Programa de Doutoramento Internacional en Tradución & Paratradución (T&P)

O Doutoramento en Tradución e Paratradución é o único Programa de Doutoramento en tradución e interpretación de toda a eurorexión Galicia-Portugal e o seu título aparece acreditado oficialmente e cumpre con todos os requisitos de calidade e esixencia regulados por lexislación vixente.

Trátase dun posgrao de investigación de terceiro ciclo que responde á demanda de formación por parte do alumnado da titulación do grao en Tradución e Interpretación. 

Creado durante o curso académico 2004-2005, o Doutoramento T&P foi o primeiro Programa de Doutoramento Internacional en rede dentro da Universidade de Vigo. Hoxe en día está acorde coa normativa do Real Decreto 99/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan os ensinos oficiais de doutoramento.

Docencia

O modelo de docencia semipresencial permite cursar completamente a distancia, así como asistir ás sesións presenciais realizando auténticas prácticas de campo en Ciencias Humanas e Sociais. 

No doutoramento T&P, ofrecemos un conxunto equilibrado de contidos teóricos e prácticos con vistas tanto á investigación como á preparación dos e das profesionais da tradución e da interpretación. O conxunto das teses defendidas polo noso alumnado constitúe unha proba científica de todo o traballo de investigación levado adiante ata hoxe.

Formación

O programa de Doutoramento T&P responde á transformación teórica e metodolóxica que viviu a área científica de Tradución e Interpretación na última década, ofrecendo contidos teóricos procedentes das distintas fases de descrición, estudo e análise das actuais realidades socio profesionais da era dixital. O cal garante, desde o principio, a continuidade entre teoría e práctica.

Convenios

O Doutoramento T&P ofrece modelos e protocolos de punteiras prácticas profesionais a través de convenios cos sectores profesional, empresarial e institucional que colaboran nos proxectos I+D+i do Grupo de Investigación T&P. Procúrase responder ás necesidades existentes nos ámbitos das tecnoloxías da información, do turismo, da publicidade, das industrias da cultura, e, por suposto, da divulgación científica do coñecemento.

No programa de doutoramento en Tradución & Paratradución (T&P) investígase como, ao longo da historia, a tradución e a interpretación foron prácticas fundamentais na construción de calquera cultura e na súa capacidade de cambio.

Filosofía e tradución

Imaxe e tradución

Literatura e tradución

Lingüística e tradución

Memoria e tradución

Migración e tradución

Mestizaxe, identidade e tradución

Antropoloxía e tradución 

Pantalla e tradución

Sectores estratéxicos da tradución

Máis sobre T&P

Como exemplo sirvan os tres programas Web-TV de divulgación científica dedicados ao mundo da tradución e interpretación: Zig-Zag, Exit e Pílulas T&P. Programas TV en liña do Grupo de Investigación T&P que pretenden apoiar a formación e valorizar a investigación básica, o desenvolvemento e a innovación, así como a propia transferencia produtiva do coñecemento.