A paratradución das marxes do texto na recepción en España das obras decimonónicas francesas
Moito se debateu sobre a conveniencia de que o tradutor se faga visible na obra traducida, e numerosas foron as opinións vertidas, ao longo da Historia da Tradución, tanto a favor como en contra, ata o punto de tacharse a súa presenza no texto traducido de «honte» (Aury, 1963), de «violence» (Hersant, 1995) ou de «ruse grossière». Mostraremos como o tradutor emerxe nos textos que traduce, servíndose para iso das instancias paratextuais (prólogos, prefacios e notas a pé de páxina). Analizaremos con detalle estes espazos de visibilidade do tradutor quen, aos poucos, vaise «apropiando» da obra, chegando mesmo á «manipulación» do texto orixinal a través da eliminación dalgún elemento ou da incorporación doutros da súa propia autoría. Así pois, o noso interese céntrase na constatación da presenza do tradutor nos numerosos tratados e manuais franceses que se traduciron no século XIX en España sobre asuntos tan variados como a medicina, a farmacia, a educación, a hixiene, a agronomía, entre outros. O concepto de «paratradución» e o enfoque paratradutivo da tradución lévanos neste estudo a reflexionar sobre “como os paratextos inflúen sobre a maneira en que un novo público percibe unha literatura traducida” (Yuste Frías: 2015: 66).
Aury, D. (1963), Préface à Mounin, Georges, Les problèmes théoriques de la traduction, París, Gallimard, VIII-XII.
Yuste Frías, J. (2015), “Paratraducción: la traducción de los márgenes, al margen de la traducción”, D.E.L.T.A., 31-especial, pp.317-347.
Manuela Álvarez Jurado
é Catedrática de Tradución e Interpretación da Universidade de Córdoba. Ao longo da súa dilatada traxectoria docente impartiu clases de Lingua e Literatura Francesa, Tradución turística, Tradución literaria e Tradución Especializada de Textos Agroalimentarios e Biosanitarios. Especializada en Historia da Tradución, Manuela Álvarez é autora de numerosas publicacións en revistas e editoriais de impacto. A súa recente monografía La visibilidad del traductor en los tratados de agricultura, agronomía, viticultura y vinificación (1773-1900), publicada na editorial Comares en 2022 recibiu recensións na revista Estudios de Traducción e Meta Journal des Traducteurs, entre outras. Dirixiu numerosas Teses Doutorais de ampla temática e participou como relatora convidada nun elevado número de congresos tanto nacionais como internacionais. Preside o Congreso Internacional TRADITUR (Tradución e Discurso Turístico) que en 2023 celebrou a súa terceira edición na Universidade de Córdoba. No ámbito internacional colabora asiduamente coas universidades de Sorbonne, Paris Cité e co ISIT de París nas que realizou estancias docentes e de investigación. Investigadora principal de Proxectos I+D internacionais e autonómicos, é avaliadora externa para revistas de gran relevancia tanto nacionais como internacionais como Çédille, Tangence, Mutatis Mutandis e Onomázein, entre outras.