Un ano máis, dende a coordinación do Mestrado Universitario en Traducción para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo, temos o pracer de anunciar unha nova edición do noso programa de mentoría con profesionais, que se porá en marcha a finais de abril de 2025, en modalidade virtual.
Tras a excelente acollida da edición anterior, renovamos esta iniciativa con máis forza e ilusión ca nunca, reafirmando o noso compromiso co acompañamento e o desenvolvemento integral do noso estudantado.
Esta acción forma parte do ambicioso plan de excelencia que nos propuxemos tras recibir, o 13 de agosto de 2021, a mención de MESTRADO UNIVERSITARIO EXCELENTE DA XUNTA DE GALICIA, sendo, a día de hoxe, o único mestrado en Ciencias Humanas e Sociais do Sistema Universitario de Galicia que conta con este prestixioso recoñecemento. Un distintivo que nos impulsa a seguir innovando, acompañando e guiando ao noso alumnado no seu camiño académico e profesional.
O programa de mentoría nace coa vocación de ser un espazo de acompañamento individualizado, onde profesionais cunha sólida traxectoria no eido da tradución e da interpretación comparten os seus coñecementos, estratexias e experiencias co estudantado do MTCI. Unha oportunidade única para potenciar habilidades, resolver dúbidas e construír, paseniño, un perfil profesional sólido e competitivo.