O MTCI renova a mención de Excelencia da Xunta de Galicia ata o 2031 e reafirma o seu liderado no SUG

Como coordinador do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), é para min unha enorme satisfacción compartir unha noticia moi especial para toda a nosa comunidade académica en xeral, e para o MTCI en particular: o noso mestrado vén de renovar a Mención de Excelencia da Xunta de Galicia, consolidando así unha traxectoria marcada pola calidade, a innovación e a proxección internacional. Esta distinción foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Con esta renovación, o MTCI continúa a ser o único mestrado da área de Ciencias Sociais e Humanas do Sistema Universitario Galego (SUG) que conta con este recoñecemento, unha distinción que a Xunta concede ás titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico. 

A primeira vez que o MTCI obtivo esta mención foi en agosto de 2021, converténdose entón no primeiro —e único— mestrado de Ciencias Humanas e Sociais das tres universidades galegas en acadar este selo de excelencia. A distinción situou a titulación entre un grupo moi reducido de titulacións excelentes do SUG e recoñeceu aspectos como a internacionalización do estudantado, a inserción laboral, a calidade docente, as prácticas externas, os sistemas de mentoría e o compromiso coa innovación académica. 

O proceso de renovación que durou meses implicou un intenso traballo de compilación, análise e síntese de toda a actividade desenvolvida durante os últimos cinco anos. Foi necesario reunir evidencias de matrícula, indicadores académicos, resultados de empregabilidade, datos de internacionalización e múltiples probas do labor realizado polo profesorado, o estudantado e o equipo de coordinación do mestrado. 

Esta renovación non só valida o traballo desenvolvido ata agora, senón que tamén reforza o posicionamento do MTCI como unha referencia no eido da tradución e da comunicación internacional dentro e fóra de Galicia.

Lembremos que a Mención de Excelencia, impulsada pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo recoñecer aquelas titulacións universitarias que destacan pola súa excelencia académica e pola súa capacidade de adaptación ás demandas da sociedade e do mercado profesional. 

Dende esta coordinación queremos agradecer a implicación e o compromiso de todas as persoas que fixeron posible este novo logro colectivo: profesorado, estudantado, persoal técnico e institucións colaboradoras. A renovación da excelencia é, sen dúbida, un motivo de orgullo compartido para toda a comunidade do MTCI e da UVigo. 

Óscar Ferreiro 

Article similaire

O MTCI ofrece cinco actividades extraacadémicas de balde no primeiro cuadrimestre do curso 2026–2027

Todo o estudantado do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo terá a oportunidade de participar de balde nun programa de actividades extraacadémicas durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026–2027. Esta oferta é posible grazas á mención de excelencia da Xunta de Galicia, concedida ao MTCI por segundo quinquenio consecutivo.…

En savoir plus
2.ª edición de la microcredencial de Introducción al doblaje

Estimado futuro alumnado del Máster:Os informamos de que está abierto el plazo de inscripción para la 2.ª edición de la microcredencial de Introducción al doblaje, dirigida por nuestro colega y profesor del Máster MTCI Xoán Montero.Se trata de un curso presencial y práctico de 16 horas, pensado para ofrecer una primera aproximación a la práctica…

En savoir plus
Décimo ano consecutivo coas prazas completas!

Estamos de celebración! Por décimo ano consecutivo, completamos todas as prazas do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional. Un ano máis, a resposta do estudantado superou as nosas expectativas, até o punto de que tivemos que deixar alumnado fóra por falta de prazas. Grazas a todas as persoas que confiades no noso título e…

En savoir plus