O Mestrado en Tradución para a comunicación internacional foi unha iniciativa dos profesores investigadores titulares do Grupo T&que conta con tres liñas Instrumentais de Actuación dedicadas á transferencia e utilización do coñecemento xerado pola produción científica do grupo a través de 3 programas de TV en Internet que recollen distintos formatos de producións audiovisuais totalmente dedicadas á divulgación científica do mundo da tradución e que resultan ser un material imprescindible de consulta e formación continua para o alumnado do noso Mestrado en Tradución para a comunicación internacional: Zig-Zag, EXIT e Píldoras T&P.

No Grupo de Investigación T&P sempre utilizamos as enormes posibilidades formadoras e investigadoras das TICs. Durante o curso académico 2004-2005 fomos os primeiros en montar un Programa de doutoramento internacional en liña dentro da Universidade de Vigo, un doutoramento transformado actualmente en Máster que segue levando o mesmo nome que o do noso grupo. Os estudos doutorais e de posgrao T&P obtiveron a Mención de Calidade do Ministerio de Educación durante o curso 2008-2009.

Fomos tamén os primeiros en utilizar os servizos da UVigo-TV para gravar os congresos, coloquios, seminarios e conferencias que imos organizando e coordinando desde o curso 2004-2005, dando lugar a unha serie publicacións en rede que vai aumentando cada curso académico. 

Era lóxico que tamén fósemos pioneiros á hora de crear un formato dixital innovador e algo transgresor non só con vistas a publicar os resultados de investigación do Grupo T&P senón tamén co fin didáctico de realizar unha actividade complementaria esencial para a formación do noso alumnado de grao e posgrao. 

Moi pronto nos asaltou a idea de crear un espazo orixinal para a pantalla onde, no tempo máis breve posible, désemos o mellor de nós mesmos como docentes e investigadores nun formato de Web-TV ameno, distendido, dirixido ao grande público pero sempre con auténtico rigor científico. Así foi como naceron ZigZag, EXIT e Píldoras T&P. 

Coa implantación do concepto de paratradución creado na Universidade de Vigo, que supón a nosa principal vantaxe á hora de lograr unha estrutura de rede moito máis coherente, queremos sintetizar as numerosas pero ata agora dispersas aproximacións tradutolóxicas contemporáneas para transmitirlle ao noso alumnado a necesidade dunha análise ética, política, económica, ideolóxica, social e cultural do acto nunca inocente de traducir e interpretar. Tanto o Mestrado en Tradución para a comunicación internacional como o propio Grupo T&P desexan evidenciar que no século XXI a tradución e a paratradución consisten en mestizaxes transdisciplinarias ata hoxe impensables. Dende o concepto de paratradución podemos argumentar unha epistemoloxía tradutiva que cuestiona, problematiza e desconstrúe a tradución para facilitar a análise das circunstancias que, xa na era dixital, rodean, envolven, acompañan, introducen e presentan a tradución tanto na vida real como no papel ou na pantalla. Todo iso con vistas a ofrecer o paradigma da tradución como un novo modelo hermenéutico, metodolóxico e tamén de convivencia adaptado ás novas necesidades económicas, políticas, sociais e comunicativas que provocan os movementos de hibridación e migratorios. Así, grazas á paratradución somos capaces de poder describir e explicar dun modo holístico a tradución/interpretación e o seu consumo. Paratradución é pois todo aquilo que posibilita que unha tradución se realice, se produza, se transfira dun sistema a outro, que se publique, se critique, se comente, e que se presente como tal. A través deste enfoque podemos describir e definir a complexa armazón que rodea as traducións que realizamos todos os días.

GL
Skip to content