O MTCI renova a mención de Excelencia da Xunta de Galicia ata o 2031 e reafirma o seu liderado no SUG

Como coordinador do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), é para min unha enorme satisfacción compartir unha noticia moi especial para toda a nosa comunidade académica en xeral, e para o MTCI en particular: o noso mestrado vén de renovar a Mención de Excelencia da Xunta de Galicia, consolidando así unha traxectoria marcada pola calidade, a innovación e a proxección internacional. Esta distinción foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Con esta renovación, o MTCI continúa a ser o único mestrado da área de Ciencias Sociais e Humanas do Sistema Universitario Galego (SUG) que conta con este recoñecemento, unha distinción que a Xunta concede ás titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico. 

A primeira vez que o MTCI obtivo esta mención foi en agosto de 2021, converténdose entón no primeiro —e único— mestrado de Ciencias Humanas e Sociais das tres universidades galegas en acadar este selo de excelencia. A distinción situou a titulación entre un grupo moi reducido de titulacións excelentes do SUG e recoñeceu aspectos como a internacionalización do estudantado, a inserción laboral, a calidade docente, as prácticas externas, os sistemas de mentoría e o compromiso coa innovación académica. 

O proceso de renovación que durou meses implicou un intenso traballo de compilación, análise e síntese de toda a actividade desenvolvida durante os últimos cinco anos. Foi necesario reunir evidencias de matrícula, indicadores académicos, resultados de empregabilidade, datos de internacionalización e múltiples probas do labor realizado polo profesorado, o estudantado e o equipo de coordinación do mestrado. 

Esta renovación non só valida o traballo desenvolvido ata agora, senón que tamén reforza o posicionamento do MTCI como unha referencia no eido da tradución e da comunicación internacional dentro e fóra de Galicia.

Lembremos que a Mención de Excelencia, impulsada pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo recoñecer aquelas titulacións universitarias que destacan pola súa excelencia académica e pola súa capacidade de adaptación ás demandas da sociedade e do mercado profesional. 

Dende esta coordinación queremos agradecer a implicación e o compromiso de todas as persoas que fixeron posible este novo logro colectivo: profesorado, estudantado, persoal técnico e institucións colaboradoras. A renovación da excelencia é, sen dúbida, un motivo de orgullo compartido para toda a comunidade do MTCI e da UVigo. 

Óscar Ferreiro 

Artículos relacionados

Activar espazos, crear públicos: un obradoiro para repensar a cultura como motor de cidade

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional pon en marcha o obradoiro «Activar espazos, crear públicos. Impacto, cidade e sostibilidade», unha proposta formativa intensiva e de carácter práctico impartida pola xestora cultural Patricia Verdial Garay. Este obradoiro nace coa vocación de ofrecer ao estudantado ferramentas reais para deseñar, activar e avaliar programas públicos en…

Leer más
Microcredencial: Inmersión inicial en cultura, lingua e comunicación coreana para negocios

Temos o pracer de anunciar a posta en marcha da microcredencial Inmersión inicial en cultura, lingua e comunicación coreana para negocios, unha formación inicial deseñada para ofrecer unha visión previa, rigorosa e contextualizada da Corea contemporánea. Esta proposta formativa está dirixida a estudantes, profesionais e persoas interesadas que se preparan para realizar estudos ou estadías…

Leer más