI e política internacional. Karl Schurster Sousa Leão é autor tamén de outros libros como Atlântico. A história de um oceano ou A Era Chávez e a Venezuela no Tempo Presente.
ET e o odio ao diferente
A pesares de ser un experto en historia do cinema e ter amplos coñecementos sobre o cine bélico e histórico, recoñecía no seu relatorio que a súa película favorita era ET. Empregou este filme para amosar aos estudantes as diferentes lecturas que se poden facer da narrativa fílmica. “ET non é só a historia dun extraterrestre, é un exemplo do odio ao diferente e ao descoñecido”, establecendo un paralelismo coa Europa da II Guerra Mundial. Na súa intervención analizou títulos tan coñecidos sobre/de esta época como ¿Arde París? ou as películas de Leni Riefenstahl para amosar como foron empregadas como armas de propaganda e como ferramentas para reconstruír a historia. Mentres a primeira vitimizaba o pobo francés e responsabilizada á Alemaña nazi de todas as barbaries da guerra sen facer referencia ao colaboracionismo, os traballos da directora alemá encargábanse non só de enxalzar a figura de Hitler, senón de fomentar o odio ao diferente. E é que, como destacaba o investigador brasileiro, “a narrativa fílmica, nas súas diversas formas, é o principal competidor da narrativa histórica”. A construcción de estereotipos, a culpabilización do outro, a xustificación da historia… son moitos os usos que se lle deu ao cine, tanto no propio momento da guerra a modo de propaganda, como posteriormente re-escribindo a historia a través de produtos de entretemento. E aí residen os perigos desta utilización a sétima arte sobre a que advertía Schurster. A comezos do século XX títulos como Quo Vadis (1912) ou Cabiria (1914) achegaban o espectador ao esplendor do Imperio Romano como xustificación da expansión imperialista das nacións; O nacemento dunha nación de Griffith ou os westerns estadounidenses facían o propio ao outro lado do Atlántico falando de pasados gloriosos e creando o orgullo do pobos.
Pero a guerra e a IIGM foi recorrente no cinema ao longo de todo o século XX e neste XXI e advertiu que na actualidade moitas das películas sobre este momento histórico estanse empregando para “pasar a limpo o pasado”, reescribindo a historia. Sostén que é preciso “analizar e ser críticos” cos contidos porque se corre o risco de que determinados personaxes acaben sendo lembrados por algo que non foron. Puxo como exemplo filmes como O afundimento, baseada nunha biografía de Hitler na que se trata de amosar o lado humano dos altos cargos do III Reich, de reflectilos como pezas nun taboleiro cando en realidade foron os verdadeiros artífices, actores principais “que non amosaron humanidade en ningún momento”. Ese re-debuxo que se pode facer da historia e dos seus protagonistas require “de rigor histórico” porque “todo o cinema é cinema contemporáneo, cinema do tempo presente”.