Citizens’ Language Days: entrevista a Paula Sánchez

1.     Que sentiches ao ser unha das 24 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)?

Creo que o sentimento de ledicia que vivín cando recibín a noticia é indescritible. Foi una grata sorpresa e unha gran oportunidade que tiña claro que ía aproveitar ao máximo. Sentinme moi afortunada de poder representar ao Máster de Tradución para a Comunicación Internacional e á Universidade de Vigo, e ademais poder acceder a unha rede de profesionais e estudantes de toda Europa. Para min foi un reto que merecía a pena intentar, non só polo prestixio da selección, senón tamén pola oportunidade de crecer persoal e profesionalmente.

2.     Que actividades ou eventos destacas desta breve estadía en Luxemburgo?

A pesares de ser unha estadía curta, aproveitamos o tempo ao máximo, pois participamos en moitas charlas e obradoiros sobre a linguaxe clara. Sen dúbida, o que máis desfrutei foi poder falar coas tradutoras do Parlamento, tanto coas trainees das becas Schuman como coas que xa levaban tempo traballando alí. Ver de primeira man o seu traballo, o departamento e o incríbel ambiente de traballo do Parlamento motivoume moitísimo a seguir estudando para chegar algún día a estar onde están elas agora.

3.     Cales foron os aspectos máis interesantes ou sorprendentes desta experiencia en Luxemburgo?

Creo que o máis interesante foi comprender como os conceptos da linguaxe clara se implementan de maneira práctica en institucións tan complexas como o Parlamento Europeo. Os departamentos lingüísticos traballan moi duro para facer da lexislación e todo o relacionado coa administración algo accesible e comprensible para todo o mundo, pois todos, como cidadáns da UE, temos o dereito de comprender o que se nos comunica, participar de maneira consciente na toma de decisións e entender os nosos dereitos e responsabilidades.

4.     Como describirías a interacción con outros estudantes da rede de mestrados europeos durante a estadía?

Marabillosa. Tiven a sorte de atopar un grupo de persoas tan apaixonadas da tradución coma min, o que mellorou a experiencia a niveis desorbitados. Foi moi interesante ver como todos compartíamos un interese común, máis cando cada un proviña de contextos e culturas diferentes, o que fixo as conversas aínda máis enriquecedoras. Como mencionaba antes, foi unha viaxe curta pero moi intensa para os 24; houbo un ambiente de colaboración e aprendizaxe mutuo, todos andabamos a falar con todos, coñecernos e comprendernos, sen deixar nunca a ninguén fóra da conversación. Este compañeirismo entre persoas que compartiamos unha mesma paixón, a tradución, creou un espazo seguro e aberto onde cada un podía compartir as súas ideas e experiencias.

5.     Que significado ten para ti que o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional forme parte dunha rede europea tan prestixiosa?

Tras esta experiencia dinme de conta de que son unha persoa afortunada por estar neste máster, pois creo que pode abrir moitas portas no meu futuro que probablemente non tiña en mente. Sabía que era un bo máster e que ía sacar proveito del, pero non desta forma. Sempre digo que á hora de entrar a cursar o máster, eu estaba no lugar indicado e no momento indicado, xa que non entraba nos meus planes a principios de ano seguir estudando, e moito menos pensaba que ía ter a oportunidade de formar parte dunha rede tan importante. O destino non o quixo así, e grazas a iso, agora vexo un futuro máis amplo e con máis posibilidades do que anticipara.

De estar noutro máster, non tería ido a Luxemburgo, e sen esa experiencia agora non sabería que nun futuro próximo quero traballar no Parlamento Europeo. Pertencer a esta rede europea significa, para min, ter acceso a unha formación de calidade e a unha comunidade internacional moi valiosa, aprender dos mellores no campo e conectar con futuros colegas en Europa.

6.     Como valoras a oportunidade que ofrece o máster para acceder a este tipo de experiencias?

Non me quero repetir, pero, como dicía antes, de non ter entrado neste máster e de non ter a oportunidade de viaxar a Luxemburgo, non tería tan claro o que quero para o meu futuro no ámbito laboral. Valoro moito este tipo de oportunidades, pois, no meu caso, foi unha experiencia moi enriquecedora que me permitiu ampliar os meus horizontes tanto académica como profesionalmente. A oportunidade de formar parte dunha rede europea de profesionais e estudantes tan diversa e de vivir unha experiencia práctica dentro dunha institución tan importante como o Parlamento Europeo fixo que adquirise unha nova perspectiva sobre o meu futuro profesional. Síntome moi afortunada de que nos ofrezan participar neste tipo de eventos, que, por conta propia, sería practicamente imposible acceder, e estou convencida de que estas oportunidades son clave para o noso desenvolvemento profesional.

7.     Crees que esta estadía che deu unha visión máis clara do papel das persoas que traducen e interpretan no eido europeo?

Por suposto. Cando pensamos nos tradutores do Parlamento Europeo, pensamos na tradución de textos legais e políticos. Está claro que este é un traballo principal e primordial, mais non o único.

Antes mencionaba que puiden conversar coas tradutoras do Parlamento e ver o seu día a día tan de preto marabilloume. O ambiente de traballo é doutro mundo; nótase a ilusión coa que se traballa e que lles encanta o que fan. Ademais, explicáronnos que o seu traballo non consiste só en traducir textos lexislativos, senón que hai moitos máis aspectos que non son tan coñecidos. Por exemplo, sabiades que hai un podcast semanal do departamento de tradución español? Chámase Flash Informativo e falan da actualidade diaria da Eurocámara en menos de tres minutos. Ou que tamén se proveen servizos de subtitulación e voice-over de moitísimos produtos audiovisuais. Eu dende logo que non tiña nin idea.

Así que si, diría que si que teño máis claro o que fan as tradutoras do Parlamento e que, tras este evento, aprendín que son un dos principais motores para promover o uso da linguaxe clara, co fin de que os textos e a comunicación multilingües do Parlamento sexan máis accesibles e comprensibles para todo o mundo. Sen dúbida, esta experiencia fixo que valorase aínda máis a importancia do traballo dos tradutores como facilitadores clave da comunicación e da democracia na UE.

8.     De que maneira crees que este tipo de actividades enriquece o perfil profesional dos estudantes?

Este tipo de actividades enriquecen enormemente o perfil profesional xa non só porque nos permite coñecer a expertos do ámbito e crear unha importante rede de contactos, senón tamén porque nos axuda a desenvolver habilidades prácticas, como a capacidade de traballar nun entorno internacional e colaborar con persoas de diferentes culturas. Ademais, o feito de ter unha visión máis ampla do papel das tradutoras en contextos globais pode marcar a diferencia á hora de buscar oportunidades laborais.

9.     Houbo  algún  momento  durante  a  estadía  que  consideres  especialmente memorable?

Todo foi incríbel e esta experiencia quedará gravada na miña memoria para sempre, mais podería destacar as diversas historias que nos contaron as trainees das becas Schuman sobre como chegaron a traballar no Parlamento. Cada unha viña dun contexto e dunha historia profesional diferente, algunhas era a primeira vez que se presentaban ás prácticas, mentres que outras xa o intentaran varias veces. Algunhas falaban con emoción sobre os obstáculos que tiveron que superar, e como, a pesar das dificultades, nunca deixaron de loitar por chegar onde están agora

Así, quédome con que non debemos rendernos se non sae ben á primeira e que debemos loitar polo que de verdade nos apaixona. Ás veces dependemos dun factor, dunha persoa, de ter un chisquiño de sorte, mais sempre hai que ter claro que o máis importante é saber que puxemos todo da nosa parte e que nos esforzamos ao máximo. Este tipo de relatos non só foron inspiradores, senón que me fixeron reflexionar sobre a importancia de ter paciencia e perseveranza, e tamén sobre como as historias de vida de outras persoas nos poden servir de guías para o noso propio camiño profesional.

10.     Que expectativas tiñas antes de ir a Luxemburgo e como se comparan coa experiencia real?

Antes de ir xa sabía que ía ser unha experiencia moi enriquecedora en moitos aspectos, pero a visita superou todas as miñas expectativas. A viaxe a Luxemburgo foi curta, mais intensa e reveladora. Non só aprendín sobre a linguaxe clara e a súa importancia na tradución e a súa aplicación nas institucións europeas, senón que tamén, e o máis importante, coñecín a xente de toda Europa, tanto estudantes como profesionais, cos que me sentín acollida e comprendida grazas ao poder da lingua. O que non esperaba, dende logo, era volver a España coa idea de volver máis pronto que tarde ao Parlamento e poder ser eu a que ensine, axude e guíe a futuras tradutoras.

Por último, así como dato aleatorio, entre outras cousas, esperaba atopar un ambiente de traballo tenso e excesivamente formal. Quero dicir, é o Parlamento Europeo! Supoñía que todos irían en traxe e serían un tanto altivos, non sei moi ben por que. Mais é todo o contrario: dende fóra vese coma se foran todos unha gran (pero moi grande) familia, non só no propio departamento de tradución, senón entre todos os departamentos. O sentimento de unidade foi sorprendente e emocionante.

Publicações relacionada

¡Vuelven los Premios ETIV-UVigo en su III Edición!

Nos complace anunciar que los Premios ETIV-UVigo regresan un año más para celebrar y reconocer la excelencia en la localización de videojuegos. Estos galardones, organizados por la Universidade de Vigo y el grupo de investigación TI4 Traducción & Paratraducción (T&P), forman parte de las actividades del Título Propio de Especialista en Traducción para la Industria…

Ler mais
Citizens’ Language Days: entrevista a Paula Sánchez

1.     Que sentiches ao ser unha das 24 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)? Creo que o sentimento de ledicia que vivín cando recibín a noticia é indescritible. Foi una grata sorpresa e unha gran oportunidade que tiña claro que ía aproveitar ao máximo. Sentinme moi afortunada de poder representar…

Ler mais
Nociones clave para-traducir entre la transtextualidad y la transmedialidad

Desde la Coordinación del Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) –Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia y Máster Europeo en Tradución (EMT) de la Dirección General de Traducción de la Unión Europea– nos complace anunciar que el Grupo de Investigación Traducción & Paratraducción (T&P) estará presente en el Congreso internacional GLOTECH 2024: ” Shaping…

Ler mais
Entrevista TEF 2024: Lucía Traygo Cornejo

Que sentiches ao ser unha das 20 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)? Dende o primeiro momento, sentín un profundo agradecemento polo grande equipo, a coordinación do MTCI, que fai posible este tipo de iniciativas, así como un forte compromiso para aproveitar esta oportunidade ao máximo. A idea de que…

Ler mais