Non hai dous sen tres! Durante estes meses recibimos moitas mensaxes do alumnado e profesionais da tradución para saber se o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) ía convocar a III Edición do curso complementario «Ferramentas de Tradución profesional». Este curso complementario de formación ten como obxectivo introducir o alumnado participante ás ferramentas de tradución máis habituais e demandadas que a persoa que traduce debe coñecer e manexar. A formación é eminentemente práctico, con situacións e tarefas que simulan proxectos reais de tradución. Outra das finalidades é que o alumnado poida familiarizase con MemoQ, unha das ferramentas de tradución máis populares na actualidade e que ten moitas similitudes con SDL Trados e con outros programas de tradución. Deste xeito, co coñecemento desta ferramenta, o futuro tradutor será quen de decidir cal será o programa que escollerá para desenvolver a súa actividade profesional.
Presentación da III.ª Edición do curso complementario de formación Ferramentas de tradución profesional 3
Tras o éxito das I.ª e II.ª Edicións do curso complementario Ferramentas de tradución profesional, o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) quere atender unha vez máis a esta eiva recorrente no mercado laboral actual e pon á disposición do alumnado do grao en Tradución e Interpretación, do mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, do doutoramento Tradución & Paratradución (T&P) e de tradutores/as profesionais, esta II Edición do curso complementario de formación Ferramentas de traducción profesional.
O MTCI xa conta no seu programa coa materia de Xestión de memorias de tradución, a cargo da tradutora profesional Ana Hermida Ruibal, mais pensamos que asinarmos un acordo académico coa empresa Kilgray, creadora do programa MemoQ, sería positivo para o noso alumnado. Deste xeito, complementariamos a nosa formación no que atinxe ás ferramentas de tradución e memorias de tradución.
Este curso de 12 horas de formación conta con 40 prazas e terá lugar na aula Newton 9 da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo entre os días 14, 15 e 16 de novembro de 2016.
O alumnado interesado terá que facer a preinscrición entre os días 01 de novembro e 07 de novembro de 2016 na aplicación Bubela da Universidade de Vigo.
As taxas do curso son de 49 euros. A coordinación pon a disposición 3 bolsas de matrícula gratuita. Cómpre indicar que o alumnado matriculado no curso poderá acollerse a un desconto de aproximadamente o 70% para mercar unha licenza do programa MemoQ.
A formación correrá a cargo da tradutora e formadora Rocío Abelleira Zataraín, licenciada en Química pola Universidade da Coruña e en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Desde hai máis de dez anos, traballa como Senior Linguistic Lead para Foreign Exchange Translations, unha empresa internacional líder no campo da tradución médica e farmacéutica. Entre as súas funcións están a creación e mantemento de terminoloxía, memorias de tradución e guías de estilo, así como a aplicación de novas tecnoloxías aos proxectos multilingües nos que participa.
O programa do curso complementario conta cun módulo teórico (1 hora) e outro práctico (11 horas). No primeiro atenderase á relevancia que teñen as ferramentas de tradución para a persoa que traduce profesionalmente. No segundo, haberá unha introdución a licenza MemoQ (programa de memoria de tradución):
- a) Memoria de tradución
- b) Terminoloxía
- c) Formato de arquivos
- d) Principais funcións da ferramenta.
Traballarase con outras licenzas: Xbench (programa para o control da calidade da tradución) e Olifant (programa para o mantemento das memorias de tradución).
Cómpre subliñar que todos os ordenadores da sala terán instalados os programas mencionados para que o curso sexa eminentemente práctico e así levar a cabo situación e tarefas que simulan proxectos reais de tradución.
Coordinación do curso:
Patrocinadores:
Kilgray Translation Technologies
Doutoramento T&P
Mestrado en Tradución para a comunicación internacional (MTCI)