Acceso ás guías docentes en galego
Acceso ás guías docentes en castelán
(Prof. Xoán Montero Domínguez)
A materia Cine e tradución versará sobre a tradución audiovisual nas súas diversas modalidades e analizaranse as causas polas que os diferentes estados de Europa optaron por unha ou outra escolla, con vistas a iniciar ao alumnado en novas vías de investigación neste eido. No fin da I Guerra Mundial, a busca da sonorización no cine tivo unha progresión constante grazas ao desenvolvemento da radio. Así, os irmáns Warner decidiron apostar polo cine sonoro e, no ano 1926, estréase Don Juan, a primeira película con banda sonora sincronizada. Ao ano seguinte, o 6 de outubro de 1927, preséntase en Nova Iorque The Jazz Singer, unha longametraxe muda na que se pode apreciar a inclusión de pasaxes faladas e de música intercalada. A dobraxe chega ao Estado español a finais dos anos vinte, coa estrea da que sería a primeira longametraxe dobrada en castelán, Rio Rita (1929). Ao longo destes anos, esta modalidade audiovisual foi empregada con diversos fins, que van desde a nacionalización por parte do poder autócrata do Estado —por medio dun proceso consciente de expansión e asimilación dunha seria de símbolos co obxectivo político-identitario da consecución dun estado-nación— ata a normalización das linguas cooficiais, grazas ás políticas lingüísticas levadas a cabo polos diversos gobernos autonómicos a partir da década dos oitenta. A mediados dos anos oitenta nacen as canles públicas autonómicas de Galicia, País Vasco e Cataluña. Éstas créanse co obxectivo de potenciar e normalizar o uso das linguas propias e convértense nas entidades iniciadoras do labor da tradución de material audiovisual estranxeiro ao galego, éuscaro e catalán. Por conseguinte, a tradución audiovisual cara a estas linguas é unha actividade recente que nace en Galicia, País Vasco e Cataluña vinculada á Televisión de Galicia (TVG), Euskal Telebista (ETB) e Televisió de Catalunya (TVC), respectivamente.