Entrevista TEF 2024: Lucía Traygo Cornejo

  1. Que sentiches ao ser unha das 20 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)?

Dende o primeiro momento, sentín un profundo agradecemento polo grande equipo, a coordinación do MTCI, que fai posible este tipo de iniciativas, así como un forte compromiso para aproveitar esta oportunidade ao máximo. A idea de que podería intercambiar ideas cunha ampla variedade de profesionais no ámbito da tradución e da interpretación en Bruxelas, a capital europea por excelencia, encheume de entusiasmo de inmediato. Xa imaxinaba que sería unha experiencia excelente, que me permitiría nutrirme intelectualmente da man de profesionais que realmente senten vocación polas tarefas que desempeñan no eido da tradución e da interpretación… e así foi. Ao rematar a estadía, sentinme inspirada pola gran diversidade de perfís cos que tiven a oportunidade de interactuar e polo ambiente profesional e social do Distrito Europeo.

 

  1. Que actividades ou eventos destacas desta breve estadía en Bruxelas?

Gustáronme moito as intervencións dos relatores, que foron claras, interesantes e cheas de contido enriquecedor. A maiores, as pausas e os encontros organizados polos coordinadores foron unha oportunidade fantástica para socializar e establecer diálogo entre os participantes dun xeito máis relaxado e próximo.

Sobre todo, destacaría estas actividades sociais, que resultaron moi produtivas. Grazas a elas, tivemos a posibilidade de conversar entre nós en diversas linguas, coñecernos mellor e, como xa mencionei, practicar idiomas e aprender das diferentes culturas representadas no grupo. Estes momentos crearon un ambiente moi especial, favorecendo non só o intercambio de ideas, senón tamén a creación de lazos sociais que fan destas experiencias algo único e positivo.

 

  1. Cales foron os aspectos máis interesantes ou sorprendentes desta experiencia en Bruxelas?

Descubrir o gran ambiente multicultural da cidade foi, sen dúbida, o que máis me chamou a atención. A diversidade de culturas, linguas e tradicións que se entrelazan por todo Bruxelas crea unha atmosfera única que invita a abrir a mente e a ser máis receptivo ás diferenzas. Esta experiencia resulta especialmente enriquecedora cando traballas nas institucións europeas, onde, como parte do teu día a día, colaboras con persoas de diferentes países, culturas e costumes. A interacción constante con profesionais de diversas partes do mundo, con traxectorias e perspectivas distintas, ofrece unha visión ampla e profunda da realidade global. Sen dúbida, este tipo de casuística non é moi común, e é unha oportunidade excepcional para crecer tanto a nivel profesional como persoal.

 

  1. Como describirías a interacción con outros estudantes da rede de mestrados europeos durante a estadía?

Excelente! Tras coñecernos o segundo día, fixemos piña e intercambiamos contactos entre nós, o que facilitou moito a comunicación e a colaboración ao longo da estadía. Nun dos encontros en Plux,  tivemos a oportunidade de conversar con máis tranquilidade e coñecernos mellor, o que sempre é unha experiencia agradable. Foi moi positivo coincidir con compañeiros que compartían intereses semellantes aos meus, e saber que todos procediamos de diferentes países, cidades e universidades fixo que a experiencia fose aínda máis enriquecedora. Esta diversidade de orixes e puntos de vista fixo que as nosas conversas e intercambios fosen construtivos e valiosos.

 

  1. Que significado ten para ti que o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional forme parte dunha rede europea tan prestixiosa?

Unha palabra: progreso. Galicia é unha das comunidades que, en moitos casos, sofre un certo illamento en relación coas institucións europeas. A pesar de que a comunidade galega está cada vez máis presente nas políticas da UE, o feito de que o máster sexa unha vía de apertura cara ás institucións europeas facilita a visibilidade e a participación dos estudantes galegos neste ámbito tan relevante. Pertencer a unha rede europea tan prestixiosa tamén é sinónimo de que as cousas se están xestionando ben, con moito sentidiño, tanto na coordinación do máster —encabezada polo profesor Óscar Ferreiro Vázquez e o secretario José Yuste Frías— como na Universidade. Non debemos esquecer a base: se o máster forma parte desta rede, é grazas ao esforzo e ás investigacións dos profesionais que o fixeron posible. Este é un feito que, como estudantes, debemos valorar, aproveitar e ter sempre presente, e, ademais, corresponder coa excelencia formativa recibida, comprometéndonos a aplicar e expandir o aprendido nun contexto profesional e persoal.

 

  1. Como valoras a oportunidade que ofrece o máster para acceder a este tipo de experiencias?

É unha oportunidade excepcional. Grazas á participación en actividades deste tipo, a visión sobre o profesional que un desexa ser afínase e enriquece de maneira significativa. Estas experiencias permiten explorar en profundidade o ambiente e os desafíos do teu campo, o que resulta de gran axuda á hora de tomar decisións importantes para o futuro profesional. Durante o foro, tiven a oportunidade de escoitar aos profesionais compartir as súas vivencias e percorridos na súa carreira, desde o traballo como freelancers ata a súa actividade como lingüistas computacionais ou funcionarios públicos. Este intercambio de perspectivas non só ampliou o meu coñecemento sobre as diferentes vías profesionais que ofrece o campo, senón que tamén me permitiu valorar de forma máis clara a carreira que se axusta mellor ás miñas prioridades e intereses. As historias e consellos destes profesionais tamén serven como un faro que orienta aos estudantes a tomar decisións máis informadas.

 

  1. Cres que esta estadía che deu unha visión máis clara do papel das persoas que traducen e interpretan no eido europeo?

 

Si. A estadía permitiume afondar na importancia fundamental do corpo de tradutores e intérpretes nas institucións europeas. No foro, puiden identificar algúns dos principais desafíos aos que se enfrontan, como a coherencia e precisión na comunicación institucional. A necesidade de garantir a comprensión en todos os idiomas oficiais tamén supón un reto, especialmente cando se trata de garantir que as mensaxes non só se traduzan, senón que se transmitan de forma que sexan comprendidas do mesmo xeito por todas as partes involucradas. O seu traballo é clave para a integración e cooperación entre os Estados membros, xa que o seu labor asegura que todos os cidadáns teñan acceso á mesma información, independentemente da súa lingua, e contribúe á chamada democracia do coñecemento, onde a información accesible e comprensible para todos os cidadáns é un pilar fundamental para a participación activa na vida pública e nas decisións políticas.

 

  1. De que maneira cres que este tipo de actividades enriquece o perfil profesional dos estudantes?

 

Participar en foros como este enriquece aos estudantes ao exporlles a diferentes perspectivas e realidades sobre a tradución, non só dende o punto de vista técnico, senón tamén en termos de desafíos e evolucións que afectan á profesión. Neste caso, o foro centrado na tradución e na intelixencia artificial ofreceu unha oportunidade única para comprender como a IA está transformando a práctica da tradución. Os participantes tivemos a oportunidade de explorar ferramentas de tradución automática, aprender sobre os avances nas plataformas de tradución asistida por ordenador e discutir como a IA pode mellorar a eficiencia e a velocidade no proceso tradutor.

Porén, tamén se abordaron os desafíos asociados á IA, como a dificultade de manter precisión e os matices culturais que só un tradutor humano pode garantir. Polo tanto, este tipo de foros permite que os estudantes non só adquiran coñecementos técnicos, senón que tamén desenvolvan unha visión crítica sobre o futuro da profesión.

 

  1. Houbo algún momento durante a estadía que consideres especialmente memorable?

 

Si, houbo varios momentos especialmente memorables durante a estadía. Un dos máis destacados foi o encontro co director da DGT e cos coordinadores. Foi unha oportunidade única para coñecerlles e ter a ocasión de dialogar con eles sobre os retos e as oportunidades do sector. A súa visión sobre o futuro da tradución nas institucións europeas foi realmente inspiradora. Poder falar directamente con profesionais tan experimentados e implicados no ámbito da tradución foi unha experiencia gratificante.

Outro momento memorable foi o encontro informal en Plux coa coordinadora, Anna, e os compañeiros. Foi un momento máis distendido, onde puidemos compartir experiencias, desfrutar do ambiente da cidade e establecer vínculos profesionais nun contexto máis relaxado. Ese encontro, xunto coa oportunidade de explorar un pouquiño Bruxelas e coñecer mellor a súa cultura e ambiente internacional, fixo que a experiencia fose aínda máis especial.

 

  1. Que expectativas tiñas antes de ir a Bruxelas e como se comparan coa experiencia real?

Concibía que a experiencia sería transformadora e enriquecedora, e ao vivila, constatei que foi, efectivamente, unha experiencia moi completa. Estaba aberta a descubrir novas perspectivas, non só no ámbito profesional, senón tamén desde un punto de vista humano e cultural. Sabía que sería unha oportunidade para observar de preto como funcionan as institucións europeas, especialmente no eido da tradución, un campo no que o multilingüismo xoga un papel esencial para garantir a comunicación efectiva e a cohesión entre países tan diversos.

Participar nunha actividade coma esta permite comprender mellor os retos e as oportunidades do sector, ademais de vivir de primeira man o contorno multicultural e profesional que caracteriza a Unión Europea. É unha oportunidade única para formarse, aprender e, ao mesmo tempo, conectar con profesionais do campo que poden ofrecer unha visión real e valiosa sobre as dinámicas do traballo neste ambiente internacional.

Article similaire

¡Vuelven los Premios ETIV-UVigo en su III Edición!

Nos complace anunciar que los Premios ETIV-UVigo regresan un año más para celebrar y reconocer la excelencia en la localización de videojuegos. Estos galardones, organizados por la Universidade de Vigo y el grupo de investigación TI4 Traducción & Paratraducción (T&P), forman parte de las actividades del Título Propio de Especialista en Traducción para la Industria…

En savoir plus
Citizens’ Language Days: entrevista a Paula Sánchez

1.     Que sentiches ao ser unha das 24 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)? Creo que o sentimento de ledicia que vivín cando recibín a noticia é indescritible. Foi una grata sorpresa e unha gran oportunidade que tiña claro que ía aproveitar ao máximo. Sentinme moi afortunada de poder representar…

En savoir plus
Nociones clave para-traducir entre la transtextualidad y la transmedialidad

Desde la Coordinación del Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) –Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia y Máster Europeo en Tradución (EMT) de la Dirección General de Traducción de la Unión Europea– nos complace anunciar que el Grupo de Investigación Traducción & Paratraducción (T&P) estará presente en el Congreso internacional GLOTECH 2024: ” Shaping…

En savoir plus
Entrevista TEF 2024: Lucía Traygo Cornejo

Que sentiches ao ser unha das 20 persoas seleccionadas de entre todos os mestrados da rede europea (EMT)? Dende o primeiro momento, sentín un profundo agradecemento polo grande equipo, a coordinación do MTCI, que fai posible este tipo de iniciativas, así como un forte compromiso para aproveitar esta oportunidade ao máximo. A idea de que…

En savoir plus