Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV)
Un título que ofrece unha formación completa en todos os eidos da industria do videoxogo con vistas a formar especialistas no exercicio profesional da tradución e a interpretación neste sector estratéxico do mercado.
Comezos
O Título Propio de ETIV creouse e estreouse durante o curso 2018-2019 grazas a un grupo de tres profesores do Grupo de Investigación Tradución & Paratradución (T&P) (Óscar Ferreiro Vázquez, Ramón Méndez González e José Yuste Frías) ao que se uniu un cuarto no curso 2019-2020 (Emmanuel Bourgoin Vergondy).
Formación
A formación que ofrecemos tenta non pasar por alto ningún dos aspectos importantes que as empresas esixen ás persoas traballadoras deste sector estratéxico, polo que, aínda que o foco central sexa a localización de videoxogos en si mesma (con ingame, subtitulado e dobraxe), tamén se traballa con mercadotecnia e publicidade nas estratexias comunicación internacional, tradución de software, interpretación especializada no eido dos videoxogos, tradución para a prensa ou tradución literaria da narrativa aumentada e transmedia baseada en videoxogos.
Empresas colaboradoras
Para conseguir os nosos obxectivos formativos contamos coa colaboración proactiva de empresas colaboradoras nacionais e internacionais.
Obxectivos
O obxectivo é ampliar a formación que se imparte na materia Tradución de videoxogos do MTCI dende o curso 2013-2014 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
O Título Propio de ETIV da UVigo foi deseñado para ofrecer unha formación eminentemente práctica na que todo o corpo docente achega ao alumnado a textos, paratextos, casos e situacións reais como o que se podería atopar no mercado profesional da tradución e localización de videoxogos.
Docencia
As 200 horas de docencia son impartidas por profesorado universitario e profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional para que o alumnado remate a súa formación presencial cunha visión real, completa e próxima da práctica profesional.