O Centro Comercial Vialia de Vigo converteuse este venres nun escaparate da innovación e excelencia na tradución de videoxogos coa celebración da III Edición dos Premios ETIV-UVIGO. O evento, organizado polo título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e tamén polo noso Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), contou cunha nutrida participación e recoñeceu os mellores traballos do sector a nivel internacional.
Como actividade previa á gala, tivo lugar un trivial interactivo que serviu de aperitivo para abrir a xornada. Participaron arredor de 100 persoas, que demostraron os seus coñecementos sobre videoxogos, tradución e cultura popular nun ambiente distendido e participativo.

A inauguración oficial correu a cargo dos organizadores do evento —Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e Emmanuel Bourgoin—, quen puxeron en valor a importancia da profesionalización da localización e a visibilización do traballo que realizan os equipos de tradución e adaptación de videoxogos. Tamén trasladaron os saúdos do profesor José Yuste Frías, ausente por motivos profesionais.
O acto contou coa presenza destacada de autoridades institucionais como Lara Meneses, directora xeral de Xuventude na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia; Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Vigo; e Carlos López Font, concelleiro do Goberno do Concello de Vigo.
Durante a gala, o profesor e coorganizador Ramón Méndez salientou o labor formativo do título ETIV, que en xuño abrirá o prazo de inscrición para a súa oitava edición. A día de hoxe, máis de 150 profesionais formados neste programa traballan no sector da localización, tanto dentro como fóra de Galicia.
Cómpre lembrar que o ETIV naceu no seo do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), un máster universitario recoñecido pola Xunta de Galicia como máster excelente —único neste nivel dentro do ámbito das Humanidades e Ciencias Sociais— e membro da prestixiosa rede de mestrados europeos da Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea, sendo o único máster galego e un dos oito pertencentes a universidades públicas españolas integrados nesta rede.
Os galardóns entregados nesta edición foron:
- Mellor localización con dobraxe: Prince of Persia: The Lost Crown
- Mellor localización sen dobraxe: Final Fantasy VII: Rebirth
- Mellor localización indie: Death of the Reprobate
- Mellor xogo en galego: Tintin Reporter: Os xarutos do faraón
- Mellor xogo en éuscaro: Clothes Line
- Mellor xogo en catalán: 3 Minutes to Midnight
- Videoxogo máis accesible: Prince of Persia: The Lost Crown
- Premio Manolo Ramos ao mellor traballo de investigación: José Ramón Calvo-Ferrer e Antonio Jesús Muñoz-Villena (Universitat d’Alacant)
Especial atención recibiron os premios ás linguas propias, que buscan reforzar a presenza do galego, éuscaro e catalán no universo videoxogador e que, segundo os organizadores, reflicten o compromiso coa diversidade lingüística e cultural.
O momento máis emotivo da tarde chegou coa entrega do Premio Manolo Ramos, que homenaxea a figura do vicerreitor da Universidade de Vigo e grande defensor da posta en marcha do ETIV. O profesor Óscar Ferreiro destacou o seu papel esencial neste proxecto pioneiro, así como o seu compromiso coa innovación educativa e coa profesionalización da tradución no ámbito da industria cultural.
A xornada rematou cunha mensaxe inspiradora que correu a cargo de Emmanuel Bourgoin: «Sigamos traducindo, sigamos xogando, sigamos creando cultura desde Galicia.»
Un chamamento a continuar construíndo unha industria de videoxogos máis ética, diversa e inclusiva, con raíces firmes na nosa terra.























Imaxes cedidas por Elena Valle García e Alba Calvo Porrúa.
DIARIO DA UNIVERSIDADE DE VIGO-DUVI (02/06/2025). Sigamos traducindo, sigamos xogando, sigamos creando cultura desde Galicia. Disponible en red aquí.
FARO DE VIGO (31/05/2025). Premios a los mejores traductores de videojuegos. Disponible en red aquí.
ATLÁNTICO (31/05/2025). La invisible labor de los traductores. Disponible en red aquí.
METROPOLITANO (29/05/2025). Vialia Vigo acoge un gran trivial para desafiar a los expertos en el universo de los videojuegos. Disponible en red aquí.
FARO DE VIGO (22/05/2025). Los premios de localización de videojuegos incluyen un gran trivial en Vialia. Disponible en red aquí.
HISTORIABLE (22/05/2025). Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos chegan á súa terceira edición. Disponible en red aquí.
LA VOZ DE GALICIA (21/05/2025). La Universidade de Vigo celebra los premios de videojuegos con un trivial en el centro comercial de Vialia. Disponible en red aquí.
CÓDIGO CERO (21/05/2025). Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos chegan á súa terceira edición. Disponible en red aquí.
VALMIÑORTV (09/01/2025). Los Premios ETIV-UVigo lanzan su tercera edición con ocho categorías de localización de videojuegos. Disponible en red aquí.
DIARIO DA UNIVERSIDADE DE VIGO-DUVI (09/01/2025). Os Premios ETIV-UVigo lanzan a súa terceira edición con oito categorías de localización de videoxogos. Disponible en red en aquí.
PLANO MATO (s.f.). Vigo, Epicentro del Videojuego: Premios Etiv-Uvigo y Trivial Interactivo en Vialia. Disponible en red aquí.
DEVUEGO (s.f.). Premios ETIV-UVigo a la localización de videojuegos. Disponible en red aquí.