Entrevista a Lucía Trillo, exalumna do MTCI, sobre o Translating Europe Forum 2026

O Translating Europe Forum 2026, organizado pola Comisión Europea, reúne profesionais, estudantes e especialistas da tradución para reflexionar sobre os principais retos e oportunidades do sector.

Dende o Mestrado en Tradución pour a Comunicación Internacional (MTCI) —Master labellisé d’excellence par la Xunta de Galicia e membro da rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea— apostamos por unha formación conectada coa realidade profesional. A participación en encontros internacionais coma este permite ao noso estudantado ampliar horizontes, establecer contactos e coñecer de primeira man o funcionamento do sector no ámbito europeo.

Nesta ocasión, entrevistamos a Lucía Trillo, alumna do MTCI e asistente ao foro, que comparte con nós as súas impresións, aprendizaxes e reflexións sobre esta experiencia.

No marco das actividades organizadas pola Comisión Europea, en cal delas participaches? Como xurdiu a oportunidade?

Tiven a oportunidade de asistir ao Translating Europe Forum en Bruxelas, unha conferencia de tres días, do 11 ao 13 de novembro, organizada pola Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea. Entre os asistentes había persoal da Comisión, profesionais da tradución e doutros ámbitos, participantes no programa de prácticas Blue Book e numerosos estudantes da rede EMT convidados a vivir a experiencia en primeira persoa. Entre estes últimos atopábame eu, que coñecín esta oportunidade grazas aos correos do coordinador do mestrado, Óscar Ferreiro, quen sempre nos anima a participar nas actividades que se nos ofrecen dende que o MTCI forma parte da rede EMT (o único mestrado galego e un dos oito españois).

 

Que expectativas tiñas antes de asistir?

A verdade é que non sabía que ía atopar. Non me creara moitas expectativas porque era a primeira vez que acudía a unha conferencia como asistente e todo era unha novidade para min. Sabía que tiña que aproveitar ao máximo a experiencia e tratar de falar co maior número posible de persoas en tan pouco tempo e cunhas xornadas tan intensas. Penso que superou as miñas expectativas, tanto pola acollida como polas conversas tan interesantes que mantiven con persoas que levaban moitos anos traballando no sector.

Que foi o primeiro que che chamou a atención do ambiente do encontro?

O primeiro que me chamou a atención cando cheguei ao edificio foi, sen dúbida ningunha, o bo ambiente que había: persoas de diferentes países, tanto estudantes como profesionais, conversaban cun sorriso, como se se coñecesen de toda a vida. Quedaba máis que claro que a tradución era unha verdadeira paixón para todos.

Que intervención (conferencia, charla, mesa redonda) destacarías e por que?

Destaco, sen dúbida ningunha, a presentación do doutor John Bosco Conama, do Centro de Estudos Xordos do Trinity College de Irlanda. En primeiro lugar, porque a súa intervención non só se realizou en lingua de signos, senón que empregou especificamente a lingua de signos irlandesa, algo que me pareceu moi interesante e reivindicativo. En segundo lugar, porque denunciou a escasa atención que recibe a lingua de signos no ámbito da tradución e no mundo académico. Comentou que, ao buscar documentación sobre o tema, apenas atopaba artigos relevantes, e moito menos sobre a lingua de signos irlandesa. A través da súa propia experiencia como persoa signante, deu visibilidade ás vivencias e aos sentimentos doutras persoas xordas de diferentes nacionalidades: as recomendacións dalgúns médicos ás familias para que rexeiten a lingua de signos, a falta de persoal especializado nas escolas e nas universidades e as consecuencias que todo isto ten na traxectoria persoal e profesional de cada persoa. Foi a charla máis diferente e auténtica dunhas xornadas marcadas polas reflexións sobre a intelixencia artificial e a evolución do papel dos tradutores ante o desenvolvemento das novas tecnoloxías.

Puideches conversar con persoas que xa exercen como profesionais da tradución ou das linguas nesta institución?

Ao longo dos tres días puiden falar con persoas de diferentes perfís. Para comezar, estiven acompañada por outras dúas estudantes da rede EMT, de Lituania e Polonia. Unha delas estaba comezando no mundo da tradución e a outra era profesora nunha escola. O primeiro día estiven falando un anaco cun rapaz español que estaba a realizar as prácticas do programa Blue Book. Contoume o moito que estaba a gozar delas e animaba a todo o mundo a solicitalas. Algo semellante nos aconteceu ao atoparnos cunha amiga de Karolina, a rapaza lituana, que estaba a facer as prácticas noutro edificio. Explicounos que estaba a aprender moitísimo e a vivir experiencias que nunca imaxinara, desde ver presidentes de países da Unión Europea ata visitar instalacións en Luxemburgo ou Estrasburgo.

Por último, unha tradutora da República Checa que traballa actualmente na Comisión Europea en Luxemburgo contoume un pouco a súa traxectoria. Participara nun programa de prácticas de tradución en Luxemburgo e comentaba que cría que esa experiencia fora a que lle permitira iniciar posteriormente a súa carreira profesional na República Checa, onde traballou durante anos como tradutora autónoma. Agora estaba de volta en Luxemburgo e, unha vez máis, recomendaba encarecidamente aproveitar as oportunidades de prácticas que se ofrecen.

Que nos podes contar sobre o seu traballo?

Polo que entendín, os estudantes en prácticas traballan como persoal de apoio e rotan por diferentes departamentos, xa que hai distintos equipos de tradución especializados en determinadas áreas temáticas. Deste xeito, colaboran na revisión de documentos, sempre baixo a supervisión dun tradutor profesional.

En eventos como o TEF, o persoal en prácticas tamén se encarga de atender os asistentes, entregar as acreditacións, resolver dúbidas e proporcionar información sobre diferentes aspectos da Comisión Europea e do ámbito da tradución nos postos informativos.

Como viviches a diversidade de linguas e culturas durante o encontro?

Penso que, aínda que había moita diversidade cultural, non había tanta diversidade lingüística. Escoitábase principalmente inglés, francés e español, xa que había moitos españois, tanto entre o persoal en prácticas como entre os asistentes ao congreso. Porén, as compañeiras doutras nacionalidades si que se estrañaban de non atopar a ninguén dos seus países. Tamén é certo que eramos moitas persoas e que, en conversas nas que participan tres ou catro persoas de diferentes nacionalidades, o máis habitual é empregar o inglés como lingua común.

Hai algún momento que lembres con especial agarimo?

Cando os estudantes da rede EMT tivemos a oportunidade de reunirnos con Christos Ellinides, director da Dirección Xeral de Tradución, pronunciou un discurso moi bonito, cheo de ánimo, humor e esperanza. Ademais, dedicou tempo a coñecernos individualmente e a entregarnos os certificados de asistencia ao congreso.

Houbo alguna formación previa recibida no MTCI que resultara de especial utilidade para comprender o que se tratou na actividade?

Quizais os contidos da materia de Emprendemento se asemellaban bastante aos dalgunhas charlas, como a de Robert Martin, «How to Stand Out in the Industry», na que se ofrecían consellos sobre como presentarse ante un cliente e dar a coñecer os propios servizos como tradutor ou profesional das linguas. Este último concepto foi moi recorrente ao longo dos tres días, xa que reflicte mellor o labor que desenvolven estes profesionais. Entre os consellos destacaban evitar o cobramento por palabra, por considerarse unha forma obsoleta de valorar o traballo; procurar que sexa o cliente quen busque os servizos do profesional, e non ao revés; e empregar a intelixencia artificial como ferramenta, non como substituto.

Tamén puiden apreciar certas similitudes co curso de transcreación de Leticia Robles, xa que algúns dos sectores nos que se sinalou unha maior demanda de profesionais da tradución foron os do marketing e a moda, pero tamén os ámbitos dos contratos xurídicos e dos produtos ou dispositivos médicos, especialmente en Italia.

Que consello lle darías ao estudantado do mestrado que queira participar en vindeiras edicións?

Se algún estudante ten a oportunidade de participar neste congreso ou en calquera outra actividade da Comisión Europea, non podería recomendárllelo máis. Foron tres días intensos, pero cheos de conversas interesantes, actividades e oportunidades para descubrir aquilo que realmente che gusta. Todo estaba organizado de marabilla, desde antes de subir ao avión ata o meu regreso. Tanto o persoal da Comisión como o da axencia de viaxes estiveron pendentes de todo. É unha gran oportunidade para introducirte no mundo da tradución nun contexto que non podería ser máis internacional e no que todo o mundo está aberto a novas oportunidades e a reinventarse.

Aproveito tamén para animar os estudantes a participar no concurso de presentar o seu TFM en tres minutos. Tiven a oportunidade de conversar coas gañadoras deste ano e estaban moi contentas por poder participar e dar a coñecer o seu obxecto de estudo ante un público internacional.

Como valoras este tipo de actividade que pon en marcha o MTCI?

Estou moi contenta de que o MTCI teña tan presente o seu alumnado e procure abrirlle as portas ao mundo da tradución dunha maneira tan bonita e, desde o meu punto de vista, tamén tan eficaz. É a segunda vez que participo nun programa no estranxeiro grazas ao MTCI, xa que anteriormente cursei a Dobre Titulación na Universidade de Palermo, e penso que este tipo de oportunidades son as que diferencian a Universidade de Vigo das demais. Nunca esquecerei esta experiencia e teño claro que todo o aprendido será de gran valor tanto na miña vida profesional como na persoal. 

Article similaire

Entrevista a Lucía Trillo, exalumna do MTCI, sobre o Translating Europe Forum 2026

O Translating Europe Forum 2026, organizado pola Comisión Europea, reúne profesionais, estudantes e especialistas da tradución para reflexionar sobre os principais retos e oportunidades do sector. Dende o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) —Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia e membro da rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea—…

En savoir plus
Entrevista a Anna Palou e Catherine Smith, intérpretes na reunión da rede EMT e alumnas do MTCI

Anna Palou e Catherine Smith, alumnas do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo, recoñecido como Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia e membro da rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea, participaron como intérpretes nun encontro internacional desta rede dedicado ao uso sostible e responsable da…

En savoir plus
O MTCI ofrece cinco actividades extraacadémicas de balde no primeiro cuadrimestre do curso 2026–2027

Todo o estudantado do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo terá a oportunidade de participar de balde nun programa de actividades extraacadémicas durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026–2027. Esta oferta é posible grazas á mención de excelencia da Xunta de Galicia, concedida ao MTCI por segundo quinquenio consecutivo.…

En savoir plus
2.ª edición de la microcredencial de Introducción al doblaje

Estimado futuro alumnado del Máster:Os informamos de que está abierto el plazo de inscripción para la 2.ª edición de la microcredencial de Introducción al doblaje, dirigida por nuestro colega y profesor del Máster MTCI Xoán Montero.Se trata de un curso presencial y práctico de 16 horas, pensado para ofrecer una primera aproximación a la práctica…

En savoir plus