Hoxe en día, as ferramentas de tradución son un elemento esencial do traballo da persoa que traduce profesionalmente. Cada día os e as profesionais da tradución enfróntanse á difícil tarefa de negociar as tarifas dun posible proxecto. Aí é onde xoga un papel preponderante o correcto manexo dun programa que permita reducir tempo e evitar eivas de tradución no texto meta. Ao observar esta situación cotiá, o Mestrado en Tradución for a Comunicación Internacional (MTCI) quere atender e encher o baleiro existente nos planos de estudo do grao en Tradución e Interpretación das universidades españolas no que respecta á formación do estudantado en asignaturas de programas e memorias de tradución.
Presentación da I.ª Edición do Curso Complementario Ferramentas de tradución profesional
O MTCI xa conta no seu programa coa materia de Xestión de memorias de tradución, a cargo da tradutora profesional Ana Hermida Ruibal, mais pensamos que asinarmos un acordo académico coa empresa Kilgray, creadora do programa MemoQ, sería positivo para o noso alumnado. Deste xeito, complementariamos a nosa formación no que atinxe ás ferramentas de tradución e memorias de tradución.
Este curso de 12 horas de formación conta con 40 prazas e terá lugar na aula Newton 9 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo entre os días 22 e 24 de abril de 2014.
O alumnado interesado terá que facer a preinscrición entre os días 24 de febreiro e 4 de abril de 2014 na aplicación Bubela da Universidade de Vigo.
As taxas do curso son 150 euros para o público xeral, 80 euros para o alumnado da UVigo e 40 euros para o alumnado do MTCI. A coordinación pon a disposición 4 bolsas de 40 euros.
A formación correrá a cargo da tradutora e formadora Rocío Abelleira Zataraín, licenciada en Química pola Universidade da Coruña e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Desde hai máis de dez anos, traballa como Linguistic Lead for Foreign Exchange Translations, unha empresa internacional líder no campo da tradución médica e farmacéutica. Entre as súas funcións están a creación e mantemento de terminoloxía, memorias de tradución e guías de estilo, así como a aplicación de novas tecnoloxías aos proxectos multilingües nos que participa.
O programa do curso complementario conta cun módulo teórico e outro práctico. No primeiro atenderase á relevancia que teñen as ferramentas de tradución para a persoa que traduce profesionalmente. No segundo, haberá unha introdución a licenza MemoQ (programa de memoria de tradución):
- a) Memoria de tradución
- b) Terminoloxía
- c) Formato de arquivos
- d) Principais funcións da ferramenta.
Traballarase con outras licenzas: Xbench (programa para o control da calidade da tradución) and Olifant (programa para o mantemento das memorias de tradución).
Cómpre subliñar que todos os ordenadores da sala terán instalados os programas mencionados para que o curso sexa eminentemente práctico e así levar a cabo situación e tarefas que simulan proxectos reais de tradución.
Coordinación do curso:
Patrocinadores:
Kilgray Translation Technologies
Doutoramento T&P
Mestrado en Tradución for a comunicación internacional (MTCI)
Notas de prensa:
- A UVigo lanza un curso sobre novas ferramentas TIC para os profesionais da tradición, un amigo da Redacción de Código Cero publicado o 14/04/2014.
- A Facultade de Filoloxía e Tradución organiza un curso no que MemoQ será a protagonista. Novas ferramentas para os profesionais da tradución, un artigo de Sara Suárez publicado no DUVI o 11/04/2014.