Nun mundo en conflito tradutores e intérpretes son os auténticos mediadores
Febreiro 05, 2016

 

DUVI Antonio BuenoVisita Vigo o presidente da asociación de universidades con estudos de Tradución e Interpretación

Artigo de D. Besadío | Vigo publicado no DUVI o 2 de febreiro de 2016

 

 

“Nun mundo en conflito, nunha sociedade de cambios constantes, tradutores e intérpretes son os auténticos mediadores, os que aseguran a comunicación, que as ideas trascendan dunhas persoas a outras, dun a outro país, dunha cultura a outra”. Esta foi unha das ideas centrais que tentou transmitir na súa visita a Vigo Antonio Bueno García, presidente da Asociación de universidades do estado español con titulacións oficiais de Tradución e Interpretación, decano da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidad de Valladolid e autor, entre outros moitos traballos, da primeira monografía publicada en España sobre publicidade e tradución. Encargouse da súa presentación o docente vigués José Yuste, que aproveitou a súa intervención para lembrar que cando se traduce de e cara unha lingua non se traduce simplemente a súa lingua, senón tamén, e sobre todo, a súa cultura… , un detalle non menor “nos tempos de migración que Europa está a vivir, tempos de auténtica crise cultural e simbólica, nos que o vello continente non sabe ler, interpretar nin traducir ningún símbolo, para comezar co propio velo islámico”, recalcou Yuste ante o numeroso público, alumnado universitario e tamén do IES Politécnico de Vigo.

Convidado polo grupo de investigación Tradución e Paratradución e o Mestrado en Tradución para a comunicación internacional, Bueno García achegou no seu relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución unha perspectiva actual e de futuro dunha profesión que, ao seu xuízo, está chamada a axudar a resolver os grandes problemas da comunicación da sociedade actual, “non só os problemas culturais, senón tamén os políticos, os relixiosos ou os económicos, xa que todos pasan polas súas mans e son eles, polo tanto, unha das pezas claves para acadar o entendemento”.

Retos de futuro

Á hora de responder ao principal reto ao que, desde o seu punto de vista, terán que enfrontarse os novos profesionais da Tradución e a Interpretación, o experto non dubidou en afirmar que o principal é ser quen de responder aos retos da sociedade de mercado, da variedade tan impoñente de linguas e culturas que van ter que desenvolver na tradución. “É un reto persoal ao que só poderán responder con esmerada formación”, recalcou, ao tempo que engadiu que o avance das novas tecnoloxías marca tamén o presente e o futuro desta profesión. 

“As novas tecnoloxías fixeron que xurdiran novas modalidades, tanto de tradución como de interpretación, e isto repercute tamén na formación”, recalcou o experto, que subliñou a importancia de que os novos titulados e tituladas dominen o funcionamento “destas novas máquinas” e se formen de xeito continuo. “Desde que saen da facultade a súa formación non cesa porque a sociedade vai moi á presa, a tecnoloxía avanza tamén moi rápido e os catro ou seis anos de formación específica son insuficientes a todas luces”, engadiu o experto.

Tradutores tranquilos vs intérpretes inquietos

Á pregunta de que características debe ter un bo tradutor/intérprete, Bueno García fai fincapé en que ambos deben ter un excelente coñecemento tanto da lingua fonte como da de destino e unha gran capacidade de mediación, ata tal punto que o elevado coñecemento das linguas é unha capacidade insuficiente para ser un bo tradutor ou un bo intérprete, “o primeiro é a capacidade de ser unha ponte, un bo mediador”. Con este punto de partida en común, o perfil destes profesionais é completamente distinto. No caso da tradución, “é unha profesión bastante tranquila e sedentaria, que precisa de moita reflexión e acougo para poder chegar a comprender e transmitir”, mentres que a interpretación precisa dun profesional “moi dinámico e activo, con grandes estímulos sensoriais”, que ten que responder en décimas de segundo ao que a comunicación lle está a esixir e para o que precisa tamén unhas condicións físicas especiais, “ser forte, moi esperto e estar pendente dun traballo e dun cliente que o poden requirir en calquera momento”.

Este xoves O cinema vai á guerra

Os relatorios continuarán na Facultade de Filoloxía e Tradución este xoves día 4 coa visita do profesor Karl Schurster, da Universidade do Estado de Pernambuco (Brasil), que impartirá o relatorio O cinema vai á guerra. A cita é ás 12.00 horas no salón de actos da facultade.

 

Acceso directo á nova

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

GL
Skip to content