Un ano máis, dende a coordinación do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional temos o pracer de anunciar a III Edición do programa de mentoría personalizada con profesionais dirixido ao noso estudantado do MTCI. A nova edición porase en marcha en marzo 2026, en modalidade virtual.
Tras a excelente acollida das edicións anteriores, renovamos esta iniciativa con máis forza e ilusión ca nunca, reafirmando o noso compromiso co acompañamento, a orientación e o desenvolvemento integral do noso estudantado.
Esta acción forma parte do ambicioso plan de excelencia que impulsamos dende que o mestrado recibiu a mención de Xunta de Galicia como Mestrado Universitario Excelente. Na actualidade, é o único mestrado en Ciencias Humanas e Sociais do Sistema Universitario de Galicia que conta con este prestixioso recoñecemento, un distintivo que nos anima a seguir innovando, acompañando e guiando o noso estudantado no seu percorrido académico e profesional.
O programa de mentoría nace coa vocación de constituír un espazo de acompañamento individualizado no que profesionais cunha sólida traxectoria no eido da tradución e da interpretación comparten coñecementos, estratexias e experiencias co alumnado do MTCI. Trátase dunha oportunidade única para potenciar competencias, resolver dúbidas específicas do exercicio profesional e construír, de maneira progresiva, un perfil sólido, reflexivo e competitivo nun mercado laboral cada vez máis esixente e internacionalizado.
Con esta terceira edición, o MTCI consolida unha liña estratéxica que reforza a conexión entre universidade e profesión, apostando por unha formación de excelencia que transcende as aulas e sitúa o acompañamento personalizado no centro da experiencia formativa.



