Nun mundo en conflito tradutores e intérpretes son os auténticos mediadores

DUVI Antonio Bueno

 

DUVI Antonio BuenoVisita Vigo o presidente da asociación de universidades con estudos de Tradución e Interpretación

Artigo de D. Besadío | Vigo publicado no DUVI o 2 de febreiro de 2016

 

 

“Nun mundo en conflito, nunha sociedade de cambios constantes, tradutores e intérpretes son os auténticos mediadores, os que aseguran a comunicación, que as ideas trascendan dunhas persoas a outras, dun a outro país, dunha cultura a outra”. Esta foi unha das ideas centrais que tentou transmitir na súa visita a Vigo Antonio Bueno García, presidente da Asociación de universidades do estado español con titulacións oficiais de Tradución e Interpretación, decano da Facultade de Tradución e Interpretación da Universidad de Valladolid e autor, entre outros moitos traballos, da primeira monografía publicada en España sobre publicidade e tradución. Encargouse da súa presentación o docente vigués José Yuste, que aproveitou a súa intervención para lembrar que cando se traduce de e cara unha lingua non se traduce simplemente a súa lingua, senón tamén, e sobre todo, a súa cultura… , un detalle non menor “nos tempos de migración que Europa está a vivir, tempos de auténtica crise cultural e simbólica, nos que o vello continente non sabe ler, interpretar nin traducir ningún símbolo, para comezar co propio velo islámico”, recalcou Yuste ante o numeroso público, alumnado universitario e tamén do IES Politécnico de Vigo.

Convidado polo grupo de investigación Tradución e Paratradución e o Mestrado en Tradución para a comunicación internacional, Bueno García achegou no seu relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución unha perspectiva actual e de futuro dunha profesión que, ao seu xuízo, está chamada a axudar a resolver os grandes problemas da comunicación da sociedade actual, “non só os problemas culturais, senón tamén os políticos, os relixiosos ou os económicos, xa que todos pasan polas súas mans e son eles, polo tanto, unha das pezas claves para acadar o entendemento”.

Retos de futuro

Á hora de responder ao principal reto ao que, desde o seu punto de vista, terán que enfrontarse os novos profesionais da Tradución e a Interpretación, o experto non dubidou en afirmar que o principal é ser quen de responder aos retos da sociedade de mercado, da variedade tan impoñente de linguas e culturas que van ter que desenvolver na tradución. “É un reto persoal ao que só poderán responder con esmerada formación”, recalcou, ao tempo que engadiu que o avance das novas tecnoloxías marca tamén o presente e o futuro desta profesión. 

“As novas tecnoloxías fixeron que xurdiran novas modalidades, tanto de tradución como de interpretación, e isto repercute tamén na formación”, recalcou o experto, que subliñou a importancia de que os novos titulados e tituladas dominen o funcionamento “destas novas máquinas” e se formen de xeito continuo. “Desde que saen da facultade a súa formación non cesa porque a sociedade vai moi á presa, a tecnoloxía avanza tamén moi rápido e os catro ou seis anos de formación específica son insuficientes a todas luces”, engadiu o experto.

Tradutores tranquilos vs intérpretes inquietos

Á pregunta de que características debe ter un bo tradutor/intérprete, Bueno García fai fincapé en que ambos deben ter un excelente coñecemento tanto da lingua fonte como da de destino e unha gran capacidade de mediación, ata tal punto que o elevado coñecemento das linguas é unha capacidade insuficiente para ser un bo tradutor ou un bo intérprete, “o primeiro é a capacidade de ser unha ponte, un bo mediador”. Con este punto de partida en común, o perfil destes profesionais é completamente distinto. No caso da tradución, “é unha profesión bastante tranquila e sedentaria, que precisa de moita reflexión e acougo para poder chegar a comprender e transmitir”, mentres que a interpretación precisa dun profesional “moi dinámico e activo, con grandes estímulos sensoriais”, que ten que responder en décimas de segundo ao que a comunicación lle está a esixir e para o que precisa tamén unhas condicións físicas especiais, “ser forte, moi esperto e estar pendente dun traballo e dun cliente que o poden requirir en calquera momento”.

Este xoves O cinema vai á guerra

Os relatorios continuarán na Facultade de Filoloxía e Tradución este xoves día 4 coa visita do profesor Karl Schurster, da Universidade do Estado de Pernambuco (Brasil), que impartirá o relatorio O cinema vai á guerra. A cita é ás 12.00 horas no salón de actos da facultade.

 

Acceso directo á nova

Publicações relacionada

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional consolídase como referente internacional cunha avalancha de solicitudes e lidera a demanda en Humanidades

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) volve acadar un fito sen precedentes ao recibir, un ano máis, unha auténtica avalancha de solicitudes de preinscrición, consolidándose como o máster máis demandado dentro da área de Humanidades da UVigo na convocatoria actual. Con aproximadamente cen solicitudes rexistradas, este máster universitario —distinguido pola Xunta de…

Ler mais
Materias English Friendly, Français Amical, Português Amigável e Italiano Amichevole no MTCI

O Máster universitario en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo —máster universitario excelente da Xunta de Galicia e membro da prestixiosa rede European Master’s in Translation (EMT) da Comisión Europea— súmase á iniciativa da Vicerreitoría de Internacionalización que promove a oferta multilingüe de materias nos graos e mestrados oficiais da UVigo.…

Ler mais