Ferramentas de tradución profesional 1
Abril 01, 2014

Hoxe en día, as ferramentas de tradución son un elemento esencial do traballo da persoa que traduce profesionalmente. Cada día os e as profesionais da tradución enfróntanse á difícil tarefa de negociar as tarifas dun posible proxecto. Aí é onde xoga un papel preponderante o correcto manexo dun programa que permita reducir tempo e evitar eivas de tradución no texto meta. Ao observar esta situación cotiá, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) quere atender e encher o baleiro existente nos planos de estudo do grao en Tradución e Interpretación das universidades españolas no que respecta á formación do estudantado en asignaturas de programas e memorias de tradución.

Presentación da I.ª Edición do Curso Complementario Ferramentas de tradución profesional

O MTCI xa conta no seu programa coa materia de Xestión de memorias de tradución, a cargo da tradutora profesional Ana Hermida Ruibal, mais pensamos que asinarmos un acordo académico coa empresa Kilgray, creadora do programa MemoQ, sería positivo para o noso alumnado. Deste xeito, complementariamos a nosa formación no que atinxe ás ferramentas de tradución e memorias de tradución.

Este curso de 12 horas de formación conta con 40 prazas e terá lugar na aula Newton 9 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo entre os días 22 e 24 de abril de 2014.

O alumnado interesado terá que facer a preinscrición entre os días 24 de febreiro e 4 de abril de 2014 na aplicación Bubela da Universidade de Vigo.

As taxas do curso son 150 euros para o público xeral, 80 euros para o alumnado da UVigo e 40 euros para o alumnado do MTCI. A coordinación pon a disposición 4 bolsas de 40 euros.

A formación correrá a cargo da tradutora e formadora Rocío Abelleira Zataraín, licenciada en Química pola Universidade da Coruña e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Desde hai máis de dez anos, traballa como Linguistic Lead para Foreign Exchange Translations, unha empresa internacional líder no campo da tradución médica e farmacéutica. Entre as súas funcións están a creación e mantemento de terminoloxía, memorias de tradución e guías de estilo, así como a aplicación de novas tecnoloxías aos proxectos multilingües nos que participa.

O programa do curso complementario conta cun módulo teórico e outro práctico. No primeiro atenderase á relevancia que teñen as ferramentas de tradución para a persoa que traduce profesionalmente. No segundo, haberá unha introdución a licenza MemoQ (programa de memoria de tradución):

  • a) Memoria de tradución
  • b) Terminoloxía
  • c) Formato de arquivos
  • d) Principais funcións da ferramenta.

Traballarase con outras licenzas: Xbench (programa para o control da calidade da tradución) e Olifant (programa para o mantemento das memorias de tradución).

Cómpre subliñar que todos os ordenadores da sala terán instalados os programas mencionados para que o curso sexa eminentemente práctico e así levar a cabo situación e tarefas que simulan proxectos reais de tradución.

Coordinación do curso:

Óscar Ferreiro Vázquez 

Patrocinadores:

Kilgray Translation Technologies

Doutoramento T&P

Mestrado en Tradución para a comunicación internacional (MTCI)

Notas de prensa:

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

GL
Skip to content